quarta-feira, outubro 02, 2019

OS PEIDOS DO EMPERADOR

Así que o Hermenéutico V foi proclamado emperador, comezou o pesadelo dos seus súbditos. 
O monarca tiña o costume botar peidos en toda a parte. Normalmente eran deses sen son, mais que cheira horríbeis. Ninguén ousaba dicir nada, faltaría, mais en privado os cortesáns comentaban. Os murmurios chegaron a ouvidos do rei, que convocou os membros da corte e díxolles:
– Sei que pensades que eu boto peidos, mais de certo é a miña colonia, que está na moda en París. Chámase Vent d’Intestin
Así que o emperador dixo aquilo, todos os cortesáns comezaron a botar peidos e conservalos en frasquiños de vidro. Se era moda de París, había que a seguir. 
Aumentou o consumo de feixóns en todo o reino. A xente que máis peidos largaba gañaba moitos cuartos. Houbo quen conseguiu engarrafar peidos de vaca que teñen moito gas metano. O cheiro a peido tornouse o perfume da corte imperial. 
Por iso, non vos debe estrañar que, cando os revolucionarios entraron no palacio e quixeron derrocar o monarca, houberon dar media volta porque saíron intoxicados e agardaren aínda uns séculos até as máscaras de gas seren inventadas. 
© Frantz Ferentz, 2019

domingo, agosto 25, 2019

FUGA DE IDEAS

Harmónica García acudiu onda o doutor. Tiña un grave problema. As ideas fuxíanlle. Ela era compositora. Mais desde había dúas semanas, así que lle nacía unha idea, ela escapaba. 
– Escápanme as ideas, doutor –dixo ela e contoulle a súa desgraza. 
O doutor Alquimio López, moi observador, viu como segundo falaba ela, saíalle un fumiño leve polas orellas. O doutor, sen o pensar dúas veces, colocoulle uns tapóns nas orellas. 
– Resolvido o seu problema –anunciou el. 
– O que di? –perguntou a Harmónica–.  Non lle ouzo nada. 
E daquela el notou que a ela o fumiño lle escapaba polo nariz e pola boca. 
– Amiga, mellor que lle escapen as ideas que non que morra afogada –explicou el, mentres collía unha aspiradora pequena e tentaba capturar os fumiños que lle escaparan á muller e que aboiaban pola consulta.
© Frantz Ferentz, 2019

sábado, agosto 24, 2019

O ESCRITOR DE HISTORIAS DE TERROR

O escritor, todo concentrado, pensaba nunha historia acerca de seres fantásticos. Tiña necesidade de a escribir. De repente, sentiu uns pasos polo corredor e ruídos polos recantos máis profundos da casa. Berrou:
– Non quero distraccións! 
Daquela, un trasno que penduraba do teito dixo ao seu parceiro:
– E logo, nós por que nos escondemos? 
– Porque distraemos o humano...
© Frantz Ferentz, 2019

sábado, maio 04, 2019

O REI E O PEÓN


Resultado de imagen para chess pawn and king

   O rei chantouse perante o peón.
   – Algún desexo antes de morreres? –preguntou o rei.
   – Só quero ser humano uns segundos.
   O rei sorriu. Pensou que o peón era un estúpido.
   – Outorgado.
  De repente, o peón era un neno e o rei era un home adulto. Sen hesitar, o neno deu un puntapé ao rei na canela. O rei caeu o chan e retorceuse de dores. Axiña, o neno e o rei tornaron a ser figuras de xadrez.
   Só daquela, o mestre Pelakov decatouse que o seu rei caera no tabuleiro e que o peón, inexplicabelmente, provocara o xaque mate.

© Frantz Ferentz, 2019

terça-feira, abril 30, 2019

KATKA E O VIRUS DO CHOCOLATE


Resultado de imagen para chocolate virus

Érase a Katka que tivo un virus. Só era un e moi novo. O virus pretendía comportarse moi serio, como se el só fose todo un angazo. Por iso, o pequeno virus percorría as veas da Katka, a tentar dar a aparencia que centenares de virus ocupaban o seu corpo. Mais iso era a máis. O virus era moi novo e carecía de experiencia.
   Con todo, a Katka si sentiu que tiña un virus no corpo e pensou que caera doente. Non tiña unha aspirina á man, daquela tomou media onza de chocolate. Por algunha estraña razón, ela pensara que o chocolate lle funcionaría como remedio.
   O virus cheirou o chocolate a fundir no estómago da Katka da que estaba a tomar folgos na úvula da rapaza. Deixouse esvarar até o estómago. Nunca probara o chocolate, mais cheiraba delicioso.
   Desde ese día, o virus incomodou a Katka un bocadiño todos os días, de xeito que ela axiña tomaba chocolate. Axiña o virus acougaba. Que boa vida ía ter o virus para sempre. 
   Porén, unhas semanas máis tarde, unha tribo de bacterias achegouse do nariz da Katka. Axiña notaron o cheiriño delicioso que saía da rapariga. Elas non sabían que aquel recendo viña do chocolate, mais ían descubrilo logo.
   Aos poucos, a Katka comezou a tusir violentamente. Sentíase moi mal. As bacterias tencionaban ocupar o corpo da Katka, mais o virus non estaba pronto para partillar o chocolate con estraños, máis aínda con criaturas vindas de fóra. De seguida notou que as bacterias gustaban do chocolate, de modo que foi facendo trapazas para elas caer, unha tras outra. No final, deu atrapado todas as bacterias e comeu nelas envurulladas en chocolate.
   De repente, a Katka sentiuse moito mellor. Estaba certa que o chocolate era unha menciña fabulosa, de xeito que non parou de comer nel.
   Hoxe, o virus da Katka sofre de sobrepeso, mais non hai bacteria que ouse invadir o corpo da Katka por causa do chocolate.

© Frantz Ferentz, 2019