Hai unha bóla de plástico do tamaño dun puño esquecida no chan.
De repente, no escuro do cuarto, a esfera parece tomar vida e comeza a se mexer.
Sen previo aviso, a bóla roda polo chan. CLON, CLON, CLON.
Aos poucos, a bóla chega até o fociño do Catapulgas.
O Catapulgas é o can da casa.
Por norma é moi tranquilo e non fai máis que descansar deitado.
É que folgar lle cansa moito.
PLINK.
O Catapulgas acorda co golpe da bóla de plástico no seu nariz.
Que gana de enfastiar un honesto can!
Tenta apañar a bóla coa boca, mais élle grande de máis.
Daquela, empúrraa co fociño até a porta.
Despois, polo burato da porta, expúlsaa coa pouta.
Problema resolvido.
O Catapulgas déitase alí mesmo ao lado da porta.
Xa cansou para todo o día e ten que recuperar folgos.
Ronca tranquilo: GHFFF, GHFFFF, GHFFF...
Cando a bóla de plástico, que é amarela, xa está fóra, comeza a rodar.
Roda soa.
Como é posíbel?
Será máxica?
Terá un motor no seu interior?
ÑIGUI, ÑIGUI, ÑIGUI...
Mesmo daquela pasan pola rúa diante da casa dous malandros, Tarántulo e Naftaliña.
O Tarántulo é gordecho coma un tonel, cun saio mouro e catro brazos.
Pon moito medo!
A Naftalina é toda redondiña, de corpo, de brazos e de pernas.
Mais non pon medo.
Porén, Tarántulo e Naftaliña son unha estraña parella que rouba todo o que encontran e fan fraudes case todos os días.
Así que ven a bóla amarela rodar pola rúa, pensan que debe ser algo valioso.
As cousas non se moven soas, salvo que teñan vida, ou alguén as mova ou sexan máxicas.
Eles dous queren ficar a saber que é o que fai que a bóla se mova.
E corren, ao seu modo, tras a bóla pola rúa adiante.
Porén, a roda é moi veloz.
Como pode correr tanto?
E o máis incríbel é que non tropeza cos pés de ninguén, evítaos todos!!
Tarántulo e Naftaliña, porén, van tropezando con toda a xente.
Teñen que pedir desculpas a cada pouco polos empurróns e os tropezóns:
– Desculpe... desculpe... desculpe... – han dicir a cada dous pasos.
A bóla amarela chega entón a unha pasadeira de cebra.
O semáforo está vermello para os viandantes.
Mais ela non atravesa.
Espera pacientemente... Será cousa da maxia?
Cando o semáforo se pon en verde, cruza a rúa co resto de peóns.
O Tarántulo e a Naftaliña chegan ao semáforo, mais van sen folgos por tanto correren.
Daquela o semáforo muda para vermello, non poden pasar.
Mais eles cruzan...
E organizan un sarillo espectacular, os autos apitan e van ser atropelados!!
Por sorte para eles, conseguen chegar á outra beira.
Non ollan para o caos que deixaron atrás, con tanto auto atravesado e condutor anoxado.
Corren tras a bóla amarela que parece non cansar.
– Esa bóla debe ter unha fonte inesgotábel de enerxía –di o Tarántulo sen parar de arfar.
A Naftaliña concorda, mais non lle sae unha palabra pola boca.
Ambos saben que, se a atraparen, serán ricos, pois venderán esa bóla por varios millóns de euros.
De repente, aparece un can enorme.
Máis ca un can, parece un elefante, aínda que sen trompa.
É un dogo e fita para a bóla que se detén aos seus pés.
O can ten vontade de xogar e parece que a bóla tamén.
O can abre a boca e apaña a bóla sen a magoar.
Ten unha boca tan grande que parece que dentro dela se pode durmir unha soneca.
A seguir, corre polo paseo da rúa moi de présa, porque as súas patas son longas.
Tarántulo e Naftaliña non poden seguir ese ritmo.
Só poden facer unha cousa para non perderen de vista a bóla amarela e mais o can.
Tarántulo consegue dar un berro (é o que mellor sabe facer) e para un taxi.
O taxista detense porque leva un susto de morte con aquel berro.
– Siga ese can –di ao taxista.
O taxista sempre quixo ouvir iso de “siga ese auto”, mais non.
Para unha vez que llo din, pídenlle para seguir un can.
O taxista obedece.
Ten medo que o Tarántulo largue outro berro e que o deixe xordo.
O taxista é birollo.
Iso permítelle ter un ollo posto na rúa e o outro no can que continúa a correr polo paseo.
O taxi salta os semáforos en vermello.
Case que se producen accidentes, mais o medo aos berros do Tarántulo é maior que calquera outra cousa.
O dogo chega á beira dun estanque.
Detense.
Pousa a bóla no chan.
A bóla amarela comeza a rodar pola súa conta pola ourela.
Corre veloz pola herba.
– Pare –ordena o Tarántulo.
O taxista frea en seco.
– Son catro euros... –di todo morto de medo o taxista, que quere cobrar a carreira.
Con todo, ten moito medo que o Tarántulo lle largue un berro.
Mais non.
É a Naftalina que mete a man nun bolso e quita un cartón.
É o seu cartón profesional de malandra, co seu correo e mais o seu telemóbil:
Naftaliña López.
Malandra diplomada. Servizos completos e discretos.
Malandra diplomada. Servizos completos e discretos.
naftaliña.moi.magriña@mail.com
– Teña, isto é mellor que o diñeiro –dille ela cun sorriso de orella a orella.
O Tarántulo e a Naftaliña saen do auto.
Novamente teñen que correr.
Xa ten que valer a pena tanta carreira.
Están horribelmente cansos.
Eles non corren nunca.
Son malandros, si, mais o seu oficio non envolve correr.
Entre tanto, a bóla deslízase veloz pola herba.
De repente, un rapaz que está a xogar fútbol non repara na bóla e dálle un puntapé.
A bóla sae voando, até caer novamente na herba.
Despois, continúa a rodar, rodar, rodar...
O Tarántulo ten gana de chorar.
Non o fai porque non quere mostrar febleza perante a súa parceira.
A Naftaliña está a pensar que, se ela se pon a rodar tamén, se cadra irá máis rápido.
Decide experimentalo.
Si, a Naftaliña roda pola herba.
Vai máis veloz e cansa menos.
Hurra!
Para algo que lle tiña que servir estar feita de bólas ela tamén.
Porén, parece que ese día todo ten que se complicar.
No estanque viven pelicanos.
Os pelicanos son paxaros que teñen unha bolsa no bico.
Gustan de meter aí cousas.
Aí un deles ve a bóla amarela a rodar.
Pousa no chan e abre o bico perante ela.
PLOM.
A bola acaba na bolsa do bico.
O pelicano ergue o voo.
Encamíñase para unha illa no medio do estanque onde ten o niño.
Que ben, se cadra, até será comestíbel a bóla.
O Tarántulo observa desesperado o panorama.
Non, non vai renunciar á bóla.
Ten que valer un diñeirame.
Mira en derredor.
Hai un posto onde alugan patíns de auga.
Vai para alá, seguido da Naftaliña, que continúa a roldar.
O Tarántulo é un malandro de categoría.
El non paga por usar o patín de auga.
Salta sobre o primeiro e comeza a pedalear.
A Naftaliña chega rodando e colócase tras el.
Parten da ourela a mexer nos pedais.
Da terra, o responsábel polos patíns bérralles, mais o Tarántulo berra máis:
– UAAAAAAARGHGHGH!
É tan brutal o berro que todos os paxaros na contorna erguen o voo asustados.
Os dous malandros continúan a súa viaxe para a illa do centro do estanque, pedalada a pedalada.
INGUI, INGUA, INGUI, INGA, INGUI, INGA...
Como cansa!
Conseguen alcanzar a beira.
Aquilo está cheo de niños de pelicano e até un de pterosauro, un dinosauro voador, que a xente coida que está extinto.
Mellor para el, así pasa desapercibido.
– Onde iría a bóla amarela? –pregunta Naftaliña.
Ela continúa a rodar.
Descubriu que é moito máis lixeiro para ela se mover así.
Mais ningún deles sabe onde está a bóla amarela.
Todo está cheo de polos de pelicano.
Pican nas patas do Tarántulo e da Naftaliña, como se fosen comida.
Non teñen que procurar moito.
Axiña encontran a bóla amarela.
Un pelicano femia está sentado sobre ela, como se fose un ovo.
Está a incubar nela.
Os dous malandros non saben o que facer.
Ponlles medo tentar roubar un ovo a un paxaro.
A súa experiencia como delincuentes nunca non os levara a situacións coma esa.
Porén, o pelicano érguese, camiña uns pasos.
Así que a bóla queda libre, bota a rolar.
E corre, corre pola beira da illa.
Os dous malandros perséguena.
Tamén corre, ou máis ben voa o pelicano que cre que é un seu ovo.
Algúns paxaros precisan de lentes, porque andan fatal da vista.
A carreira non dura moito.
Nese momento, un corvo se lanza en picado e apaña a bóla coas súas poutas.
Despois, ergue o voo e marcha de novo para o parque.
A mamá pelicano parece desinteresarse por aquel ovo ingrato.
Os dous malandros, porén, queren perseguir o corvo ladrón.
De repente, o Tarántulo dá un emburrón á Naftaliña e bótaa para o estanque.
Tal como el supuña, é como botar uns pneumáticos á auga.
Ela flutúa moito ben.
Mais non hai remos.
O Tarántulo ten que usar os seus brazos como remos.
Por sorte ten catro, de maneira que alcanza certa velocidade.
Non perden de vista o corvo, que vai para a beira.
A Naftaliña non pode abrir a boca porque lle entraría auga.
O corvo chega á ourela.
Pousa nunha xota dunha árbore ao pé do estanque.
Mais a bóla parece que non quere estar aí.
Méxese e esvara da pouta do corvo.
Cae para o chan.
O Tarántulo dá aínda máis impulso á súa remada.
Chegan tamén á ourela.
A bóla parece indecisa, móvese en círculos, é como se non soubese onde ir.
Os malandros xa están en terra.
O Tarántulo vai saltar enriba da bóla de plástico.
Xa case a pode tocar.
Xa case é súa.
Xa case é rico...
CATAPLOF.
O home bate contra algo mol.
Ponse en pé.
É outro can.
É o Catapulgas.
Mais o animal xa está moi canso.
Foi obrigado polo seu dono a seguir o rastro da bóla.
Agora déixase caer no chan.
Toca descansar.
E embaixo del fica o Tarántulo.
Atrapado.
Non consegue mexer nin un músculo co peso daquela masa de can enriba.
A Naftaliña ve daquela que hai un rapaz que recolle a bóla de plástico do chan.
– Con que estabas aquí –di o rapaz á bóla–. Non volvas a escapar, ouviches?
O rapaz abre a bóla.
Dela extrae un hámster.
Évos un animal moi bonitiño, que move os mostachiños con moita graza.
Dá gana de darlle un bico, mais a Naftaliña é unha malandra e ten que manter as formas.
A Naftaliña tenta dicir algo que soe coma unha ameaza, mais aínda non dá recuperado os folgos. Proba a falar algo, mais é só lle sae entre suspiros:
– Arigatoo furabolos parakaló.
O rapaz olla para ela, sorri e dille:
– Lamento, non falo a súa lingua. Pregunte a un garda.
E marcha de alí co hámster nunha man e a bóla amarela na outra.
E o Catapulgas?
O Catapulgas aínda ten que descansar.
O seu dono deulle un par de euros para que tome un taxi de volta.
E entre tanto, o Tarántulo só pode ver como a súa parceira goza coma unha nena a rodar pola herba mentres berra toda contenta:
– Con tanta carreira, hoxe perdín trescentos gramos, hurrááááá!!
© Frantz Ferentz, 2018