domingo, janeiro 25, 2015

A ENCARNACIÓN DE ALIPIO GARCÍA [+12 anos]


━ Cando o meu corpo morra, quero que a miña alma fique aínda na terra. Tes que conseguir que eu encarne noutro corpo, un corpo que se mova e que eu poda manexar ━pediu Alipio García ao bruxo Ermolako, o cal, por unha bolsa de moedas de ouro, un cartón de crédito case sen limite e unhas ferias pagadas nas Seicheles, aceptou a encomenda do Alipio.

━ Cando sintas que estás para morrer ━dixo o bruxo poderoso━, pronuncia esta frase: Reincarnatio iam. Dese modo, a túa alma hase apoderar do corpo máis próximo que houber perto de ti.

E así, o Alipio tivo un accidente de tránsito mortal. En chegando o momento da súa morte, o Alipio pronunciou:

 Reincarnatio iam.

E, efectivamente, mentres o seu corpo morría, a súa alma erguíase do corpo, mais no canto de ir para o outro lado, pairaba no ar na procura dun corpo que ocupar. E axiña o encontrou. E encarnouse nel. 

Desde ese momento, o Alipio converteuse nun auto fantasma, porque a súa alma encarnara no auto da policía que acudira no seu auxilio, pois dalgunha maneira, un auto era un corpo. Agora, todos corren asustados ao veren correr aquel auto a facer soar as sirenas da policia e que parece ter vida propia... O que o Alipio non se para a pensar é que nalgún momento vai quedar sen gasolina...

Frantz Ferentz, 2015

domingo, janeiro 18, 2015

A PRINCESA BOMBEIRA [+8 anos]

A princesa dixo:
─ Cando medrar, quero ser bombeira.
O pai, o rei, quedou abraiado.
─ Bombeira? Mas tu es princesa! O teu oficio é moi importante.
─ Ah, si, casar cun príncipe azul e ter fillos?
─ Si, iso é ben importante ─insistiu o rei.
De repente, a cinza do habano que fumaba o rei caeulle pola barba e prendeu. As barbas do monarca comezaron a queimar.
─ Auxilio, bombeiros, que queimo!
A filla botoulle enriba un caldeiro de auga, mais mesmo así aínda os pelos consumiron até non quedar ningún. E o rei quedou sen barba en cuestión de segundos. A princesa contemplou a escena pensativa. O rei, todo chamuscado, aínda quixo dar unha lección á filla:
─ Filla, aprendiches algo de todo isto?
─ Si, que xa non quero ser bombeira.
─ Alégrome.
─ E eu tamén. Acabo de comprender que a miña verdadeira vocación é de perruqueira... Queres que che arrombe as barbas?


Frantz Ferentz, 2015