— Avó, avó, a semana pasada viaxamos por avión e voamos por riba das nubes...
— Que ben, Carlos. Mais é moi caro iso de viaxar por avión, non? Faise poucas veces.
— Si, mais presta.
— E tocaches nas nubes?
— Nooooon, iso non se pode! O avión está fechado e non se pode sacar a man para tocar nas nubes.
— Claro, porque as nubes non se tocan, tócante elas a ti.
— Tes máis fantasía ca min, avó.
— Pois a min na aldea si que me tocan as nubes.
— Avó, que son un neno, mais non son parvo. Nin que subas nunha galiña vas ti poder voar e sucar os ceos para tocar as nubes nin que te toquen. Veña, non me contes contos para bebés.
— Carlos, estou a che falar completamente en serio. Na aldea moitas veces tócanme as nubes.
— Que non me contes lerias!!
— Non che conto leria ningunha. Queres que cho demostre?
— Quero.
— Pois dilles aos teus pais que che traian para a fin de semana...
O Carlos pediu e pediu aos pais para o levaren á aldea co avó naquela mesma fin de semana. Sería complicado, porque o pai quería ir xogar ao golf e a mai quería ir a un desfile de modas. Non tiñan tempo para levar o neno a ningures. Por iso, o Carlos pediu ao xofer do pai que o levase á aldea. Os pais nin ían botalo en falta, nin tampouco a súa irmá. O xofer, pola súa banda, non ía dicir nada, só lle pediu levar o seu propio fillo Alberto, que nunca saíra da cidade.
Ao Carlos non lle importou. Coñecía o Alberto. Era un bo tipo, máis ou menos da súa idade. O coitado del non viaxaba nunca, iso era certo, mais tiña unha microconsola que usaba coma un mestre. Ás veces, cando o pai do Alberto estaba a levar o pai do Carlos pola cidade, o rapaz quedaba na casa dos xefes do pai e podían xogar xuntos á consola ou navegar pola rede. Iso fixera con que se coñecesen e se levasen.
Ao Carlos non é que lle gustase ir á aldea. Ao contrario, parecíalle un lugar morto. Até tiñan bichos: galiñas a emporcar o chan, cochos a remexer na lama, burros a ornear cando lles petaba. Que noxo de lugar. Non entendía como o avó quería a seguir a vivir alí. Podía vivir na cidade con eles, que tiñan unha chea de cartos e moito espazo. Até podería ter algún xílgaro para lle facer compaña. Ía de cando en vez, ben, de feito ía unha soa vez por ano, só un día, para celebrar o día de anos do avó. E xa abondaba.
Mais daquela, o avó dixera algo que era absurdo. O coitado ía vello. Ía demostrarlle que se enganaba. E así, á primeira hora da mañá do sábado —a viaxe desde a cidade levaba dúas horas—, xa estaban na aldea. O xofer tivo que regresar, mais dixo que volvería no día seguinte por eles.
O avó púxose moi contento de ver o neto e acolleu tamén o seu amigo Carlos. Deulles biscoitos para parvear. O Carlos nunca catara aquilo, el sempre comía uns cereais moi especiais recheos de mel e cobertos de chocolate carísimos que lle traían do Reino Unido, por iso os biscoitos parecéronlle estraños, estraños mais bos. O Alberto, pola súa banda, comeu ben de biscoitos e até bolachas caseiras que tiña o avó na casa e que facía a tía avoa Hermelina, da cal o Carlos sentira falar mais que non vira na vida. Xente de aldea, ao cabo.
— Avó, imos indo tocar as nubes —esixiu o rapaz.
— Non se pode.
— Ves? Xa me parecía a min. Fixéchesme vir para nada.
— Non é iso. Quería dicir que non se pode agora, que só o poderemos facer á alba.
— Á alba?
— Si, hai que partir moi cedo, antes de o sol nacer e ir ao lugar adecuado.
— E en que voaremos? —terciou daquela o Alberto, quen xa se imaxinaba a todos eles a voaren no lombo dunha aguia ou algo así, alto, moi alto, rozando as nubes coa cabeza.
— Canta fantasía —dixo o avó sorrindo—. Mañá xa veredes.
Pasaron o día todo a pasear pola aldea. O Carlos e o Alberto montaron en burro. O Carlos xa montara a cabalo, por tanto non lle atopou moita graza a aquilo, mais o Alberto nunca montara en nada que se movese só, con que lle pareceu bárbaro. Até botaron unha carreira de burros, o cal xa era máis prestoso.
Ademais, na aldea había andazo de gripe, polo que desde as rúas se sentía como a xente espirriaba e fungaba os narices. O Alberto tivo a idea de ir gravando todos eses sons coa súa miniconsola e cando volveron á casa dedicouse a combinar espirros, fungos e algún orneo disperso para montar unha especie de composición musical que case soaba como un rap.
E foi así que pasou o día. Os rapaces houberon durmir no sofá. O Carlos non estaba acostumado a aquilo, o Alberto si. O Carlos non puido durmir, non facía máis que escoitar todos os sons nocturnos de fóra, desde a curuxa até o vento a zoar. Era tremendo. Non tiña nada que ver coas buguinas da cidade. O avó tiña mesmo un reloxo de cuquelo que a cada hora saía e facía "cu-cú".
Mais cando xa estaba a piques de caer durmido, vencido pola canseira, o avó espertounos.
— Avó, é de noite aínda!! —protestou o Carlos.
— Mais ti queres tocar as nubes?
O Carlos ía mandar as nubes a catar ventos, mais o Alberto xa estaba a tirar del.
Así, despois dunha nova parva con biscoitos, encamiñáronse para o monte. Estaba todo escuro como a ora dun lobo, non se vía nada. O Carlos non entendía como o avó podía moverse ás escuras, se cadra tiña visión de raios infravermellos de serie.
Camiñaron durante horas, para o Alberto durante días, para o Carlos durante semanas. O avó movíase con máis axilidade ca eles, parecía mesmo un rapaz. Todo o tempo que camiñaron subiron e subiron. Ninguén podería pensar que houbese montañas tan altas, parecía que chegaran aos dez mil metros... ou máis.
Até que de repente o avó dixo:
— Aquí quedamos.
Os dous rapaces viñas sen folgos, coa lingua fóra. Sentaron e comezaron a recuperar o alento. De repente o Alberto dixo:
— Estrelas!
Efectivamente, no ceo había ducias, centenares, milleiros de estrelas. Víanse perfectamente.
— É que na cidade non vedes as estrelas? —preguntou estrañado o avó.
— Non —responderon os dous rapaces asemade.
— Ah...
E aos poucos polo leste comezou un brillo alaranxado que devagar se foi estendendo cara ao resto do ceo.
— Está para amañecer.
Lentamente a luz ía enchendo todo. Así, os dous rapaces descubriron que estaban no alto dun monte, nun pico, a moita altura. Mais o máis fascinante é que por baixo deles non se vía nada, só nubes.
— Avó, onde nos trouxeches? —preguntou o Carlos espantado.
O avó sorría.
— Iso que ves aí son néboas.
— Ah, menos mal, pensei que eran nubes.
— Ah, Carlos, as néboas son nubes baixas.
— Estás de brincadeira?
— Non. E verás, se esperamos un chisquiño, as néboas subirán, así que saia o sol. E quedaremos rodeados por elas.
Efectivamente, cando o sol saiu, as néboas comezaron a levantar e rodearon o avó e os dous rapaces.
— Non vexo nada —dixo o Carlos.
— Eu tampouco —admitiu o Alberto.
— Carlos, toca agora as nubes...
— Que parvada, non podo!
— Mais elas están a tocarte a ti, ou non?
O Carlos non dixo nada. Só pensou. Ao final recoñeceu que o avó tiña razón, que estando rodeado de nubes, estas estaban a tocalo.
Porén, aquilo non durou demasiado. As nubes acabaron de levantar de todo e o sol puido verse. O val embaixo era perfectamente visíbel. Até se vía a aldea coma unha cagadiña de mosca, alá, no fondo. Que barbaridade, cantos quilómetros lles fixera subir o avó durante a noite?
— Tiña ou non tiña eu razón? —preguntou o avó cun sorriso.
O Carlos non quería recoñecelo.
— Dío —insistiu o avó.
— Tiñas —acabou recoñecendo o Carlos.
— Está ben, pois agora dígoche que son capaz de tocar os cornos da lúa...
— Iso si que non cho creo...
— Queres comprobalo?
— Quero. Mais terá que ser durante o verán, cando non teña aulas na escola.
— Moi ben, heicho demostrar.
E o avó estendeu a man ao neto, quen a apertou con forza.
O xofer do pai do Carlos chegou puntual despois da xanta. Recolleu os dous rapaces e dirixiuse sen demora á cidade, antes de que houbese engarrafamento na autoestrada.
— E que tal pola aldea? —preguntou o pai do Alberto.
— Ben, papá, paseino de medo. É mágoa non termos nós tamén unha aldea onde irmos.
— Pois é... —recoñeceu o pai.
— E sabes unha cousa? Recollín un anaco de nubes —dixo o Alberto.
Aí o Carlos xa non puido seguir calado e dixo:
— Non digas parvadas, es peor que o meu avó.
— Queres velo?
— Quero.
O Alberto meteu a man no peto e quitou un frasquiño de plástico transparente cunha tapa azul. Mostroullo ao amigo:
— Velaí.
O Carlos mirou desde todos os ángulos, mais o interior parecía de todo baleiro.
— Aí dentro non hai nada.
— Mira que es teimudo —respondeulle o Alberto—. Poida que non se vexa, mais aí dentro gardei eu un anaco de nubes, ou de néboas, cando estabamos alí no alto. E se non queres acreditar, é cousa túa. Tampouco non se ven as estrelas na cidade e, con todo, aí enriba están.
E sen máis, o auto seguiu o camiño de regreso á cidade, á gran cidade.
© Frantz Ferentz, 2012