domingo, setembro 27, 2009

Sete fábulas de Esopo [+8 anos].- Esopo

1. A carricanta e a formiga

    De inverno, téndose mollado os grans, as formigas apradáronos para secar.
    Unha carricanta, morta de fame, non facía máis ca lles pedir comida. Mais as formigas dixéronlle:
    "E logo, por que durante o verán non recolliches comida?"
    Ela respondeu:
    "Eu non folgaba, senón que enchín os campos coas miñas harmoniosas cantigas".
    As formigas, rindo, dixéronlle:
    "Daquela, se de verán cantaches, de inverno baila". 


2.O león e o touro


    Un león meditaba dende había moito tempo como matar un touro. Un día decidiu levar a súa por riba grazas á astucia.
    Fíxolle saber que capturara un carneiro e convidouno ao banquete. Preparara todo para o asaltar logo que xa estivese sentado. O touro foi á cea, viu moitas tixelas, grandes brochetas, mais do carneiro non había rastro.
    Daquela, sen dicir mesmo unha palabra, marchou. O león chamou por el e preguntoulle o motivo do seu comportamento, á vista de que non sufrira aldraxe ningunha.
    E o touro respondeulle:
    "Eu ben vin todo o que había para cociñar, mais non un carneiro, senón un touro..."


3. O morcego, a silveira e a gaivota


    Haivos xa moito tempo, un morcego, unha silveira e unha gaivota xuntáronse nun illó para formaren unha estraña sociedade comercial fundada na venda de tecidos e de cobre. A silveira posuía unha boa cantidade de la, seda e algodón lograda mercé ao produto do traballo dos seus antenados. Conservara os seus produtos á espera dunha boa ocasión para os poder vender.
    O morcego, sendo o máis hábil dos tres en cuestión de negocios, dedicouse a procurar o diñeiro preciso para a adquisición dunha boa embarcación sobre a que transportar os materiais até o continente. Para iso, discutiu con algúns usureiros, aos que debería devolver o duplo do diñeiro emprestado. Así, co discreto
capital que tiña ao seu dispor, mercou un bote de remos.
    A gaivota, en troques, recollera unha chea de cobre abandonado probablemente por algún mercadeiro. Encheuse de paciencia e recuperou todo aquel tesouro que serviría para a sociedade común.
    Chegou ao cabo o gran día. Todos tres cargaran todo o que tiñan no bote e xa estaban dispostos para partir.
    "Esperemos que este bote sexa robusto de máis", dixo a gaivota inquieta.
    "Se o tempo segue calmo, todo irá moito ben", respondeulle o morcego.
    Á fin, os amigos embarcaron e partiron. Mais pola tardiña, un temporal terrible buligou as augas do mar, até que unhas ondas enormes enguliron a barquiña sen piedade. Os tres compañeiros déronse salvado, mais perderon todo o que tiñan.
    Desde aquel día, o morcego, incapaz de afrontar todas as débedas que ten, nada máis sae de noite para os usureiros que queren recuperar o seu diñeiro non daren con el; a gaivota aprendeu a quedar apoiada sobre os escollos mariños á espera de que a auga lle restitúa o seu cobre; e por fin, a balseira aguzou as súas espiñas para esgazar as roupas dos paseantes co fin de reconstruír, farrapo a farrapo, o seu patrimonio de tecidos daquela perdidos.


4. A raposa e o león


    Aquela mañá, unha raposa ía toda tranquila polos prados cheos de flores despois da terrible estación do inverno. O perfume da natureza facíalle cóxegas nos narices avivándolle a fantasía, permitíndolle soñar con países afastados, belos e descoñecidos. De sotaque, algo chamou a súa atención. Tratábase dun ruxido violento.
    Era algo que ela non sentira na vida. Alerciada, correu esconderse tras dunhas bouzas. Desde alí podía ver, abeirada tras das follas, o animal que emitira aquel son espantoso: tratábase dun león, unha besta pavorosa. Chea de medo, a raposa liscou o máis rápido que foi quen.
    Despois daquel episodio aínda pasaron un par de días tranquilos, como se xa o tivese esquecido, cando, de repente, a pequena raposa se topou de fociños co león. Daquela parecía como se o Rei da Selva se lle chantase diante para lle torgar o camiño. Ela, aterrorizada, púxose a tremer como unha folla, mais quedou inmóbil no seu sitio, até que o león se deu afastado.
    A terceira vez que a raposa se atopou con aquel enorme e potente animal de ruxido pavoroso, decatouse que aos poucos os seus medos ían desaparecendo. Así, durante os vindeiros encontros que tivo co león, foi quen de se mostrar moito máis calma e chegou mesmo a saudalo cun ledo "bo día".
    Á fin, cando tivo maneira de velo, a raposa probou a lle falar e conseguiu ao cabo descubrir nel dotes coma a coraxe e a intelixencia.
    Desde aquel día, non cansou nunca de escoitalo, estando certa de que, da experiencia dun animal tan valente e tan bo cazador, nada máis podería obter vantaxes.


5. A gata e Venus

    Unha gata namorouse dun mozo, por iso pediu a Venus que a transformase en muller.
    Venus aceptou o seu rogo e transformouna nunha fermosa damisela. Tan pronto como o mozo a viu, namorouse dela e levouna onda el como prometida.
    Mentres os dous repousaban no cuarto, Venus quixo saber se a gata non só mudara a súa forma, senón tamén os seus hábitos de vida, por iso introduciu un rato no cuarto.
    A gata, esquecendo a súa condición presente, saltou do leito e perseguiu o rato co gallo de comelo.
Venus quedou toda deludida e devolveu á gata a súa forma primitiva. 


6. O pastor mentireiro


    Érase daquela un pastoriño que pasaba moito tempo a coidar das ovellas, mais como ás veces aborrecía en véndoas pastar, moitas veces imaxinaba cousas que podería facer para se divertir.
    Un día decidiu que sería prestoso divertirse á costa da xente do lugar. Por iso achegouse á aldea máis próxima e comezou a berrar:
    "Socorro, que vén o lobo!"
    Os aldeáns pillaron todo o que tiñan a man e acudiron na axuda do pobre pastor que pedía auxilio, mais cando chegaron alí, descubriron que toda fora unha brincadeira do pastor. E claro, eles anoxáronse todos.
    Da que os aldeáns xa marchaban, ao pastor fixéralle tanta graza a brincadeira que pensou en
repetila. E cando os aldeáns xa estaban moi lonxe, volveu berrar:
    "Socorro, que vén o lobo!"
    Os aldeáns, en volvendo a ouvilo, comezaron a correr novamente onde o rapaz para o auxiliaren, pensando que daquela si se presentara alí o lobo e que precisaba axuda.
    Mais en chegando arriba, viron o pastor botado polo terreo, a escachar de riso á vista dos aldeáns armados. Os aldeáns anoxáronse aínda máis, pero marcharon.
    Ao outro día, el pastor volveu coas ovellas ao mesmo campo. Aínda ría cando se lembraba de como corrían os aldeáns. Mais non vai contar con que aquel día si se achegou o lobo. O medo subiulle pola espiñela e púxose a berrar:
    "Socorro!! O lobo!! Vaime comer todas as ovellas!! Socorro!!"
    Mais os aldeáns, escarmentados polo que acontecera no outro día, non o escoitaron.
    O pastor vía como o lobo se lle aventaba sobre as ovellas e berraba máis e máis desesperado:
    "Socorro! O lobo! O lobo!"
    Mais os aldeáns non lle fixeron caso.
    E desta maneira, o pastor foi testemuña de como o lobo lle mataba varias ovellas sen que ninguén tivese acudido na súa axuda, pois todos consideraron que o pastor era un mentireiro.




7. A raposa e as uvas


    Unha raposa pasou embaixo dunha parreira cargada de uvas ben curiosas.
    Quedou a mirar para elas chea de cobiza.
    Deu moitos saltos, tentou subir á parreira, mais non o logrou.
    Despois de moito tentalo, deuse media volta e marchou dicindo:
    "A verdade é que nin me interesan. Se están até verdes..."

Continuación de cinco fábulas anteriores

© Tradución: Xavier Frías Conde.
All rights reserved worlwide