terça-feira, agosto 04, 2009

A história de Karima, a planta carnívora [+8 anos]






O Xoán da Vírgula é un importante biólogo. Estuda todas as plantas exóticas que lle caen nas mans. 
É a persoa que máis entende de plantas de todo o país, por iso fai importantes estudos sobre a flora.

Case todos os dias recibe paquetes com plantas. Son plantas que veñen de todas as partes do mundo. Veñen en paquetes moi grandes, porque as plantas teñen que vir á vontade, co seu pote embaixo, a súa terra, e se cadra un saquiño de auga.

Ademais deben vir envurulladas en plástico transparente com buratos para poderen respirar e que lles entre o sol.

Na realidade, o Xoán da Vírgula ten un xardín botánico na casa, unha especie de floresta toda chea de plantas de todo xénero. Tenas grandes, pequenas, de follas enormes, de follas de agulla, plantas de climas secos, de climas húmidos…

O Xoán da Vírgula adora todas as súas plantas. Trátaas como se fosen as súas fillas. Tanto é así que a cada unha delas lle ten dado un nome.

Por exemplo, un fícus arxentino chámase Manuela do Tango, un cacto namibio chámase Andrea do Kalahari, ou unha tanxerina anana de Noruega chámase Karlota Orangenssom, porque o Xoán, para alén de nome, ponlles apelidos que fagan referencia ao seu lugar de procedencia, para elas se sentiren ben.

Mais nin sempre as cousas foron así. Non hai moito tempo, os outros colegas del non o tomaban moi a serio. Afirmaban que era máis ben un coleccionista de plantas do que un cientista. Mais el non se importaba, adoraba as súas plantas.

E todo ía moito ben até certo día. Si, mesmo naquel dia de xaneiro, cando a neve cubría toda a cidade e os termómetros xa non podiam baixar máis, chegoulle aquela planta. Se cadra, debería ter chegado cun chal, mais as plantas, infelizmente para elas, non teñen pescozo.

A planta viña de Exipto. O Xoán da Vírgula ficou sorprendido cando a viu. A nota que a acompañaba dicía:

«Penso –dicía un seu colega– que se trata dunha planta carnívora, mais ignoro de que se alimenta. É un exemplar único que encontrei na choza dun pegureiro, morta de noxo, a esmorecer…»

Coitada planta carnívora – se é que o era verdadeiramente.

O Xoán da Vírgula ficou un bocadiño a pensar no nome que lle poría, porque iso era o primeiro que el facía coas plantas. Aos poucos decidiu que a chamaría Karima de Alexandría O Xoán da Vírgula dedicoulle toda a súa atención á coitada da Karima.

Era verdade que tiña um aspecto desastroso, coas follas para caer, como se estivese moi triste. De facto daba mágoa vela. O biólogo probou de todo. Deulle todo o xénero de vitaminas, ofereceulle insectos de todo o tipo, ben nutritivos, mesmo crocantes, botoulle colonia con cheiros moi agradábeis para lle elevar a moral…

Até verteu un elixir que preparara a súa sogra, da cal todos dicían que era unha bruxa, ideal para animar as persoas. Mais nin así. A planta carnívora continuaba toda murcha.

O Xoán da Vírgula escribiu  ao seu colega que lle enviara a planta de Exipto. Pediulle máis información sobre ela, porque el non atopara nada, nin na internet.

O colega respondeu logo dicindo:

«Fixen todas as pesquisas posíbeis sobre a planta, colega da Vírgula. Non é moita a información que lle podo fornecer. Conforme os nativos da rexión, é unha planta que se alimenta dunhas lombrigas brancas que se crían só nesta terra e que eles usan para pescar».

Non, non era moita aquela información.

No entanto, a coitada da Karima de Alexandría estaba cada dia máis murcha e con peor aspecto. Ía durar moi pouco se continuaba así. O Xoán estaba verdadeiramente preocupado. Non facía outro que probar cousas con ela sen resultado ningún. Tanto era así que até esqueceu comer durante tres dias.

Finalmente veu a súa mulher resgatalo. Ela sabía como o seu home era un desastre. Por iso tíñalle preparado o seu prato favorito: espaguetes á carbonara, un prato enorme cuxo recendo inundaba todo o cuarto.

Cando o Xoán comezou a cheirar aquel prato, fechou os ollos e foi atrás do cheiro dos espaguetes. Ía hipnotizado. A súa dona arrumou um pouco a súa mesa de traballo e pousou o prato enriba da mesa, xunto cun garfo e unha coller para o home comer. 

E comeu, certo que comeu. Devorou o prato… bo, todo non, case todo, porque aquela cantidade de pasta non a devoraba ninguén de afeito. Deixou un pouquiño de pasta no prato, que aínda largaba aquel recendo marabilloso.

O Xoán da Vírgula foi ao baño para lavar os dentes. E cando volveu… que sorpresa!!

Cando volveu, encontrou unha das follas da Karima de Alexandría inclinada nos restos do prato de espaguetes. Estaba a sorber un espaguete. Até facía ruidiños como fan os humanos ao engolírenos.

Mais non acababa aí a cousa. Despois de dar comido o primeiro esparguete, aínda comeu outro e outro e outro… Cabo duns minutos, a planta mudou de todo. Adquiriu unha preciosa cor verde intensa, as súas follas alzáronse e o seu talo enderezou.

O Xoán non o acreditaba, mais era evidente que a súa planta carnívora tomara os espaguetes por aquelas lombrigas brancas da súa terra de orixe. Probabelmente gustaba máis dos espaguetes do que das lombrigas, porque todos os días a planta comia un bo pratado de espaguetes á carbonara.

E é así como o Xoán da Vírgula fixo a súa máis sorprendente descuberta. Acudiu a un congreso para falar diso, mais os outros biólogos rían ás gargalladas, porque pensaban que o Xoán toleara.

Até que lles puxo a Karima de Alexandría diante e todos puideron observar como devoraba os espaguetes.

– E sen necesidade de pano para limpar os fociños… – observou un vello cientista que era outro entusiasta da pasta.

E desde entón, o Xoán Vírgula é un cientista respectado, que se ocupa das súas plantas máis ca ninguén.

Só lle queda provar se a súa cara Karima de Alexandría quererá tamén probar os espaguetes á boloñesa.

© Frantz Ferentz