domingo, agosto 25, 2019

FUGA DE IDEAS

Harmónica García acudiu onda o doutor. Tiña un grave problema. As ideas fuxíanlle. Ela era compositora. Mais desde había dúas semanas, así que lle nacía unha idea, ela escapaba. 
– Escápanme as ideas, doutor –dixo ela e contoulle a súa desgraza. 
O doutor Alquimio López, moi observador, viu como segundo falaba ela, saíalle un fumiño leve polas orellas. O doutor, sen o pensar dúas veces, colocoulle uns tapóns nas orellas. 
– Resolvido o seu problema –anunciou el. 
– O que di? –perguntou a Harmónica–.  Non lle ouzo nada. 
E daquela el notou que a ela o fumiño lle escapaba polo nariz e pola boca. 
– Amiga, mellor que lle escapen as ideas que non que morra afogada –explicou el, mentres collía unha aspiradora pequena e tentaba capturar os fumiños que lle escaparan á muller e que aboiaban pola consulta.
© Frantz Ferentz, 2019

sábado, agosto 24, 2019

O ESCRITOR DE HISTORIAS DE TERROR

O escritor, todo concentrado, pensaba nunha historia acerca de seres fantásticos. Tiña necesidade de a escribir. De repente, sentiu uns pasos polo corredor e ruídos polos recantos máis profundos da casa. Berrou:
– Non quero distraccións! 
Daquela, un trasno que penduraba do teito dixo ao seu parceiro:
– E logo, nós por que nos escondemos? 
– Porque distraemos o humano...
© Frantz Ferentz, 2019