segunda-feira, julho 30, 2018

DAMIÁN, O INVISÍBEL

Resultado de imagen para invisible friend

Hai cousas que son complicadas de entender ou até son imposíbeis de comprender. Nin as persoas que se gaban de ser moi sabias a miúdo non entenden cousas como esta.
Mais imos comezar coa nosa estoria antes de vós comezardes a bocexar.
Primeiro teño de vos presentar o protagonista desta estoria. Trátase do Urco. E non, non era un meniño moi normal. Non é que tivese duas cabezas ou seis brazos ou tres ollos. Non, non é nada diso. Entón, o que é que pasaba con el? Tratábase dunha cousa ben simple, mais que por algunha razón inexplicábel incomodaba as outras persoas. O Urco tiña un amigo invisíbel.
Imaxinade os risos na escola cando o escoitaban falar soíño.
– Non falo só –explicaba el–. Falo co Damián.
– E quen é o Damián? –preguntábanlle.
– O meu amigo invisíbel– explicaba o Urco, porque para el non era un amigo imaxinario,  mais invisíbel.
Porén, para os compañeiros da turma era motivo de brincadeira e rían del miserabelmente.
Inclusive a nai do menino estaba moi preocupada. Finalmente levou o fillo para o psicólogo, o cal dixo que esas cousas eran normais, que non había motivos de preocupación. Dixo tamén que, co tempo, o rapaz se esqueceria do amigo imaxinario.
– E até daquela, o que é que podemos facer? –preguntou a nai.
Aí o psicólogo limitouse a encoller os ombros.
Mais ese mesmo díia, as cousas mudaron. Todo foi por acaso. Aconteceu que o Urco encontrou nunha gabeta o telemóbil vello da nai. Era mesmo moi antigo e non tiña funcionado desde había dez anos. Mais daba para lle pór uns auriculares.
– Mamá, podo ficar con este vello telemóbil?
A nai esquecérase completamente del. Encontraba aquel aparello case coma un tixolo. Ela adoraba o seu moderno telemóbil intelixente que até a cumprimentaba de mañá cando era prendido e a seguir escribía na pantalla que aquel día ela estaba ben bonita e que ía pór o mundo aos seus pés. Como gustaba a nai daquel teléfono.
– Fica con el –dixo ela que imaxinaba que non funcionaria e, ademais, non tería cartón.
E foi así como o Urco comezou a frecuentar as aulas con aquel vello telemóbil que pesaba imenso. Había momentos en que até se inclinaba para un lado por causa dese peso.
Mais as persoas que gustan de rir dos outros sempre van procurar calquera escusa para continuar a enfastiar. Ou até nin precisan de xustificacións.
E foi así que naquel dia en que os compañeiros da turma observaron que o Urco falaba todo o tempo por aquel telemóbil co seu amigo invisíbel ou imaxinario, o Damián. O líder dos asediadores, o Ladislau, quixo ser o primeiro a rir do Urco, por iso, durante o intervalo, aproximouse del acompañado pola metade dos estudantes, que non querían perder aquel grandioso momento.
– Ah, Urquiño, con quen é que falas por ese tixolo?
O Ladislau sabía perfectamente que se trataba do Damián, mais estaba a preparar a brincadeira.
– Co meu amigo Damián –respondeu o Urco–.  Queres falar con el?
Aquela pergunta encontrou o Ladislau por sorpresa. O seu plano non pasaba por aí. Os compañeiros da turma ficaran a ollar. Aquilo tomaba un rumo interesante. O Ladislau hesitou.
– Se cadra tes medo de falar co Damián –dixo de repente o Urco.
Houbo murmurios entre os compañeiros. O Ladislau non podia ficar por covarde. Fórase formando un círculo arredor do Urco.
O Ladislau colleu violentamente no telemóbil e colocouno na orella.
– Como imaxinaba, este tixolo non funciona.
– Probaches a saudar? –preguntou o Urco.
Daquela, o Ladislau recuperou o sorriso. Estaba a ver que a final ía poder rir do Urco. Por iso, dixo en ton de brincadeira:
– Aló, hai alguén aí?
Xa todos ían rir, mais de repente pararon. A cara do Ladislau tomou unha expresión case de terror. Todos ficaron paralizados.
– O que pasou? –preguntou outro dos compañeiros da turma.
– Que alguén me respondeu e até sabía o meu nome –dixo o Ladislau cun fío de voz.
– Mais quen? –insistiu o compañeiro.
O Ladislau deixou caer o telemóbil para o chan e apenas susurrou:
– O Damián...

© Frantz Ferentz, 2018