O insigne Gianni Attaccapanni foi un coronel italiano da fin do século xix e inicios do xx. Disque participou nalgunhas guerras por África e Europa, mais na realidade non pasou á historia por isto, mais polos seus enormes bigotes.
Si, veredes. Tiña uns bigotes que, de punta á punta, medían aproximadamente un metro. O coronel Attaccapanni estaba ben orgulloso deles. Eran deses bigotes que se estendían a partir dos fociños e en chegando á punta, curvaban para arriba, até formaren unha espiral de dúas voltas.
Mais non pensedes que o Gianni nacera con aqueles bigotes. Non, certamente. Naceu sen eles. Cando neno, tiña o fociño todo pelado, coma un cu de bebé. Foi a partir dos vinte anos que o seu bigote comezou a ter unha presenza real por riba de beizo superior. Medraban lentamente aqueles bigotes sen chegar a se curvar no final, até alcanzaren vinte centímetros de lonxitude, todos finiños e ben curiosos, rexos, pretos e tesos.
Xa daquela era cabo na corte de Savoia, onde se dedicaba a colaborar na unidade italiana do Garibaldi. Naquela altura, os seus bigotes causaban a envexa de todos, tanto que o seu capitán, Antonino Zucchino, llos mandou cortar.
O cabo Attaccapanni refusou. Desobedecía unha orde dun superior por a considerar inxusta e desproporcionada. Entón o capitán Zucchino, querendo dar exemplo, agarrou o sabre diante de todo o rexemento e lanzou un golpe formidábel contra unha das puntas do xa medrado bigote do seu subordinado. Mais o efecto non foi o esperado. O sabre non rompeu o cabo do bigote, senón que el mesmo escachou coma un pau podre que bate contra unha barra de aceiro.
O capitán ficou abraiado. Tamén o resto do rexemento que contemplaba a escena en absoluto silencio. Tanto foi así, que o capitán aínda correu até o seu gabinete e recolleu unha catana xaponesa que lle fora regalada por un samurai anos atrás, cando se ocupaba de facer a ruta da seda para os franceses. Disque aquela catana era irrompíbel, con que alá volveu con ela onda o cabo Attaccapanni e bateu con todas as súas forzas na mesma punta dos bigotes onde rompera o seu sabre.
O impacto foi brutal. O cabo Attaccapanni saltou polos ares por mor do impulso, mais malia o golpe, o seu bigote permaneceu intacto. A catana voara polos ares e tamén o capitán Zucchino, que aterrou nun poleiro veciño, para espanto das pitas e anoxo do galón da currada, que vía naquel paisano, con gorro de plumas e traxe a cores, unha concorrencia desleal.
E foi precisamente aí onde comezou a lenda dos bigotes do Gianni Attaccapanni. Mesmo até tiveron participación nalgunha campaña militar en África, tanto que salvou a vida propia e dalgúns compañeiros de armas mercé a eles.
Tal como contan as crónicas, foi así: Era un día de agosto, todo cheo de po e moscas. As tropas italianas estaban a avanzar por un desfiladeiro. De repente, os soldados inimigos xurdiron coma formigas de entre as rochas e comezaron a disparar contra as tropas italianas. Os soldados fuxiron a toda a velocidade dos seus pés, tamén Gianni Attaccapanni, xa daquela tenente. Mais os soldados inimigos baixaron até o camiño. O tenente Attaccapanni xa quedara sen balas. E aínda peor, o seu fusil con baioneta escachara por causa dun balazo inimigo. Xa naqueles tempos, o bigote do tenente Attaccapanni era grande, case parecía os cornos dun búfalo. E foi precisamente iso o que fixo: usar os seus bigotes como se fosen os cornos dun búfalo. Lanzouse de fronte coma un touro e cos seus cornos mandou os inimigos polos ares. Mesmo un par de soldados italianos feridos lograron engancharse dos bigotes do tenente Attaccapanni e conseguiron así salvar a vida.
Por aquela fazaña, o ministro da guerra concedeu ao tenente Attaccapanni a medalla ao valor, que lle cravaron nos bigotes, e foi ascendido a capitán.
E de aí arranca a fama do Gianni Attaccapanni, do seu bigote. Pouco a pouco foi facendo a súa carreira militar xa sen ter que pisar un terreo de guerra. Abofé, os seus bigotes impuñan respecto a todos. Tanto foi así, que cando alguén o contrariaba, comezaba a mover a cabeza ao tempo que os seus bigotes cimbraban no ar até producir un son semellante a espadas, co cal ninguén ousaba contrarialo.
Mais o segredo mellor gardado era como era o coronel Attaccapanni na casa. Cando volvía do cuartel, o militar puña as pantuflas, a bata e adormecía durante horas no seu sofá favorito do salón, mentres o vello reloxo de carillón daba as horas imperturbábel. Daquela, a súa muller era quen realmente quitaba proveito dos enormes bigotes do seu home. Usábaos para tender a roupa mollada ou ben para facer madeixas. E é que, no fondo, aquel era o mellor uso a que se podía someter aquel mostacho inmenso, porque attaccapanni simplemente significa “colgadoiro” en italiano.
© Xavier Frías Conde
All rights reserved worldwide