segunda-feira, outubro 28, 2024

ARCHIVALDO, CABALEIRO MATADRAGÓNS

 

Era unha vez un suxeito chamado Archivaldo, duque do Caldo. Na verdade el non era duque, mais gustaba de colocar algunha cousa despois do seu nome para se dar importancia.

Archivaldo tiña un oficio pouco usual: era un cabaleiro matadragóns. Iso quer dicir que gañaba a vida eliminando dragóns no reino de Terraboba.

Archivaldo era o mais eficiente cabaleiro para acabar con calquera dragón, non había ningún coma el; ninguén, en toda a historia de Terraboba, conseguira resultados tan bos. Por iso, o rei Evidencio pagáballe moito diñeiro.

— Es o meu mellor cabaleiro matradragóns —dicíalle o rei cada vez que acudía ao palacio coa cabeza dun dragón para cobrar a recompensa  e dáballe unhas palmadiñas nas costas, porque era un rei moi afectuoso aquel Evidencio..

Até aquel día; cando foi ao palacio para recibir algún encargo de eliminación de dragóns, o visir díxolle:

— Os dragóns están extintos. Xa non fica ningún en todo o reino de Terraboba.

O cabaleiro Archivaldo non era moi intelixente, daquela non entendeu moito ben o que significaba “extinto” e preguntou:

— O que significa extinto?

— Significa que xa non hai más. Que non hai ningún vivo.

Iso si era un problema, porque Archivaldo só sabía matar dragóns. Non fixera máis nada na súa vida, só cortar pescozos de dragóns.

Sen dragóns, non cobraría.

Se non cobraba, non comería.

Tería que procurar traballo.

Mais que? El só sabía matar dragóns!

Recorreu ao rei:

— Maxestade, como non podo matar dragóns, podes darme algún traballo aquí no palacio? Sabes que manexo a espada mellor ca ninguén.

O rei Evidencio, que era un afeccionado das armas e até tentou ser un matadragóns el mesmo, sentiu lástima do Archivaldo e púxoo á proba un tempo como garda persoal. En que momento o rei tivo aquela idea... foi horríbel, porque Archivaldo pensaba que seguía a cazar dragóns.

Primeiro, atacou un vendedor de verduras que fornecía as cociñas do palacio e partiulle as couves e as cabazas pola metade, deixando o chan cheo de restos...

Segundo, atacou os cabalos das cortes, os preferidos do rei, mais os cabalos poden ser máis perigosos que os dragóns, pois os cabalos dan couces, contra as cales Archivaldo non se sabía defender — si sabía polo contrario defenderse das laparadas.

Terceiro, confundiu as linguas de néboas co fume do lume dos dragóns e tratando de loitar contra elas botou embaixo a golpes de espada medio muro de contención do castelo real.

O visir foi falar co rei:

— Rei Evidencio, temos que facer algo co cabaleiro Archivaldo. Se o descoidamos, vai acabar con medio reino ás espadadas.

— Coitado, é tan cimpre. Non che sabe facer nada fóra de matar dragóns. Se polo menos puidese saír do reino e ofrecer o seu brazo para acabar con outros dragóns por aí fóra...

— Certo, maxestade, mais o Archivaldo non sabe idiomas. Cando preguntase por algún dragón, probabelmente o mandarían cazar galiñas.

O rei rañou o queixo, era preciso procurar unha solución ao caso do Archivaldo, antes de o cabaleiro estragar o reino.

— Consulta cos embaixadores —dixo o rei ao visir— para che comentaren se nalgún lado fica algún tipo de dragóns e nós envíamos o Archivaldo para aló.

O visir consultou e consultou con todos os embaixadores e embaixadoras, até que, ao cabo, a embaixadora de Fatalandia lle dixo que había un arquipélago no seu país onde moraban unhas criaturas con varios cornos, acoirazadas, temidas por todos os mariñeiros.

— E botan lume? —preguntou o visir.

— Iso non sabemos, aínda non regresou ningún mariñeiro para contar máis cousas sobre eses bicho.

O visir pensou que aqueles eran uns animais perfectos para manter o Archivaldo ocupado lonxe de Terraboba. O primeiro ministro, xa que logo, convenceu o rei Evidencio para fretaren un barco até o arquipélago e montaron o cabaleiro nel so a promesa de grandes batallas e montes de diñeiro, mais mormente coa hipótese de ter moita publicidade sobre a súa loita desigual contra unha nova raza de dragóns.

Mais a nave do reino de Terraboba non ía chegar até a beira, era moito risco. Lanzaron o cabaleiro Archivaldo cunha catapulta e aterrou na area. E deron media volta e liscaron a toda a velocidade, non fose que aqueles dragóns acoirazados soubesen nadar.

Así que Archivaldo aterrou de cu na praia, ergueuse e foi procurar os dragóns acoirazados.


Axiña viu un. E non, non lanzaba lume. Non lle facía falla. O Archivaldo tentou pinchar o bicho na pata coa súa espada. Mais o animal largou unha especie de riso, até parecía que lle facía cóxegas. E xa non tentou máis nada. O bicho bateu coa cauda na cabeza, mais por sorte o Archivaldo levaba un bo capacete de aceiro inoxidábel.

Cando acordou, horas despois, estaba pendurado nunha gaiola. Estaba nunha cova, que era a tobeira daquelas bestas tan estrañas.Alí moraban un pai, unha mai e un fillo. Na verdade, non eran dragóns, mais unha especie de dinosauros chamados tricerátops. Mais iso o Archivaldo non sabía, ben, nin el, nin ninguén.

O pai argallaba coa madeira, mentres a mai pintaba as paredes. Falaban entre si, en lingua de dinosauros, sen Archivaldo entender unha palabra. Por iso, non comprendeu cando o fillo, que adoptara Archivaldo coma mascota, preguntou aos pais:

— E vós que credes que come esta criatura?

— Leituga, con certeza come leituga — respondéronlle.

E o tricerátops fillo meteu unha folla de leituga na gaiola de Archivaldo e faloulle en dinosaurés, que soaba terríbel, mais só lle estaba a dicir:

— Quen o bichiño máis tenro do mundo? Quen é?


© Frantz Ferentz, 2024


quinta-feira, outubro 24, 2024

A MALDICIÓN DE CARAMBOL









Personaxes
  • REI.
  • RAIÑA.
  • MORDOMO do palacio.
  • Bruxa AMIDOA, que é boa e veste de rosa.
  • Bruxa ARNES, que é ruín e vestre de preto.
  • Bruxa TIROLINCA, filla da bruxa Arnes e veste de calquera cor, agás de preto.
  • CARAMBOL adulto, é un músico ambulante que leva pendurados varios instrumentos, como frauta, violino, pandeireta, etc.
  • CORTESÁNS e SOLDADOS no salón do trono.
  • ALDEÁNS e ALDEÁS varios da aldea.
  • BRUXOS e BRUXAS varios na mansión de ARNES.

ACTO 1


Salón do trono. O REI e a RAÍÑA están sentados en cadanseu trono, de fronte á platea. Ao lado da RAÍÑA hai un berce, onde repousa o príncipe CARAMBOL, que non é visíbel porque fica dentro do berce e cuberto con cobertores. Os cortesáns, de pé, fican en derredor a formaren un semicírculo.

Entra o MORDOMO. Vén dun lateral e colócase de fronte aos reis.

MORDOMO [Aos REIS, facendo unha inclinación da que se coloca perante eles]. Acaba de chegar a bruxa Almidoa para lanzar o seu esconxuro benéfico ao noso benquerido príncipe Carambol.

REI. Que pase.

MORDOMO [A berrar para un lateral]. Que pase!

Entra AMIDOA. Veste de rosa e leva na man esquerda un parachuvias tamén rosa, aínda que dentro nin chove nin bate o sol. Camiña aos pulos, con pasiños curtos. Chega perante os REIS. Na man dereita leva a súa variña máxica que mexe como se fose unha maestra de orquestra. Ten voz de xipro, moi aguda.

AMIDOA. Ola, maxestades. Como estades?

RAÍÑA. Bruxa Amidoa, grazas por vires. Queremos que outorgues un don ao noso fillo Carambol para o futuro.

AMIDOA. Claro, miña rula. Iso está feito.

AMIDOA achégase ao berce. Fai un par de xiros coa variña por riba do miúdo e logo pronuncia unha fórmula máxica.

AMIDOA [A imitar a linguaxe dun bebé] Agú, agugú, angalé, aió, aió. Cando a crianza medrar, saberá tocar instrumentos musicais coma ninguén no reino. Será un virtuoso.

Todos ollan pasmados para AMIDOA, quen remata a súa actuación a pasar novamente a variña por riba do berce con dúas reviravoltas.

AMIDOA [A sorrir e na punta das dedas, coma unha balerina]. Feito.

Algúns CORTESÁNS aplauden como se tivesen asistido a unha actuación do teatro. O MORDOMO failles xestos coas mans para pararen. Os aplausos cesan. AMIDOA failles unha inclinación, sempre co parachuvia na man a lle protexer a cabeza.

REI. Obrigados, bruxa Amidoa. Podes marchar.

AMIDOA. Obrigada, maxestade. Xa vos envío a factura dos meus servizos.

AMIDOA retírase como entrara, a dar pasos curtos e puliños. Sae polo lateral.

REI. Mordomo, quen é a seguinte bruxa que vai lanzar esconxuros positivos sobre o meu fillo, o príncipe?

MORDOMO. Maxestade, non fican bruxas boas no reino. Amidoa era a única e...

Interrómpese. Soa unha explosión por fóra. Vese mesmo un lóstrego. Entra no palco ARNES a correr, como se cabalgase, montada nun vasoiro entre as pernas, mais non voa.

Chántase perante os REIS. Entre os CORTESÁNS xorden murmurios de medo e de sorpresa.

ARNES. E logo, como é que vos esquecestes de min?

Silencio.

ARNES. Eu sonvos a bruxa máis bruxa de todo o reino. E até son a decana das bruxas.

RAÍÑA [A berrar]. Ti es unha bruxa ruín, moi ruín, por iso non fuches convidada.

ARNES. Pormenores, miña raíña, pormenores. Non é cuestión de sermos boas ou ruíns, mais de sermos poderosas. E ningunha bruxa nesta terra é máis poderosa ca min.

Óuvense comentarios entre murmurios que saen dos CORTESÁNS.

ARNES [Irónica, a pór voz de boíña]. E eu sinto que quero tamén dar o meu agasallo ao príncipe, porque algún día el tamén será o meu rei, coma vós, maxestade [e apunta para o rei, que dá un puliño no trono pola mor do medo que lle causa a bruxa].

E antes que ninguén poida reaxir, a bruxa achégase até o berce do príncipe e lanza o seu esconxuro directamente coas mans.

ARNES. Fetebunt pedes tui post horam canendi!! [Soa un alostro]. Así, en latín, para que soe máis brutal.

CORTESÁN 1. Que dixo?

CORTESÁN 2. Algo de que os croasáns saben mellor con manteiga de maní.

CORTESÁN 3. Creo que dixo que esta noite hai eclipse solar?

CORTESÁN 4. Eclipse solar á noite? Imposíbel.

Móntase unha discusión improvisada entre os CORTESÁNS, mais o que din non se entende.

ARNES. Silencio!! [Calan todos]. A ver se teñen un pouquiño de cultura. Estuden latín! O que dixen foi: “que che fedan os pés despois dunha hora de faceres música”.

Outra vez murmurios entre os CORTESÁNS.

REI. Que pretendes, bruxa?

ARNES. Pretendo gañar o pan e facer de bruxa, que é o meu oficio.

RAÍÑA. Lanzaches un esconxuro contra o meu fillo para que despois dunha hora a tocar música o fedor dos seus pés sexa inaturábel?

ARNES. Es a máis intelixente de aquí, oh miña raíña.

CORTESÁN 2. E logo, ti non serás a mesma bruxa da historia da Bela Adormecida?

ARNÉS. Non, esa era a miña curmá. Coitada, que mal acabou. En fin, ando ás présas, que me esperan para aprender a un sapo xigante a lanzar lapas pola boca e debaixo da auga. Aburiño.

A bruxa ARNES sae do palco como entrara, a cabalgar un vasoiro, sen que ninguén ouse detela.

RAÍÑA [Tráxica] Ai, que desgraza! E agora que faremos? O noso fillo, así que aprenda a tocar un instrumento, axiña producirá un fedor insoportábel dos pés que afastará toda a xente ao redor del! [Ao REI agarrándolle a manga]. O que faremos, meu señor, o que faremos?

REI. O que é que pensas? É claro, abandonármolo no bosque e concerbirmos outro fillo, mais xa sen pedir esconxuros!

A RAÍÑA larga un berro desgarrado, mentres uns SOLDADOS agarran o berce e saen con el. A RAÍÑA cae de xeonllos e chora desconsolada, mentres os CORTESÁNS murmuran.

Escuro.




ACTO 2


No medio do camiño. Hai árbores nos costados. Unha grande pedra en que senta CARAMBOL. Toca a frauta, mais escóitase coma unha orquestra. Como é pregravado, soa A Cavalgata das Valquirias de Wagner. Son só os primeiros compases.

Veste un chisco coma un bufón, con mallas axustadas, un gorro longo rematado nunha bola de la. Non calza zapatos, mais dúas caixas de zapatos de papelón onde tenta conter o fedor dos seus pés.

Algúns aldeáns que pasan por alí coas súas ferramentas (gadañas, fouzos, garabatos, etc.) van ficando ao seu redor. Están fascinados coa interpretación marabillosa do príncipe músico. A música soa por medio minuto, logo, a seguir, os ALDEÁNS senten que lles falta o alento, levan a man para o pescozo e caen no chan como se afogasen, entre toses. Ao cabo, fican todos desmaiados.

CARAMBOL para de tocar a frauta. Bate con ela nunha das caixas que lle fai de zapato. Despois, bótase a chorar.

Entra TIROLINCA. Fica a enxergar o persoal que xace polo chan. Ela veste máis ou menos normal, mais cun gorro bicudo de bruxa, todo en cor laranxa. Leva unha rosa prendida na blusa e sostén un vasoiro na man.

Achégase a CARAMBOL, que aínda non a viu. TIROLINCA fai xestos coa man por diante do nariz, como para afastar o cheiro mortal que se estende no ambiente.

TIROLINCA. Que peste por aquí, non si?

CARAMBOL reacciona. Alza a vista e fica a ollar para TIROLINCA un chisco abraiado.

CARAMBOL. E logo? Seica ti es inmune ao fedor que producen os meus pés?

TIROLINCA. Os teus pés? Serio iso sae dos teus pés [e acena para as caixas].

CARAMBOL. Si, iso sae dos meus pés. É unha longa historia, mais cóntame como é que ti non desmaias co cheiro que producen os meus pés.

TIROLINCA. Ah, iso é grazas a un encantamento que eu mesma lancei. Créase unha especie de película invisíbel ao redor da miña cabeza, mais este cheiro é tan potente que até unha pequena parte del penetra a película...

CARAMBOL. Daquela ti es unha bruxa. [Apértase os ombros, en sinal de medo].

TIROLINCA. Eh, si... Mais sonche unha bruxa boa, que o saibas. Non teñas medo de min.

CARAMBOL [Máis calmo]. Téñoche fiúza. Tes cara simpática... para seres unha bruxa.

TIROLINCA [Sorri]. Obrigada. Entón, cóntame a túa historia.

CARAMBOL. Éche moi triste. Aquí, onde me ves, son un príncipe.

TIROLINCA. Serio? Non pareces...

CARAMBOL. Pois son, acredita. Segundo me contou a labrega que me criou, quen considerei a miña mai, son fillo do rei e da raíña, que mandaron ás bruxas que me concedesen algún don ou talento. A primeira bruxa concedeume o talento da música, son verdadeiramente un virtuoso que toca calquera instrumento e até son capaz de facer soar calquera cousa. [Pausa]. Mais despois da primeira bruxa, veu a segunda, que estaba brava porque non fora convidada á miña festa. E vingouse lanzándome unha maldición polo cal despois dunha hora a tocar calquera instrumento, os meus pés comezarían a feder de tal maneira que ninguén o aturaría [e acena para o persoal deitado polo chan desmaiado]. Eis a mostra.

TIROLINCA. Xa vexo.

CARAMBOL. En fin, polo visto, o rei, meu pai [isto soa irónico], decidiu desfacerse de min e pagou a unha labrega lonxe do palacio para me criar. Cando fixen dezaoito anos, ela contoume toda a verdade. Daquela xa descubrira que podo tocar calquera instrumento e, asemade, que aos poucos de tocar, xurdía de min esta peste dos pés.

TIROLINCA. Pobriño.

CARAMBOL. Tentei gañar a vida coa música, mais non podía tocar máis de cincuenta e nove minutos. Por iso, tiña que saír das festas das aldeas ás carreiras para evitar ser linchado, pois todos querían que eu continuase a tocar, [a se lamentar] mais eu facíao polo seu ben! E así ando polos camiños do país a tentar gañar unhas moedas coa música, porque é a única cousa que sei facer.

TIROLINCA. Podes tocar a Quinta Sinfonía de Beethoven só con esa frauta?

CARAMBOL non se fai repetir. Toma a frauta e comeza a soar a Quinta Sinfonía de Beethoven como se fose unha orquestra filharmónica.

TIROLINCA. [A lle facer xestos coas mans para parar]. Chega, chega, xa vin. Es realmente un virtuoso.

CARAMBOL. Obrigado.

TIROLINCA. A propósito, como se chamaba a bruxa que che lanzou o segundo esconxuro.

CARAMBOL. A que me arruinou a vida?

TIROLINCA. Esa mesma.

CARAMBOL. Arnes.

TIROLINCA dá un paso atrás e pon cara de sorpresa.

CARAMBOL. Seica a coñeces?

TIROLINCA.   Coñezo... é miña mai.

Ambos fican parados, a se miraren.

Escuro.

TELÓN


ACTO 3



Salón da mansión da bruxa ARNES. O palco está todo adrezado para unha festa. Nas mesas hai pasteis e unha torta. No fondo, na parede, hai unha fita moi grande onde fica escrita: «MOITOS PARABÉNS, TIROLINCA».

Xa do inicio, soan coma música de fondo o Concerto para Piano nº1 de Tchaikovsky.

Hai criados que van e veñen a colocar pratos e copos.

Entra ARNES, sempre vestida en preto, coa súa vasoura entre as pernas, como sempre, agarrada cunha soa man. Contempla a sala. Nótaselle satisfeita. Asente coa cabeza.

Pouco a pouco van entrar os convidados. Son bruxos e bruxas que van tomando posicións no salón. Están ao agardo de TIROLINCA.

Finalmente, TIROLINCA entra no palco. Veste un vestido de bruxa rosa, cun gorro bicudo a xogo. Os BRUXOS e BRUXAS que están na sala aplauden a súa chegada.

TIROLINCA achégase á súa mai e dálle dous bicos nas meixelas.

ARNES. Estás moi linda, filliña. [Tómalle a man e faille dar unha volta sobre si mesma].

TIROLINCA. Graciñas, mai.

ARNES. Convidei todos os bruxos e bruxas do continente, das mellores familias, para celebraren contigo o teu día de anos.

TIROLINCA. Sempre tan atenta, mai.

ARNES. Todo por miña filla.

TIROLINCA. Non che merezo, mai.

ARNES. Ai, filla, ruborízasme. [Fai un xesto coa man para baixo, querendo dicir que non tiña importancia]. A propósito, eu non contrarei ningunha orquestra, mais iso que está a soar por aí é formidábel. Algún esconxuro novo que eu non coñezo?

TIROLINCA. Non, mai, é un músico de carne e óso.

ARNES. Músico? Apenas un? Fabuloso, gustaba de o coñecer.

TIROLINCA. Claro, mamá. [Bate as palmas dúas veces].

Polo lateral entra CARAMBOL, vestido como acto anterior, e aínda coas caixas de zapatos nos pés.

ARNES. Como é posíbel? Un só home pode reproducir toda unha orquestra e só cunha frauta?

TIROLINCA. E non só iso.

ARNES. Aínda hai máis?

TIROLINCA. Si, que en dez segundos fará unha hora que está a tocar...

ARNES. Unha hora? Ehhh... [Hesita]. Iso recórdame algo... algo... mais o que?

De repente, os convidados comezan a tusir. Un por un, van caendo ao chan, coas mans na gorxa, como se asfixiasen. Fican desmaiados. Até ARNES, que tamén dá por caer. TIROLINCA colócase ao seu carón axeonllada.

Nese momento, CARAMBOL para de tocar, mais apenas uns instantes, pois é só para mudar a sinfonía. Comeza a tocar O Bolero de Ravel cunha harmónica que quita dun peto.

ARNES [Con moito esforzo] Xa sei quen é. É aquel bebé a quen botei unha maldición... Mais nunca cheguei a imaxinar que un fedor de pés puidese chegar a ser tan horríbel...

TIROLINCA. Só unha bruxa pode desfacer un feitizo tan potente coma ese: a mesma bruxa que o lanzou.

ARNES. Nunca!

TIROLINCA. E de que che serviu, mai? O rei tivo outro fillo e este coitado ficou maldito pola túa má baba. Nunca ten habido un músico con tanto talento en todo o reino coma Carambol.

ARNES. Foi a miña vinganza!

TIROLINCA. Que bobada de vinganza? Só chorou súa mai, a raíña, que logo morreu de dor. Imaxinas o que sentirías ti se eu che fose arrebatada e non me vises máis nunca? Por moi bruxa que sexas, es primeiro unha mai.

ARNES aínda tose. Buliga a man.

TIROLINCA. E se me obrigas a pór na práctica as cousas feas que aprendín de ti, aínda que eu me considero unha bruxa ruín, heiche dicir que lancei un encantamento contra todas as xanelas e portas da túa mansión que non poderán ser abertas. Entrementres, Carambol continuará a tocar sinfonías, que coñece ben delas, até a atmosfera ser irrespirábel até para as bruxas.

ARNES [Cun fío de voz]. Non, filla, iso non.

TIROLINCA. Xúrame que lle quitarás o esconxuro, mamá.

ARNES [Cun grande esforzo]. Xu--- xu--- ro.

ARNES perde o sentido. TIROLINCA érguese e olla para CARAMBOL, o cal retira a harmónica da boca, quita doutro peto unha folla de leituga e comeza a soar o Cánone de Pachelbel, que soará uns segundos até escuro.


TELÓN