terça-feira, dezembro 06, 2011

O ATAQUE DO MONSTRO DOS PEÚGOS


Durante moitas semanas na casa dos Martíns Martíns viña sucedendo algo extraordinario, algo que non tiña unha explicación lóxica, algo para o que sería preciso procurar axuda de fóra, talvez da internet ou mesmo de máis aló.
O que viña sucedendo na casa dos Martíns Martíns é que a cada pouco, desaparecía un peúgo de lá.
Exactamente era así.
Un peúgo de lá por semana.
E non é que desaparecesen en parellas, non, iso no, senón que desaparecía sempre un, estritamente unha unidade do par a cada semana.
Podía darse o caso, iso era innegábel, que nunha semana desaparecese un peúgo do par e na seguinte semana desaparecese o outro.
Mais ou máis incrible de todo e que só desaparecían calcetos de lá, non desaparecían, porén, calcetos de calquera outro tecido.
Os que máis desaparecían eran xustamente os escarpíns que tecía a avoa.
E que a avoa, como non tiña nada que facer, pasaba os invernos e tamén o resto do ano a tecer peúgos e peúgos de lá, montañas de peúgos que despois puña toda a familia Martíns Martíns, mais non só eles, daba para agasallar aos do 5ºB, aos do 2ºC, á porteira e mais a súa familia e até ao can do señor Emilio, que apañaba todas as mormeiras polas patiñas, o coitado.



d      d      d



Por iso, o daquel inverno estaba a ser algo incomprensible.
Quen levaba os peúgos de lá das gabetas?
Quen?
A avoa, cando soubo o que acontecía, dixo que aquilo só podía ser cousa do monstro comepeúgos.
Non digas parvadas, mamá respondeulle o seu fillo, o señor Martíns , iso son contos.
De contos nada porfiaba a avoa . Lembra que nós descendemos dunha familia da Renania Saxonia onde acreditaban nestes seres mitolóxicos. Aínda miña nai, durante a miña infancia na Renania, falábame do sockenmonster.
Do que? preguntaron os dous netos asemade.
Do sockenmonster, que é como lle chaman en Alemaña ao monstro dos peúgos.



d      d      d



Aos netos aquilo parecíalles unha historia ben interesante.
A avoa nunca lles falara de tal criatura, nin coñecían da súa existencia, por iso pedíronlle que lles explicase de que se trataba.
Sen que ninguén o sospeitase, a avoa era unha verdadeira experta no tema.
Coñecía todo o que había que coñecer sobre tal criatura porque desde xeracións atrás lle viñan contando todo o relativo a esta criatura.
Segundo dicía a tradición, os monstros dos peúgos vivían nos lares e, como indica o seu nome, alimentábanse dos peúgos de lá, non dos outros, máis modernos, porque os monstros preferían os produtos naturais.
— E como é un monstro dos peúgos? — preguntou Martiño Martíns, o neto.
— Ninguén non o sabe exactamente — respondeu a avoa —. Hai tantas teorías como persoas, porque normalmente estes monstros domésticos non se deixan ver. Ten que ser pequeno e probablemente ha saber camuflarse moi ben.
— Daquela son invisibles? — preguntou Martiña Martíns, a neta.
— O máis probable é que si, que se tornen invisibles á vontade — asentiu a avoa.
Era excitante ter un monstro dos peúgos na casa.
De feito, segundo a tradición, case todas as casas tiñan un.
Mais como a desaparición dos peúgos estaba a chegar a un límite insoportable, o señor Martíns decidiu tomar cartas no asunto.
O señor Martíns, como persoa adulta seria, non podía dar creto ás fantasías da súa nai, mais doutra banda lembraba o que a el lle contaban cando cativo.
Daquela acreditaba todo.
E se por acaso...?



d      d      d




O señor Martíns decidiu montar a garda pola noite, que era cando aparentemente desaparecían os peúgos.
Ficou sentado no salón, ás escuras, armado cun coador para capturar a criatura que pasase por alí de camiño para os cuartos na procura dos peúgos.
Porén, foi acordado pola señora Martíns de mañá moi cedo.
— Adormeciches? — preguntoulle ela cunha cunca de café nas mans.
— Só agora, hai un bocadiño — mentiu el ferido no seu orgullo.
— Pois parece, porque esta noite volveu a desaparecer un peúgo...
— Non é posible.
— É...
O señor Martíns, ferido no seu orgullo, montou garda tres noites máis, pero as tres noites caeu adormecido irremediablemente despois dun cuarto de hora de ollar para a escuridade.
E entrementres os peúgos seguían a desaparecer.
— É cousa do sockenmonster — teimaba a avoa —, évos un becho moi listo, capaz de saber cando o espían.
— Daquela, só queda unha solución — dixo o señor Martíns, que estaba disposto a recoñecer indirectamente a existencia daquel ser.
— A cal? — inquiriu a señora Martíns.
— Teremos que nos desfacer de todos os peúgos que hai na casa. Así, cando non haxa peúgos, o ladrón de peúgos marchará, porque non terá de que se alimentar.
— A idea podería funcionar — comentou tranquilamente a señora Martíns.
— Claro... — quixo insistir o señor Martíns.
— A idea podería funcionar — retomou a señora Martíns — se estivésemos no verán e non precisásemos peúgos, mais agora estamos en xaneiro e vai unha friaxe insoportábel, non podemos desfacernos dos peúgos de lá agora, enténdelo?
Era certamente un argumento poderoso.
Non, o desfacerse dos peúgos de lá, non era unha boa solución.
Probaron outras opcións.
Puxéronos no alto do armario.
Fecháronos nun caixón con chave.
Cubríronos de pementa coa intención de causar espirros ao monstro dos peúgos.
Mais todo, absolutamente todo, foi inútil.
Cada semana, un novo peúgo de lá desaparecía misteriosamente.
Foi entón cando os fillos Martíns decidiron facer unha pescuda pola internet.
Os pais non quixeron saber máis nada do asunto e deixaron a avoa e os netos organizaren a caza daquel ser esvaradío.



d      d      d



Tiñan a certeza de que atoparían algún modo de capturar un monstro dos peúgos, porque na internet atópase todo, desde como transformar unha agulla nunha miniantena parabólica até como domear un minidragón.
Efectivamente alí atoparon a solución.
Nunha páxina dedicada aos monstros domésticos dicía que os monstros dos peúgos, os sockenmonster da avoa, vivían en recunchos escondidos no lar de imposible acceso para os humanos; eles sabían moi ben cando o camiño estaba libre e saían, xeralmente abeirados na escuridade, para capturar os peúgos de lá que houber no lar onde moraban e mesmo noutros veciños.
Engadía a páxina que é practicamente imposible capturar un monstro dos peúgos, mais que se pode atopar o seu abeiro cunha técnica moi sinxela: abonda facer unha gran bóla cunha ducia de peúgos de lá.
O monstro dos peúgos, normalmente cauteloso, non poderá resistir tal tentación e lanzarase a comer na bóla de peúgos como se non tivese comido en dous meses, porque, ademais, non se decatará de que se trata dunha ducia de peúgos, senón de un só peúgo xigante.
E que monstro dos peúgos se pode resistir a iso?
Iso fará que o seu bandullo medre até extremos inimaxinables e non poida entrar no buraco que use de acubillo.
Terá que irse desfacendo do comido e arredor quedará todo cheo de lá.
E xusto aí será onde o monstro dos peúgos terá a súa morada.



d      d      d




Martiño e Martiña contáronlles aos pais e á avoa o que descubriran pola internet.
A máis entusiasta co plano foi a avoa, mais ela decidiu que, no canto de facer unha bóla de calcetos, ía facer un calceto xigante, que era algo aínda máis tentador para calquera monstro dos peúgos.
A avoa non demorou nin dous días en tecer o peúgo máis grande nunca visto na cidade.
Naquel peúgo cabía un pé do número 135, polo menos.
Ademais, era fofiño, apetecible para calquera monstro dos peúgos, mesmo cun lixeiro perfume de suavizante que lle daba un cheiro delicioso...
Unha tentación de peúgo, claro.
E nunha noite de febreiro deixaron o peúgo no armario, para non dar a sensación ao monstro dos peúgos de que lle estaban a tender unha trampa...




d      d      d




Naquela fría e escura noite de febreiro, mentres fóra nevaba e o silencio imperaba sobre todas as cousas, algo miúdo moveuse pola casa.
Non era silencioso de todo, mais o rumor que facía ao se mover quedaba absorbido pola moqueta.
Cando chegou ao armario non dubidou nin un segundo en ir até a gabeta onde aquel peúgo inmenso estaba gardado.
Entrou como sempre adoitaba facer, pola traseira do armario, escoándose por baixo e logo penetrando por un buraquiño na parede, para despois gabear moi axilmente até a gabeta onde se gardaba aquel enorme e apetitoso peúgo de lá virxe.
Ah...
Foi un movemento rapidísimo, probablemente tería pasado desapercibido para o ollo humano, mais dun segundo para outro, o peúgo desaparecía da gabeta e baixaba pola traseira do armario empurrado por un ser miúdo que fuxía a unha velocidade de vertixe.



d      d      d





Á outra mañá, Martiño, Martiña e mais a avoa foron directos ao salón para comezar as pescudas.
Non botaron moito en descubrir restos de lá en forma de fíos.
De feito había un rastro moi claro que comezaba no cuarto e seguía polo corredor para desembocar no salón.
Parecía que era xustamente alí, no salón, onde o monstro dos peúgos tiña o seu cubil, mais non, na realidade o rastro seguía para o baño.
Que estraño.
En ningures dicía que os monstros dos peúgos escollesen os baños para vivir, nin tampouco nas historias sobre sockenmonster que coñecía a avoa se falaba de tal cousa.
Mais o rastro ía para o baño, diso non había dúbida; por tanto, para alá foron os tres.
Ao pé do lavabo atoparon unha morea de lá desfeita que, sen dúbida, pertencera ao peúgo xigante.
E un fío longuísimo subiu até o moble onde o pai gardaba os seus arteluxos de barbear, xusto tras o armario do espello.
A avoa dispúñase a abrilo, cando, de repente, unha voz alporizada berrou ás súas costas:
— Que demos pasa aquí?
A avoa e mais os dous netos viráronse.
O pai ollábaos acabado de se erguer en pixama desde a porta do baño.
— Acabamos de descubrir cal é o abeiro do monstro... — explicou Martiña.
— Ah si? — o pai mostrábase incrédulo.
A avoa non esperou máis e abriu a porta do armario do espello.
E o que alí atoparon non o esperaba ninguén.
Era algo absolutamente inimaxinable...



d      d      d




Alí estaba a máquina de barbear do pai, un aparello ultra-super-moderno, unha barbeadora electrónica intelixente.
Até alí, nada de especial.
O especial era que a barbeadora estaba toda rodeada de lá.
E xusto da que abriron a porta, a barbeadora fixo un ruidiño estraño.
Realmente soou como un arroto.
Si, un arroto como os que larga a xente despois de ter comido moito.
Non era posible.
Era a barbeadora ultra-super-moderna a responsable de que os peúgos de lá desaparecesen?
A nai contemplaba a escena desde detrás do pai.
Ao final coñecera toda a historia da que se achegaba ao baño.
Sen dicir unha palabra, colleu un peúgo que levaba no bolso da bata e deixouno no chan.
Daquela, a barbeadora conectouse automaticamente e saltou cara ao peúgo como un can saltaría para unha salchicha.
Despois, comezou a “barbealo”, mais acabou desfacéndoo, como se o comese.
Non quedou máis ca unha especie de po no ar a aboiar durante uns segundos.
Iso era todo o que ficaba do peúgo.
— Misterio resolvido — sentenciou a nai.
— Queres dicir que todo era causado pola miña barbeadora? — preguntou o pai incrédulo.
— Certamente — comezou a explicar a nai, que xa tiña a súa teoría desenvolvida —. É tan sofisticada que se activa con calquera cousa que ela interprete que é barba. Confundía os peúgos de lá coa túa pel e por iso activábase soa. Non importaba que os peúgos estivesen no cuarto, ela soa ía para alá e cumpría a súa tarefa. Demasiado perfecta esta túa barbeadora...
— Pois non soñes con tocala, eh? — dixo o pai apertando a barbeadora contra o peito.
O resto da familia saíu do baño co misterio resolvido.
O pai, pola súa banda, prendeuna e comezou a se barbear.
Que marabilla de máquina, pensaba el, era tan intelixente...
E mentres o pai se barbeaba, uns ollos miúdos contemplaban toda a escena desde un recuncho do baño, nunha esquina no teito.
Eran os ollos dun ser que levara unha boa fartura de lá e que conseguira desviar a atención para unha máquina de barbear.
Faltara moi pouco para que o descubrisen.
Para a próxima, tería que ser máis coidadoso.
Coidadoso si, mais sen renunciar a seguir comendo peúgos de lá...


© Frantz Ferentz, 2011