sábado, abril 25, 2009

O virus máis daniño [+ 10 anos].- XFC


Edelmiro era un portento da informática. Facía co seu computador verdadeiras marabillas, como contraprogramar os programas da televisión, facer cambiar os semáforos de toda a cidade a ritmo de salsa dominicana e karaokes prestosísimos nas emisoras da policía. Todo iso só enchufando o seu computador á liña telefónica.

Pensaba que o sabía todo, mesmo cales eran os riscos que podía correr un rapaz coma el que era un xenio.

Era quen de simular a guerra das galaxias nun disquete normaliño ou de crear unha partida de xadrez que nin o campión do mundo podería gañar.

Os seus compañeiros do colexio estaban encantados con el, como xa vos podedes imaxinar. Pasáballes todos os xogos e non lles cobraba nada. Todo de balde.

Un día veu á súa casa Lois, un dos amigos da clase. Pediulle algún programa ou xogo novo, se era que o tiña.

– Estou a experimentar un de plans de pensións desde a idade escolar.

O tema era interesante aínda que pareza o contrario. Estes rapaces xa estaban daquela moi concienciados de que no futuro as pensións non serían cousa fácil, que llelo sentían dicir a seus pais e comentábano nos telexornais.

Edelmiro era un portento da informática. Facía co seu computador verdadeiras marabillas, como contraprogramar os programas da televisión, facer cambiar os semáforos de toda a cidade a ritmo de salsa dominicana e karaokes prestosísimos nas emisoras da policía. Todo iso só enchufando o seu computador á liña telefónica.
Pensaba que o sabía todo, mesmo cales eran os riscos que podía correr un rapaz coma el que era un xenio.
Era quen de simular a guerra das galaxias nun disquete normaliño ou de crear unha partida de xadrez que nin o campión do mundo podería gañar.

Os seus compañeiros do colexio estaban encantados con el, como xa vos podedes imaxinar. Pasáballes todos os xogos e non lles cobraba nada. Todo de balde.

Un día veu á súa casa Lois, un dos amigos da clase. Pediulle algún programa ou xogo novo, se era que o tiña.
– Estou a experimentar un de plans de pensións desde a idade escolar.

O tema era interesante aínda que pareza o contrario. Estes rapaces xa estaban daquela moi concienciados de que no futuro as pensións non serían cousa fácil, que llelo sentían dicir a seus pais e comentábano nos telexornais.

E repetíronse as visitas e os xaropes durante tres días sen resultados positivos.

Cando a nai preguntaba ao doutor se era grave, este sempre reiteraba o seu “hmm” que o explicaba todo. Ao cabo dos tres días volveu Lois á casa do seu amigo para lle facer unha visita:

– Sabes que a túa cara semella unha pantalla de computador? –foi a primeira cousa que dixo ao seu amigo, porque o certo é que delicadeza tiña pouca, como cando ao coñecer o seu ídolo do fútbol lle dixo que  máis que un nariz tiña unha cenoira.

Mais Edelmiro non reparou na forma senón no contido e de repente deu comprendido todo:

– Teño un virus!!

Así de entrada, aquilo podía parecer o comezo dunha cantiga do verán ou un ataque de tolemia do pobre rapaz.
Como un poseso, Edelmiro ergueuse da cama e púxose a rebuscar no arquivador de disquetes e non parou ata que deu co que buscaba.

E logo merendouno como se fose unha galleta diante do pasmo de Lois, que pensaba que aquela enfermidade era gravísima e quen sabe se ata contaxiosa.

– Estás tolo, Édel?

Edelmiro non dixo nada mais axiña cambiou a súa cor verde leituga por outra máis normaliña.
Despois dixo:

– Agora áchome moi ben.

– Pero, que pasou? –quixo saber Loís.

– É ben sinxelo. O disquete que me devolviches co plan de xubilacións tiña un virus daniño. Cando o gardei no peto contaxieime. Por iso comín outro disquete que tiña un programa anti-virus...

Lois cría que iso non era posible... Ou seica si?

© Xavier Frías Conde
All rights reserved worldwide

sábado, abril 18, 2009

Onde está a lúa? [+10 anos] .- XFC


É de noite. Hoxe a lúa habería de estar no ceo, mais non está. Todas as persoas do mundo están mirando cara arriba durante toda a noite.

– Onde está a lúa? –pregúntanse uns aos outros

E a situación continúa igual durante toda unha semana. Ninguén na terra pode ver a lúa.

A xente preocúpase moito.


E é que os astrónomos saben que perderán o seu traballo, os poetas desesperan porque perderán a inspiración, os cazadores se anoxan porque os animais selvaxes se comportan dun modo ben estraño e tamén algúns políticos, porque saben que non poderán ofrecer zonas residenciais de fin de semana.

É certamente un problema para a humanidade, mais ninguén sabe o que facer.

En todo caso, han probar algo.

Algúns gobernos mandan construír o telescopio máis grande e poderoso do mundo.

O tempo corre de présa e a xente está cada vez máis e máis nerviosa.


O telescopio constrúese axiña, só en dous días, usando pezas vellas doutros telescopios.

Mais non vale para nada tanto esforzo.

O sitio onde a lúa habería de estar, ficou baleiro.

Parece  como se tivese marchado de vacacións.

Os loucos non lle poden cantar máis.


Só os lobishomes están contentos porque non teñen transformacións.

Ao cabo, varios gobernos deciden enviar unha nave espacial ao sitio onde habería de estar a lúa.

A xente da terra xa leva máis dun mes sen ver a lúa!

A nave espacial alcanza o lugar baleiro cabo dunha semana. E, efectivamente, a lúa non está aí.

Mais atopan unha nota a aboiar no espacio que di:


«Estou de viaxe de estudos a Neptuno. Volverei deica un ano neptuniano. No meu lugar quedará unha colega. Boa sorte a todos».

É verdade, mentres os astronautas da nave espacial están a ler a noticia, chégalles un son penetrante.
Unha masa inmensa vai contra eles.


Mais no canto de chocar contra a nave, detense no espacio baleiro da lúa.

A nave espacial lisca ás carreiras de alí.

A situación é abondo estraña.

Unha masa, tan grande como a propia terra, quedou no lugar da lúa. A terra parece pórse doente por mor dos círculos das órbitas dese novo satélite.


Unhas horas máis tarde, o telescopio instalado para seguir os movementos da lúa ausente e agora do novo satélite, descobre unha nova nota a aboiar que di:

 «Ola, son unha das lúas de Neptuno. Pasarei as miñas vacacións aquí».

As consecuencias desa nova lúa sobre a terra e mailos seus habitantes son incribles.


Algúns empresarios tentan comprar porcións do novo satélite para os seus negocios.

Os poetas comezan poemas moi estraños, como sumas e multiplicacións con rima.

Os militares cren que poderán probar alí os seus novos mísiles máis tranquilamente...


Mais daquela acontece algo inseperado. A nova lúa non está baleira. Está chea de xente, de xente normal.

E as novas xentes cren que poden usar a terra para os seus propósitos, como inspiración para os seus poemas, como lugar para construír a súas casas e tamén para experimentar as súas armas nucleares.

© Xavier Frías Conde
All rights reserved worldwide

A bruxa de Marmelada [+10 anos].- XFC




A Tareixa era unha bruxa ruín ruinísima. Era tan ruín que minguara e minguara ata se tornar diminuta. E é que por mor da súa maldade, a Tareixa reducira ao tamaño dun puño.

A Tareixa chegara a se converter en case un demo. Tiña a pel de cor cinza e levaba sempre unha roupa preta que cheiraba a xofre.

Voaba enriba dun plumeiro a moita velocidade, a procurar o lugar exacto onde facer algunha falcatruada.
Era practicamente invisíbel para o ollo humano.

Gustáballe, por exemplo, pasar por baixo dos cascos dos motoristas, estirándose moitísimo, e argallarlles entre as orellas, como se fose un abellón.

Daquela, o motorista premía no acelerador da moto e arrincaba a toda velocidade facendo un ruído espantoso e organizando un caos xigante no tráfico, porque pasaba por riba de coches, autobuses, peóns e ata elefantes se daquela houbese algún a cruzar a rúa.

Tamén lle gustaba pasear por entre as operadoras telefónicas, facéndolles cóxegas embaixo do nariz, ata elas berraren en algo que semellaba xaponés e deixaren os usuarios dos servizos telefónicos pampos por creren que a súa chamada saíra desviada para a China.

Mesmo nunha ocasión, a Tareixa mobilizou unha escuadra de tanques. Por mor dun feitizo, convencera un coronel de que os tanques habían atacar unha colonia de moscas.

O resultado foi terríbel, porque naturalmente os tanques non mataron mosca ningunha mais, en troques, fixeron unha chea de buratos nun campo de golf. Porén, aquilo tivo a súa parte boa, porque despois o campo de golf valeu coma reserva natural de morcegos.

Así as cousas, Tareixa facía unha falcatruada tras doutra, e cada día era máis e máis ruín, máis e máis cincenta, máis e máis pequena...

Ata aquel día.

Porque aquel día, da que buscaba unha falcatruada para facer, descubriu aquel recendo tan estraño.
Nunca tal ulira.

Era doce, suave e a boca tornábase en auga. Aínda que a Tareixa era moi moi ruín, non podía de ser curiosa e mesmo, quen sabe, ata era lambona.

O certo é que o cheiro viña dunha xanela dunha casa pequena dun barrio afastado da cidade xigantesca.
Ninguén podería atopar aquela xanela agás polo olfacto.

E a Tareixa atopouno.

Sen pensalo dúas veces, voou ata aquela xanela da que procedía aquel olor marabilloso.

A bruxiña pensou que debía tratarse dalgunha poción fantástica que ela descoñecía.

Pensou tamén que se se facía con ela, podería facer falcatruadas aínda maiores.

Xa dito xa feito, alcanzou a xanela e penetrou no cuarto. Era unha peza humilde onde había unha caldeira sobre o lume a ferver.

Dentro fervellaba un líquido espeso, de cor avermellado. A Tareixa pensou que aquilo debía ser, ao menos, sangue de dragón, que, é preciso dicilo, ela nunca non vira na súa vida.

A Tareixa asomou os fociños dentro da caldeira. Ía moita calor alá dentro.

E a bruxa, como era moi curiosa, esvarou desde o plumeiro e caeu dentro da pota.

Choff!!

A Tareixa pasouno moi mal. Tiña toda a sensación de afogar. Enguliu e enguliu  moito daquel líquido vermello... pero aconteceu que estaba docísimo. Era delicioso!!

Cando ao cabo deu saído da caldeira, a Tareixa alcanzou a xanela. E viuse reflectida no vidro.

Mais para a súa sorpresa xa non era moura, era... dunha cor avermellada que case que sabía doce, escuriña mais con ar larpeiro.

A Tareixa parecía un caramelo con brazos, pernas e cabeza. E se montaba no seu plumeiro, daquela era un caramelo con pau!!

De todos modos, a Tareixa levara un bo susto. Non pensara que ía caer naquela caldeira e que aquel sangue de dragón lle escorregaría polo corpo todo. A cousa foi que tiña moita falcatrúa pendente por facer e non pensou en quitar a capa de sangue de dragón que levaba enriba.

E ía tan ocupada, que da que liscaba non se decatara que a xanela da casa onde entrara pertencía a unha humilde pastelaría dun barrio perdido, onde unha anciá muller facía sempre os seus doces.

Daquela, a Tareixa, toda vermella, montou no seu plumeiro, tamén vermello, e percorreu os ceos da cidade ao solpor. Seguía a ser tan invisíbel como decote, mais había unha diferenza entre o rastro que deixaba antes de caer na pota e o que comezou a deixar despois.

A bruxa pasou por entre unha multitude de xente que con caras serias e longas voltaban para cadansúa casa despois do traballo. A todos lles mudou a expresión das súas caras. Algúns pensaron en croasáns recheos. Outros en torradas con marmelada. Mesmo algún lembrouse de cando era cativo e tomaba marmelada de amorodo para a merenda.

Certamente, a todos os que se cruzaban no camiño da Tareixa lles mudaba completamente a expresión da cara.

Despois a bruxa meteuse no metro. Tamén aquel ía cheo de xente. A bruxiña foi realizar unha das súas falcatrúas favoritas: correr polo vidro da cabina do condutor simulando ser unha fantasma e así espantar o condutor e obrigalo a saltar unha estación causando a indignación de todos os viaxeiros.

E alá foi cruzando os vagóns, e da que ía cara a dianteira, os viaxeiros comezaron a sorrir e a pensar en bolos con marmelada e iren de merenda coas súas familias aquela fin de semana.

Todos tiñan pensamentos moi bonitos que lles chegaban a través do cheiro que desprendía a Tareixa.

A bruxa decatouse do que acontecía e nin sequera dera chegado á cabina. Que era aquilo?

Todos sorrían, todos tiñan cara alegres! A bruxa estaba anoxadísima porque todo comezara a lle saír xusto ao contrario de como ela pretendía.

Volveu á superficie, á rúa, e sentou ao pé dun farol da rúa. Seguía invisíbel para os ollos humanos, mais non puido evitar que un can abandonado se puxese ao seu carón e comezase, de súpeto, a lambela.

O can remexía no rabo todo ledo. Debía levar todo o día sen comer e as lambetadas sobre a bruxa sabíanlle a gloria. A Tareixa xa estaba ao bordo da desesperación porque a súa mera presenza provocaba sorrisos e caras de alucinación.

E xusto iso era o contrario do que se propuña a diario calquera bruxa malvada. Na realidade ela tiña sona de ser unha das bruxas peores do país... se as súas compañeiras soubesen o que lle estaba a acontecer!!

Cando o can marchou todo satisfeito, a bruxa mirouse as mans. Estaban   vermellas.E aquel sangue de dragón enchoupara todo o seu corpo e mais as súas roupas e non saía de ningún xeito. Entón pensou que aquilo non era casual, era unha apócema feita por algunha poderosa feiticeira.

A Tareixa decidiu ir voltar á xanela da casa do barrio afastado. Daquela, diante da caldeira, encontrou unha anciá que remexía diante da caldeira onde seguía a bulir o sangue de dragón. A bruxa colocouse diante dela e faloulle así:

– Ah, muller, ¿que poderosa apócema é esa que me fai provocar sorrisos na xente?

A muller, que era cega, respondeulle:

– Non é apócema ningunha. É só marmelada de amorodo e cereixa que uso como recheo dos meus pasteis...

E a muller seguiu coa súa tarefa.

Entón, a Tareixa quedou máis sorprendida do que xa estaba. E antes de se decatar, comezou a sentir unha dor punzante nas costas. De repente, xurdíronlle dúas pequenas ás, como de cabaliño do demo. A Tareixa deixou caer o seu plumeiro e notou que podía aboiar no ar.

A anciá, que seguía a remexer na caldeira, uliu o ar e dixo:

–Hmm, xa vexo que es unha fada... e recendes a marmelada. Quizais ti sexas a fada de marmelada...

E así foi desde aquel momento.

© Xavier Frías Conde
All rights reserved worldwide