terça-feira, janeiro 09, 2024

PON OS MEUS ZAPATOS

 



— Marica, marica!


Cada vez que había unha partida de fútbol, ​​o Miro tiňa que aturar os berros dos seus compaňeiros. Tanto tiňa que fose o mellor gardarredes da escola e que grazas a el a equipa do curso fose a primeira na liga escolar.


Mal se trataba dun pequeno grupo de compaňeiros, capitaneados polo Fredo, ao cal, desde sempre, lle meteran na cabeza que os rapaces que gustan de rapaces son xentalla, que merecen o maior desprezo e por riba ofenden os sentimentos relixiosos.


Por iso, en todas as partidas da liga escolar, o Miro tiňa que se concentrar para ser o mellor gardarredes da escola e ignorar os insultos ás súas costas que se escoitaban por toda a cancha.


Con todo, durante as aulas, nin o Fredo nin os seus secuaces se achegaban a Miro, só o insultaban á distancia, ás escondidas, porque non contaban co anonimato do grupo:


— Marica, marica!


O Miro sufría o asedio en silencio, mais o fútbol era a súa paixón e grazas a el sobrevivía na escola.


— Iso é asedio escolar —terminou protestando a mai do Miro ante o director.


Mais o director era tan homófobo como a banda do Fredo.


— Miňa querida seňora —respondeu cun sorriso hipócrita o director—, iso son cousas de rapaces.


— Mais vostede ben sabe que hai nenos e nenas que se suicidaron polo asedio sufrido na escola, non? —insistiu a mai.


— Exaxeracións, son nenos febles— rematou o asunto o director.


A mai do Miro abandonou a reunión co director chea de rabia. Nin sequera dixera ao Miro que ía a falar coa máxima autoridade da escola, mais o rapaz deuno sabido.


Non obstante, o Miro non quería que súa mai lle resolvese os seus problemas. E sabía que co diálogo non ía lograr nada, porque até os pais do Fredo impulsaron unha campaňa contra el, inclusive pediron a súa expulsión da escola por ser un pervertido e, talvez, porque até promovese o virus da homosexualidade entre o resto dos estudantes.


Até aquel día en que nos celulares de moitos dos rapaces e rapazas da escola apareceu unha gravación onde se vía o Fredo e algúns dos seus secuaces a se diciren canto gustaban doutros rapaces e a se bicaren entre eles.


As consecuencias foron aterradoras. Os pais do Fredo sacaron o fillo da escola e levárono a un hospital psiquiátrico relixioso onde o sandasen da súa doenza.


— Xa avisamos que ese Miro tiňa o virus da mariconaría —protestou o pai de Fredo.


— Ese vídeo é falso, é falso! —protestaba o rapaz, mais ninguén lle cría, porque as imaxes eran moi explícitas.


E certamente o vídeo era falso. O Miro, ademais dun bo gardarredes, era un editor de vídeos aínda mellor.


Despois de as imaxes seren difundidas, o peor foi que ninguén se deu conta do final do vídeo, só repararon nas imaxes, porque a gravación terminaba cunha enigmática frase: Pon os meus zapatos.

© Frantz Ferentz, 2024