Era unha vez un suxeito chamado Archivaldo, duque do Caldo. Na verdade el non era duque, mais gustaba de colocar algunha cousa despois do seu nome para se dar importancia.
Archivaldo tiña un oficio pouco usual: era un cabaleiro matadragóns. Iso quer dicir que gañaba a vida eliminando dragóns no reino de Terraboba.
Archivaldo era o mais eficiente cabaleiro para acabar con calquera dragón, non había ningún coma el; ninguén, en toda a historia de Terraboba, conseguira resultados tan bos. Por iso, o rei Evidencio pagáballe moito diñeiro.
— Es o meu mellor cabaleiro matradragóns —dicíalle o rei cada vez que acudía ao palacio coa cabeza dun dragón para cobrar a recompensa e dáballe unhas palmadiñas nas costas, porque era un rei moi afectuoso aquel Evidencio..
Até aquel día; cando foi ao palacio para recibir algún encargo de eliminación de dragóns, o visir díxolle:
— Os dragóns están extintos. Xa non fica ningún en todo o reino de Terraboba.
O cabaleiro Archivaldo non era moi intelixente, daquela non entendeu moito ben o que significaba “extinto” e preguntou:
— O que significa extinto?
— Significa que xa non hai más. Que non hai ningún vivo.
Iso si era un problema, porque Archivaldo só sabía matar dragóns. Non fixera máis nada na súa vida, só cortar pescozos de dragóns.
Sen dragóns, non cobraría.
Se non cobraba, non comería.
Tería que procurar traballo.
Mais que? El só sabía matar dragóns!
Recorreu ao rei:
— Maxestade, como non podo matar dragóns, podes darme algún traballo aquí no palacio? Sabes que manexo a espada mellor ca ninguén.
O rei Evidencio, que era un afeccionado das armas e até tentou ser un matadragóns el mesmo, sentiu lástima do Archivaldo e púxoo á proba un tempo como garda persoal. En que momento o rei tivo aquela idea... foi horríbel, porque Archivaldo pensaba que seguía a cazar dragóns.
Primeiro, atacou un vendedor de verduras que fornecía as cociñas do palacio e partiulle as couves e as cabazas pola metade, deixando o chan cheo de restos...
Segundo, atacou os cabalos das cortes, os preferidos do rei, mais os cabalos poden ser máis perigosos que os dragóns, pois os cabalos dan couces, contra as cales Archivaldo non se sabía defender — si sabía polo contrario defenderse das laparadas.
Terceiro, confundiu as linguas de néboas co fume do lume dos dragóns e tratando de loitar contra elas botou embaixo a golpes de espada medio muro de contención do castelo real.
O visir foi falar co rei:
— Rei Evidencio, temos que facer algo co cabaleiro Archivaldo. Se o descoidamos, vai acabar con medio reino ás espadadas.
— Coitado, é tan cimpre. Non che sabe facer nada fóra de matar dragóns. Se polo menos puidese saír do reino e ofrecer o seu brazo para acabar con outros dragóns por aí fóra...
— Certo, maxestade, mais o Archivaldo non sabe idiomas. Cando preguntase por algún dragón, probabelmente o mandarían cazar galiñas.
O rei rañou o queixo, era preciso procurar unha solución ao caso do Archivaldo, antes de o cabaleiro estragar o reino.
— Consulta cos embaixadores —dixo o rei ao visir— para che comentaren se nalgún lado fica algún tipo de dragóns e nós envíamos o Archivaldo para aló.
O visir consultou e consultou con todos os embaixadores e embaixadoras, até que, ao cabo, a embaixadora de Fatalandia lle dixo que había un arquipélago no seu país onde moraban unhas criaturas con varios cornos, acoirazadas, temidas por todos os mariñeiros.
— E botan lume? —preguntou o visir.
— Iso non sabemos, aínda non regresou ningún mariñeiro para contar máis cousas sobre eses bicho.
O visir pensou que aqueles eran uns animais perfectos para manter o Archivaldo ocupado lonxe de Terraboba. O primeiro ministro, xa que logo, convenceu o rei Evidencio para fretaren un barco até o arquipélago e montaron o cabaleiro nel so a promesa de grandes batallas e montes de diñeiro, mais mormente coa hipótese de ter moita publicidade sobre a súa loita desigual contra unha nova raza de dragóns.
Mais a nave do reino de Terraboba non ía chegar até a beira, era moito risco. Lanzaron o cabaleiro Archivaldo cunha catapulta e aterrou na area. E deron media volta e liscaron a toda a velocidade, non fose que aqueles dragóns acoirazados soubesen nadar.
Así que Archivaldo aterrou de cu na praia, ergueuse e foi procurar os dragóns acoirazados.
Axiña viu un. E non, non lanzaba lume. Non lle facía falla. O Archivaldo tentou pinchar o bicho na pata coa súa espada. Mais o animal largou unha especie de riso, até parecía que lle facía cóxegas. E xa non tentou máis nada. O bicho bateu coa cauda na cabeza, mais por sorte o Archivaldo levaba un bo capacete de aceiro inoxidábel.
Cando acordou, horas despois, estaba pendurado nunha gaiola. Estaba nunha cova, que era a tobeira daquelas bestas tan estrañas.Alí moraban un pai, unha mai e un fillo. Na verdade, non eran dragóns, mais unha especie de dinosauros chamados tricerátops. Mais iso o Archivaldo non sabía, ben, nin el, nin ninguén.
O pai argallaba coa madeira, mentres a mai pintaba as paredes. Falaban entre si, en lingua de dinosauros, sen Archivaldo entender unha palabra. Por iso, non comprendeu cando o fillo, que adoptara Archivaldo coma mascota, preguntou aos pais:
— E vós que credes que come esta criatura?
— Leituga, con certeza come leituga — respondéronlle.
E o tricerátops fillo meteu unha folla de leituga na gaiola de Archivaldo e faloulle en dinosaurés, que soaba terríbel, mais só lle estaba a dicir:
— Quen o bichiño máis tenro do mundo? Quen é?
© Frantz Ferentz, 2024
Sem comentários:
Enviar um comentário