Mostrar mensagens com a etiqueta teatro. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta teatro. Mostrar todas as mensagens

sábado, dezembro 16, 2023

O VENDEDOR DE CARAPAXÍ

 

Personaxes

O sexo de todos os personaxes é indiferente. Pódese atribuír calquera.

  • Vendedor(a)

  • Comprador(a)

  • Peón/peoa

  • Axente de policía

Ambientación

Nunha rúa calquera, na beirarrúa. O fondo do palco é unha fachada. Haberá xente que pasé dun lado para o outro, até pode que se sintan mexeriqueiros e fiquen uns segundos ao ollar para o posto do VENDEDOR, o cal será un carriño de venda, con varias caixas pequenas, todas colocadas enriba.

No inicio, o VENDEDOR olla para a fronte, até ten un pé apoiado na parede, a ver pasar a xente. A mesa ten un cartaz onde se le: Carapaxís.


ACTO ÚNICO


Entra COMPRADOR. Leva o telemóbil na man que vai lendo mentres camiña pola beirarrúa. Cando chega á altura da mesa do VENDEDOR, deténse, garda o telemóbil nun bolso e fita para as caixiñas.

COMPRADOR. [A se inclinar levemente sobre as caixas, mais sen tocar ningunha] Bo día, que caixiñas tan riquiñas. O que é que conteñen?

VENDEDOR. Bo día, señor. Conteñen carapaxís. Quere comprar?

COMPRADOR. Non sei mesmo o que son os carapaxís...

VENDEDOR. Nunca ouviu falar dos carapaxís?

COMPRADOR. Non, nunca. Talvez sexa unha froita? Ou unha pedra estraña?

VENDEDOR. Non, meu señor, non é nada diso. O carapaxí é unha bágoa de luar que os antigos poboadores de certa parte da Amazonia recollen nas noites de lúa chea, deixan secar e fan con ela unha especie de pérola que despois é usada con fins máxicas.

COMPRADOR. A ver, a ver, non me faga rir. Iso son contos para crianzas. Nen que eu fose un cativiño crédulo. Non llo sou, sabe? Sou un adulto.

VENDEDOR. Non pretendo brincar con o señor. Vexa, como mostra de que lle digo a verdade, permítame que lle ofreza unha perla de carapaxí.

O VENDEDOR abre unha caixa e mostra unha boliña que, con efecto, parece unha pérola. O COMPRADOR tómaa.

COMPRADOR. E que fago con iso agora?

VENDEDOR. Saboréea como se fose un caramelo.

O COMPRADOR mete a pérola na boca. Fecha os ollos. Saborea. 

Entrementres, vaise achegando, moi moi devagariño, un PEÓN que entrara no palco co telemóbil na man. Vai tomando fotos disimuladamente do posto de venda de carapaxís. Fica nun lateral cabo da mesa, como distraído, mais non perde un detalle do que está a acontecer.

COMPRADOR. Moito bo, ten un sabor como de amorodo, ou mellor, de framboesa. E agora que?

VENDEDOR. Agora pense un desexo, e háselle cumprir nun tempo razoábel.

COMPRADOR. Que cómico é! [A largar unha risada] Mais voulle seguir o xogo, vou desexar algo con todas as miñas forzas...

VENDEDOR. Mais non diga en voz alta cal é o seu desexo.

COMPRADOR. Xa está, xa o fixen.

VENDEDOR. Moi ben, e agora leve tres caixas polo prezo de dous...

Nese instante soa o telemóbil do COMPRADOR. Quítao do bolso e responde.

COMPRADOR. Ola, meu amor, atópasme na rúa, ía xa para a casa... Que? ... Serio? ... Non pode ser... E cando? ... Si, si, xa chego nun bocadiño [Mata o telemóbil e devólveo para o bolso. Asume un ton moi bravo]. Daquela, é un produto que torna os desexos realidade? Eh? Saiba que eu pedín que miña filla consiga ser recoñecido polo seu talento como debuxante no seu liceu, mais que acaban de expulsala por facer un grafiti por baixo da xanela do escritorio do director!

O COMPRADOR fai un xesto como de ir bater na cara do VENDEDOR, o cal toma unha posición defensiva, a colocar os brazos diante do rostro.

Nese momento, soa novamente o telemóbill do COMPRADOR. Este detén o seu ataque e toma o aparello do bolso. Responde.

COMPRADOR. Aló? ... Ah, es tu, filla, non recoñecía o número. Oi, que foi iso de que te expulsaron por... Que? ... Que? ... Non pode ser... Non é brincadeira, non? ... Está ben, vémonos na casa deica un pedazo.

O COMPRADOR fica uns momentos en silencio mentres garda o telemóbil no bolso. Está pensativo. Logo olla para o VENDEDOR, que aínda está á defensiva.

COMPRADOR. Viron o grafiti que fixo a miña filla da Escola Internacional das Artes e ofrecéronlle unha bolsa para estudar onda eles... Din que é o mellor que teñen visto en anos, que ten moito talento e que ela revolucionará a arte urbana... Nen o podo acreditar.

VENDEDOR. Está a ver? O carapaxí funciona. Teña leve as tres caixiñas polo prezo de dúas, por só vinte euriños.

Fan a transacción, mais mal rematan e o COMPRADOR xa está a gardar as caixas nos bolsos da xaqueta, aparece un POLICÍA de uniforme. Apróximase ao VENDEDOR, observa as caixas.

Daquela o PEÓN intervén.

PEÓN. É este o traficante que quería denunciar, axente [Apunta para o VENDEDOR].

VENDEDOR. Eu traficante? Como non sexa de soños?

PEÓN. Iso que vende é unha potente substancia tóxica. A este señor [apunta para o comprador] fíxolle acreditar que se estaba a cumprir un seu desexo.

VENDEDOR. Mais cumpriuse... 

PEÓN. Este tipo vende non sei que droga da Amazonia, como se tal cousa. E eu sou un patriota que non admite que o noso país se encha de xentalla sen escrúpulos que intoxican a xente de ben.

Mentres o PEÓN larga o seu discurso, o VENDEDOR abre unha caixiña e quita unha pérola. Ofrécea ao POLICÍA, que a toma sen pensar e lévaa á boca.

POLICÍA. Hmm, que delicioso, é un caramelo de doce de leite, como os que me daba a miña avoa na aldea...

PEÓN [Alporizado]. Axente, o que é que está a facer? Non ve que iso podería ser unha droga moi perigosa? Creo que está a ter halucinacións...

VENDEDOR. [Ao peón] Non sexa parvo. Aquí o único que ten halucinacións é o señor. Teño un carapaxí [abre unha caixa e extrae un que ofrece ao PEÓN].

O PEÓN no inicio recusa collelo.

POLICÍA. Non sexa bobo, non sabe o que perde. Nunca na vida terá comido caramelos coma estes.

COMPRADOR. Moi certo.

Ao cabo, o PEÓN acepta a pérola. Lévaa a boca. Fecha os ollos e larga un son de pracer cando está a saboreala.

PEÓN. Que cousa tan deliciosa. Sabe a canela con mazá.

VENDEDOR. E xa chega de ofrecer carapaxís. Agora, por favor, compren pérolas, que eu vivo disto. Fágolles, como ao señor aquí presente, unha oferta de tres caixas polo prezo de dúas.

O PEÓN e o POLICÍA quitan 20 euros cada un e levan as caixas. Ambos saen do palco por un lado e o COMPRADOR polo outro. Cómpranlle todas as caixas; a mesa fica baleira. Permanece só o VENDEDOR, que volve colocar o pé na parede e enxerga o PÚBLICO. Despois duns segundos, afástase da parede, empurra o carriño e vai saír, mais antes de o facer, fala para o PÚBLICO.

VENDEDOR. E vós que pensades? Que vendo de verdade pérolas máxicas ou que son meros caramelos? Se queredes saber na verdade o que é carapaxí, vinde por aquí despois da próxima lúa chea, que terei un novo cargamento. E experimentade por vós mesmos. A mercadotecnia évos todo nesta vida. Até a próxima, abur.

Camiña para fóra, a empurrar o seu carriño, por un lateral.

Vai para o escuro.

PANO

© Frantz Ferentz, 2023


terça-feira, dezembro 20, 2022

MÓNICA A ABRAZADORA


Personaxes

  • Mónica

  • Mónica 2

  • Árbore

  • Hipopótamo

  • Bruxa, vestida de negro, verruga incluída.

  • Ladrón ou ladroa, o sexo é indiferente. Vestida de negro, con capucha

  • Policía, o sexo é indiferente. Veste dun xeito clásico, cunha túnica con botóns e un casco alto. Leva un pito que pendura dunha corda ao pescozo.


ACTO ÚNICO

MÓNICA aparece no palco. Hai peluches sen cabeza no chan. Nese momento, camiña abrazando un peluche, que aperta con forza, mais de súpeto cae a cabeza ao chan.

MONICA: Outro peluche esnaquizado.

Deixa caer o peluche no chan, sen cabeza, coma o resto.

MÓNICA: [Para a fronte]: E agora que fago? Preciso de abrazar. Non me queda nin un só peluche e nin sequera teño cartos para comprar máis. Ademais, teño que abrazar xa. Terei que saír, a pesar do confinamento, a ver se atopo quen abrazar.

MÓNICA pon a máscara e comeza a camiñar. Camiña até a porta (invisible). Ábrea, péchaa, continúa a camiñar. Atópase cunha árbore. Bate contra a árbore, non a ve porque está mirar para o chan.

MÓNICA; [Despois de chocar]: Vaia, desculpe.

MÓNICA continúa a mirar para o chan.

MÓNICA: Perdón.

Finalmente mira cara arriba. Mira para a árbore.

MÓNICA: É normal que non me responda, é unha árbore... Mais, quen sabe, se cadra é abrazable.

MÓNICA está a piques de abrazar a árbore. Pasa un brazo por un lado e outro polo contrario. Abrázaa, apegando a cara á superficie. Permanece así uns segundos, cos ollos pechados. Un sorriso aparece no seu rostro.

MÓNICA: Hmm, adoro abrazarte, árbore. Lévote para a casa.

MÓNICA tenta arrastrar a árbore coas dúas mans, mais a árbore non se move.

MÓNICA: Pois nada, eu vou outro día para abrazarte. Adeus.

Unha das pólas da árbore móvese lixeiramente, coma se dixese adeus. Mónica continúa a camiñar, a árbore fica fóra de vista.

Despois dun tempo, MÓNICA atópase cun hipopótamo. O animal anda tranquilo. Move o rabo

MÓNICA detense diante do seu fociño. O hipopótamo tamén para. Gruñe suavemente (parece un porco cando se trata de gruñir).

MÓNICA: Hipopótamo, co teu permiso, voute abrazar.

O hipopótamo permanece inmóbil. MÓNICA tenta abrazalo varias veces. Abrázao primeiro polo pescozo, despois polo peito, de xeonllos, despois pola barriga desde abaixo e finalmente desde arriba. Mais os abrazos son un fiasco.

MÓNICA: Hipo, non es moi abrazable ti. Que teñas un bo día.

O hipopótamo gruñe suavemente e segue o seu camiño, mentres MÓNICA segue o seu.

Despois dun tempo, MÓNICA atópase cunha vasoira no chan. Recóllea e míraa. Despois vai abrazala. Non hai maneira, a vasoira é moi fina.

E mentres está niso, unha BRUXA achégase por detrás. Leva un cono por sombreiro, cabelo horrible, veste de negro e ten un nariz puntiagudo cunha verruga do tamaño dunha canica.

BRUXA: Aquí estás, Mariola.

MÓNICA: [Volvéndose cara á bruxa]: Non, Mónica.

BRUXA: Perdón?

MÓNICA: Que o meu nome é Mónica, non Mariola.

BRUXA: Estaba a falar coa miña vasoira.

MÓNICA: A vasoira fala? Porque abrazar non abraza.

BRUXA: Normal, non ten mans. Pero non fala, aínda que voa.

MÓNICA: Que voa?

BRUXA: Si, está abraiada, non si?

MÓNICA: Entón é unha bruxa?

BRUXA: [Hesita]: Isto...

Mónica non agarda por unha resposta. Bótase sobre a bruxa e está a piques de abrazala, pero non o acaba de facer.

MÓNICA: Uf, que horror, que mal cheiras. [Desvíase]. Cheira a allo... e a cebola. É unha poción.

BRUXA: Noooon, é que estaba a preparar un cocido para comer.

A BRUXA colle a vasoira do chan, colócaa entre as pernas e sae correndo para descolar e descolar. Pérdese de vista.

MÓNICA: Que groseira, pode ser toda a bruxa que queira, pero xa podería despedirse.

Nese momento escóitase un asubío.

POLICÍA:           Para, para!

Aparece un LADRÓN correndo. Veste todo de preto, cunha capucha totalmente preta que só deixa ver os seus ollos. MÓNICA intervén no seu camiño. Vai cos brazos abertos.

MÓNICA:     Unha aperta!!

O LADRÓN non espera o que se atopa. Para asustado. MÓNICA aproveita para abrazalo. Apértao. O LADRÓN tenta fuxir de MÓNICA. O POLICÍA vén correndo, pero sen alento.

POLICÍA: [A arfar, coa máscara colgada]: En nome... da... da... lei... pare.

O LADRÓN consegue fuxir de MÓNICA e sae correndo coma un galgo. Mentres, o POLICÍA tenta recuperar o alento, momento en que MÓNICA aproveita para abrazalo.

POLICÍA: Que fai? Déixeme ir!

MÓNICA: A ver se se lava, cheira a suor. E facer máis exercicio, que está en moi mal estado.

POLICÍA: Céibeme!!

MÓNICA céibao. O policía continúa coa persecución. Volve tocar o seu asubío, sen folgos, e fica fóra da vista.

MÓNICA: Vese que non atopo quen abrazar. Pero a xente non entende que abrazar é algo vital para min. Ai, que pena. Volvo á miña casa.

MÓNICA comeza a andar. Avanza rápido. Chega á porta invisible da súa casa. Retira a máscara. Saca a chave, métea na pechadura, desbloquéaa, abre a porta e entra na casa.

Ela detense un momento. Despois vai ao espello de corpo enteiro. O público ve as costas de MÓNICA, mentres que verá a súa imaxe de fronte. A medida que se achega, vese a súa imaxe cada vez máis próxima. Loxicamente, o reflexo no espello repite os movementos de MÓNICA, que só moverá lixeiramente a man e a cabeza mentres está a monologar.

MÓNICA: A miña vida é moi triste. Eu, se non me abrazo, estoupo. Pensei que abrazar persoas ou árbores ou animais sería máis agradable que abrazar peluches, que rompen rapidamente, pero a verdade é que non é [suspira con moita tristeza].

MÓNICA cobre a cara coas mans e até salouca. Mira para o seu reflexo, que vira a cabeza para un lado.

De súpeto, o reflexo de Mónica, é dicir, MÓNICA 2, debrúzase no marco do espello.

MÓNICA 2:   Psst...

MÓNICA non é consciente. MÓNICA 2 insiste.

MÓNICA 2:   Ei!

MÓNICA sae da súa soñación. Vai cara a MONICA 2. Dá un paso atrás.

MÓNICA: Quen es?

MÓNICA 2: Eu son ti.

MÓNICA: E ti es eu?

MÓNICA 2: Depende.

MÓNICA: De que depende?

MÓNICA 2: De se estás a abrazar ou a ser abrazada.

MÓNICA: Non entendo.

MÓNICA 2: Xa veremos. Que queres, abrazar ou ser abrazada?

MÓNICA: Abrazar, pero resulta fatal. Non o entendo.

MÓNICA 2: E algunha vez fuches abrazada?

MÓNICA [A hesitar]: Hm... eu creo que non. Non estou segura.

MÓNICA 2: Se te abrazasen, non o esquecerías.

MÓNICA 2 sae do espello. Ambas as Mónicas están enfrontadas.

MÓNICA 2: Veña, abrázame.

MÓNICA: Estás segura?

MÓNICA 2 [A facer un xesto coa man para que se achegue]: Completamente.

MÓNICA achégase lentamente a ela. Ela devagar levanta os brazos para abrazar o seu reflexo. MÓNICA 2 fai o mesmo e abraza MÓNICA. Despois de dez segundos, sepáranse lentamente.

MÓNICA 2: Cómo che vai?

MÓNICA [Emocionada]: Vaia, foi incrible, non teño palabras.

MÓNICA 2: Por que?

MÓNICA: Pois porque ao mesmo tempo que eu te abracei, ti abrazáchesme a min.

MÓNICA 2: Pero se eu son ti, abrazácheste.

MÓNICA: Non te metas comigo

MÓNICA 2: Non te decatas?

MÓNICA: De que? De que recibo un abrazo?

MÓNICA 2: É máis que iso. É a primeira vez que te queres. E cando te abras, o amor que tes en ti debes dalo ao mundo. Pero, asemade, tes que abrazarte para que o mundo te volva amar.

MÓNICA: Non digas parvadas.

MÓNICA 2: É a simple verdade. Sae ao mundo e abraza, mais recupera os abrazos.

De súpeto, o reflexo de MÓNICA volve ao espello. Pérdese do outro lado.

MÓNICA tarda en reaccionar, pero entón decide seguir o seu reflexo.

MÓNICA:         Agarda por min!

MÓNICA atravesa o espello, pero é coma se pasase por un cadro baleiro, non cruza para outra realidade.

MÓNICA: Onde fuches?

Silencio. MÓNICA mira ao seu redor. De súpeto ve un marcador preto e un cartaz branco. Senta no chan e escribe con letras grandes:

"Troco abrazar por ser abrazada".

Despois, pendura a cartolina, pon a máscara, vai á porta invisible da rúa, ábrea, sae e péchaa. Fóra, senta no chan co cartaz á vista a agardar.

Vai para o escuro.


PANO

© Frantz Ferentz, 2020


NOTAS:

Mónica debería levar unha máscara, para que a actriz que interpreta a Mónica 2 teña o mesmo rostro.

A porta da rúa é invisible. Mónica ábrea e péchao coma un mimo.

Mónica realmente non anda. Só move os pés. Os que realmente se moven son os demais personaxes, aínda que Mónica pode dar uns pasos no palco.

O hipopótamo é un personaxe que precisa de dous actores.