1. PRAIA MANABITA
Unha praia do trópico, na costa do Pacífico, algures sen especificar en Manabí. O chan é de area. Hai algúns matos. No fondo vese o mar.
No inicio, o palco é baleiro. Non hai ningún ser humano. De repente, óuvese a voz dunha rapariga que berra sen aínda ser vista.
ANDREA: Axúdame, que non podo eu soa.
Outra voz, esta de rapaz, responde sen que tampouco se vexa o seu propietario.
ANDRÉ: Vou, impaciente. É que me pareceu ver un sapoconchiño a correr para a praia, mais a final era unha ra.
ANDREA (estrañada): Unha ra na praia? Ti soñas.
ANDRÉ: Daquela sería un mexillón con patas...
ANDREA: Ven, que no podo eu soa.
ANDRÉ: Vou, vou.
Entón xa aparecen os dous no palco. Dun lateral, ambos arrastran unha rede grande de máis, toda chea de residuos. Pódese apreciar a ollo nu que hai embalaxes, bolsas, roupa...
Arrastran a rede até o centro do palco. Lárgana, déixana caer no chan e fican os dous sentados. Suspiran, resopran. Decorren uns segundos. De repente, Andrea érguese.
ANDREA (decidida): Ben, xa chega, imos proseguir con isto.
ANDRÉ (lamentándose): Mais, ti que dis? Estou rebentado.
ANDREA (anoxada): Ti? Ti, rebentado? Ti non moviches un dedo.
André érguese sen vontade. Dedícase, xunto con Andrea, a abrir a rede e extraer lixo, peza a peza. Vese como sacan os restos dun triciclo, unha bóla de fútbol rota, trapos, moitas bolsas de plástico, botellas tamén de plástico.
Todo o meten en bolsas de plástico pretas que previamente colocaron en derredor, onde clasifican o lixo.
De repente, cando André mete a man na rede, óuvense uns queixidos, varios "ai", até que ao cabo se escoita un comando:
COMODETODO: Non me arranques as plumas!
André detense. Andrea achégaselle. Ambos os rapaces fican a ollar. Daquela vese como a rede se move e sae unha figura, que se pon de pé quitando o lixo de enriba sacudíndose e facendo algo así como “brrr”. Trátase dun pelicano.
André e Andrea axudan ao acabado de aparecer a saír da rede. O paxaro colócase entre ambos os rapaces.
COMODETODO: Obrigado, nenos. Onde é que estou?
ANDREA: En Manabí, Ecuador.
COMODETODO: Ui, que ben o calculei.
ANDRÉ: E que fas aí, atrapado nesa rede?
COMODETODO: Ben, évos unha longa historia, mais, para abreviar, heivos dicir que caín nela perseguindo unha especie de cámara de fotos que me escapou do bico ao bocexar. Mergullei no mar e despois, non sei como, vinme envolvido nunha illa de lixo. Finalmente, vós salvástesme.
ANDREA: Mais, recuperaches a cámara?
COMODETODO (a bater nas asas, abrindo o bico e deixando caer unha especie de cámara de fotos que fica no chan): Aí está. Mal se mollou, por sorte, porque axiña a protexín dentro da bolsa do meu bico.
André colle a cámara. Senta no chan e comeza a ollar para as fotos polo visor. Andrea senta ao seu lado. O pelicano úneselles.
ANDREA: E estas fotos de que son?
COMODETODO: Son do Principiño no asteroide da ferralla. Foi aí onde o coñecín.
ANDREA: De veras? E que facía alí o Principiño? E ti?
COMODETODO: Ben, eu son un pelicano ben curioso. Un día, sen me dar conta, botei a voar e acabei emprendendo unha viaxe interestelar. Desde entón, gusto de viaxar por aí. Acontece que me acheguei a aquel asteroide e case ao mesmo tempo estaba a chegar o Principiño... El, pola súa banda, facía o que sempre fai, viaxar e preguntar. Alí foi onde o coñecín...
Escuro
2. ASTEROIDE DE FERRALLA
Sobre o asteroide. Todo o chan está cheo de ferralla. Hai restos de aparellos eléctricos en todas as partes. De feito, a ferralla metálica que foron abandonando os humanos durante séculos na órbita terrestre acabou xuntándose e formando un asteroide artificial que xira ao redor do planeta.
O ferralleiro, cunha lente de aumento diante do rostro e un mandil cotroso, está sentado por tras dunha mesa toda chea de pezas de ferralla. Vai tomando pezas metálicas e examina nelas pola lente de aumento con moita atención. Cabo dun bocadiño, coloca unha etiqueta adhesiva en cada peza e despois lánzaa por aí.
Entra o pelicano por un lateral.
COMEDETODO (ao ferralleiro): Boas.
O ferralleiro ergue a vista e interrompe o que está a facer.
FERRALLEIRO: Boas. Non me pises por aí, que me descolocas todo.
COMEDETODO: Mais aquí está todo caótico.
FERRALLEIRO: Pode ser, mais eu sei onde che teño todo dentro do caos.
COMODETODO: Ah...
Nese momento entra no palco o Principiño. Sorrí. Leva o seu fular moi comprido que vai pendurando por atrás.
PRINCIPIÑO (ao ferralleiro): Ola. (Despois ao pelicano) Ola.
PELICANO: Ola.
FERRALLEIRO (en ton rosmón ao Principiño): Eh, ti. Atento onde pisas, que me descolocas a ferralla.
PRINCIPIÑO: Perdón. E logo, para que queres todos estes arteluxos que non serven para nada?
FERRALLEIRO: Que para que os quero? Seica non ves que son ferralleiro.
O ferralleiro ponse de pé. Parece estar incómodo, porque resopra e murmura entre dentes, a ollar para o Principiño e o pelicano con desconfianza, cos brazos en xerras.
Entre tanto, o Principiño ponse en crequenas e recolle algo do chan. Móstrao ao ferralleiro.
PRINCIPIÑO: E isto o que é?
O ferralleiro leva as mans á cabeza.
FERRALLEIRO: Iso é unha cámara bifocal RX-640. É pura tecnoloxía alemá que equipa os satélites PTV210 BIS. Pode fotografar o que carga unha formiga a 700 km de altura.
PRINCIPIÑO: Mais, fai boas fotos?
O ferralleiro comeza a saltar fóra de si, cos puños para o ar, como se fose unha danza. Estará un bocado así até que decide regresar á súa mesa. Dunha gabeta quita unha botella de leite e toma un grolo.
Entrementres, o Principiño achégase do pelicano.
PRINCIPIÑO: Oi, como se che dá tirar fotos?
COMODETODO: Nunca fixen fotos. Non teño dedos, mais teño unha memoria fotográfica.
PRINCIPIÑO (algo contrariado): Ben, impórtache se deixo esta especie de cámara aquí enriba (acena para un monticulo de ferralla) e ti vas tocando co teu bico neste botón para tirar as fotos?
COMODETODO: Entendido.
O Principiño deixa a cámara onde di, acenando para o ferralleiro. O pelicano colócase por tras da cámara, fica de costas no palco, a ollar para o Principiño e o ferralleiro, que prosegue coa súa rutina enriba da mesa.
PRINCIPIÑO (ao ferralleiro): E para que lle serve toda esta ferralla?
FERRALLEIRO (interrompendo o seu traballo de clasificación por etiquetas): Servir? Non sei. Só recollo, ordeno e almaceno. Queres mercarme algo? Fágoche un bo prezo. Teño paneis solares, algúns completos. (Entre murmurios, mais pódese escoitar) tamén teño un par de canóns láser con certa carga e até medio mísil.
Entrementres, o pelicano está a facer fotos.
PRINCIPIÑO: Non, obrigado, non me interesan.
FERRALLEIRO: É un gran negocio. Moitas destas pezas poden reutilizarse ou usarse para extraer pezas de reposición. Ademais, non me custa nada recoller a ferralla. De feito, este asteroide xa é tan grande que atrae os metais que pairan nas proximidades. Nin sequera teño que facer o esforzo de o recoller, como facía até hai pouco.
Nese momento, o ferralleiro agáchase e colle algo do chan que mostra ao Principiño. É unha rede de bolboretas.
PRINCIPIÑO: Non sei para que queres unha rede de bolboretas. Non hai aquí. Non poden vivir entre o ferro. Nin tampouco unha rosa nin un raposo.
FERRALLEIRO: Non, rapaz. A rede de bolboretas emprégoa para capturar pezas de ferralla en órbita. Agora, como xa che dixen, non preciso. A ferralla cae soa aquí. Este asteroide de ferralla non para de medrar.
PRINCIPIÑO: Mais non tes unha rosa ... nin sequera un baobab.
FERRALLEIRO: Non preciso. Verás que bárbaro cando comecen a chegar alieníxenas para me mercaren pezas de reposición ... ou inclusive astronautas da Terra.
O Principino rabuña a cabeza. O ferralleiro érguese.
FERRALLEIRO: Se buscas ben, de certo atoparás as pezas necesarias para construír unha nave, porque ben vexo que gustas de viaxar polo espazo.
PRINCIPIÑO: É certo que gusto de viaxar, mais nunca usaría unha nave, creo que poluiría moito.
FERRALLEIRO: E como esperas saír do asteroide?
O Principiño vírase e acena co dedo para o pelícano.
FERRALLEIRO: Con iso non creo que chegues moi lonxe. En fin, déixame darche un meu cartón (quítao dun peto interior e dállo ao Principiño). Eilo, por se algunha vez precisas de ferralla en canto viaxas polo espazo. Ou podes ser o meu representante. Daríache unha pequena comisión polo que vendas, poderiamos comezar cun 0,003%.
O Principiño garda o cartón no peto das calzas. O ferreiro continúa en pé, observándoo, aínda que acabe volvendo para o seu asento e continúa a clasificar e etiquetar pezas de metal.
PRINCIPIÑO (a Comodetodo): Como te chamas, logo?
COMODETODO: Comodetodo.
PRÍNCIPE: Que nome tan divertido.
COMODETODO: Chamáronme así porque cando pequeno comía sen parar. Comía practicamente de todo. Mesmo unha vez comín un arco da vella.
PRINCIPIÑO: Eu tamén quero comer un arco da vella!
COMEDETODO: É difícil, tes que ter moito estómago e ti pareces pequerrechiño.
PRINCIPIÑO: Mais eu gustaría de...
COMODETODO (interrompendo): Tes lambetadas?
PRINCIPIÑO (sorprendido): Non ... (Ao ferralleiro): Hai lambetadas por aquí?
FERRALLEIRO (a ollar para arriba): Non, só hai porcas. Non sei a que saben. Poden ser boas.
COMEDETODO: Gusto de tomar gominolas antes de emprender un voo longo.
PRÍNCIPIÑO: Voltarás á Terra?
COMODETODO: Si, xa son horas.
PRÍNCIPIÑO: Conseguiches facer fotos?
COMEDETODO: Compróbao por ti mesmo.
O Principiño comeza a observar a través do visor da cámara.
PRINCIPIÑO: Que curriño! Gusto das imaxes. Querería enviar algunhas á miña rosa, mais será para outra vez. Estas resérvoas para un amigo na Terra. Podería levalas ti ao meu amigo?
COMEDETODO: Claro...
Nese momento, o ferralleiro ponse de pé e achégase aos outros dous. Está malhumorado.
FERRALLEIRO: Para aí! Que cres que fas? Esa cámara é miña. Se a queres, págama.
O Principiño saca do peto o cartón que lle dera o ferralleiro un tempo antes. Móstrallo.
PRINCIPIÑO: Se queres que eu sexa o teu representante, fico con esa cámara como pago polas comisións.
O Principiño garda de novo o cartón. O ferralleiro fica pensativo por un momento. Gruñe.
FERRALLEIRO: Está ben, mais faime boa publicidade.
O ferralleiro vírase e volve á súa actividade. O Principiño toma a cámara e colócaa diante do bico do pelicano. A ave abre o bico e o Principiño deixa caer a cámara dentro.
COMODETODO: A quen e onde hei de entregar esta cámara?
O Principiño achégase da cabeza do pelicano e bísballe un nome.
COMODETODO: Entendido. E ti como sairás deste asteroide?
PRINCIPIÑO: Como saio de todos os demais asteroides. Obrigado por levares as miñas fotos. Boa viaxe.
COMODETODO: Igualmente.
O Principiño atravesa o palco e sae. O ferralleiro continúa co de seu sentado na súa mesa. O pelicano vírase e sae polo extremo contrario.
Escuro
3. PRAIA MANABITA
ANDREA: Que interesante é esa historia.
ANDRÉ: Si, moito.
ANDREA: E para onde é que foi o Principiño despois da viaxe ao asteroide de ferralla?
CÓMODO: Non teño idea, mais sei que nos volveremos a atopar.
ANDRÉ: Adoraría coñecelo.
CÓMODO: Claro que si, mais o Principiño aparece cando un non o espera. Chega sen previo aviso.
ANDREA: Pareceume. Eu tamén gustaría de o coñecer.
ANDRÉ: E a quen tes que dar a cámara? É de aquí, de Manabí?
COMODETODO: Si. Se cadra coñecédelo.
ANDRÉ: Como se chama?
COMEDETODO: Kintilla.
Os dous rapaces erguense de súpeto.
ANDREA e ANDRÉ (asemade, moi sorprendidos): Kintilla!
COMODETODO: Si ... pasou algo?
Os rapaces óllanse. Parecen asustados.
ANDRÉ (cunha voz trémula): Kintilla é un personaxe mitolóxico. É Killa, a lúa, mais tamén é Inti, o sol.
ANDREA: Disque vive precisamente por tras de onde se esconde o sol e viaxa na no lombo da lúa.
COMODETODO: Ben, teño un compromiso co Principiño. Vou voar para alén do horizonte e atoparei Kintilla.
ANDRÉ: Podemos acompañarte?
PELICANO: Se podo levarvos os dous no peteiro, non hai problema
ANDREA: Mais non nos comas!
COMODETODO: Ben, se me esquezo, berrádeme para que non vos coma.
Os rapaces entran no bico de Comodetodo.
ANDREA (de dentro da bolsa do bico do pelicano): Voemos!
ANDRÉ: Mais devagar, que me mareo.
CÓMODO: Agarda! Mais non vos agarredes de aí, que teño cóxegas ... Ha ha ha ha...
Vai a escuro. Hai un latexo de asas.
Pano
© Texto: Frantz Ferentz, 2020
© Ilustración: Susana San Millán