terça-feira, novembro 28, 2017

NO CAMPO DE REFUXIADOS


Resultado de imagen de refugee camp
No campo de refuxiados, os rapaces quedaron sen unha triste bóla con que xogaren. O aborrecemento estaba a tomar conta dos rapaces que sempre pasaban as horas interminábeis de estadía nel a xogaren partidas de desportes inventados, mais sempre con bólas. Porén, daquela, non quedaba unha triste bóla, porque os gardas requisaran todas. Parecía que o seu labor era precisamente lixar aínda máis os rapaces.

"Pai, ficamos sen bólas". Esas foran as únicas palabras que o Ahmed dixo ao pai.

Este xa sabía o que significaba. Fixo un aceno discreto aos cinco homes que estaban ao pé del, ociosos e sen nada para facer, mais que non perdían detalle do que facían os seus fillos naquel areal onde se alzaba o campo de refuxiados.

"Eh, gardas, tendes cara de fatos e non sabedes nin vos amarrar os cordóns das botas", berrou o pai do Ahmed mentres os remedaba, xunto cos outros cinco homes, do interior da reixa que impedía a saída dos refuxiados do acampamento.

Rapidamente, media ducia de gardas colleron as súas espingardas e desde unha distancia regulamentar, dispararon material antidisturbios contra os cinco homes descarados que ousaban mofarse deles. Foi unha chuvia de proxectiles disparados na dirección dos homes, mais practicamente ningún deles alcanzou ningún corpo, pois os homes correron para o interior do acampamento alzando unha vizosa nube de pó.

Cabo duns minutos, o pai do Ahmed aproximouse do fillo coa camisa envurullada á altura do ventre.

"Toma", dixo o pai e deixou á vista dúas ducias de bólas de goma que os gardas dispararan a el e aos compañeiros. "Xa podedes retomar as vosas partidas".

"Graciñas, pai", dixo o rapaz todo feliz e saíu ás carreiras contra os amigos, con todas as bólas de goma antidisturbios que eles ben saberían reutilizar.



© Frantz Ferentz, 2017