quinta-feira, maio 11, 2017

DE OFICIO: P.E.T.A.


   Na torre de controlo do aeroporto saltaron todas as alarmas. O que algúns sospeitaban que acontecería, aconteceu. Parecía imposíbel, mais non, finalmente o máis estraño, o máis raro, o máis incríbel, tivera lugar. Moitos dos que alí traballaban ouviran falar daquel fenómeno, mais non o viviran en primeira persoa. Até se tería feito algún filme sobre iso, mais atopalo alí diante, a poucos metros do vidro da torre de controlo, era algo que ninguén esperaba e, menos aínda, que tivese acontecido tan rápido.
E de que estamos a falar, se se pode saber? preguntaredes algúns de vós.
Está ben, deixémonos de lerias e contemos o que acababa de acontecer no aeroporto do Mariscal Sucre de Quito. Mais heivos confesar que non é doado narrar “iso”. Ben, está ben, tentémolo.
Ás 17h15 estaba prevista a descolaxe dun voo de Quito para Madrid. Era un voo que partía cinco veces por semana. Había anos que viña sendo así e nunca aquel Airbus deixara de voar, nunca nos seus dez anos de vida.
Até aquel 3 de maio.
Naquel 3 de maio, o avión non reaxiu cando o comandante o puxo en marcha. Axiña os servizos técnicos do aeroporto se lanzaron para ver as tripas daquel Airbus. Dez técnicos armados de aparellos de todo xénero chequearon todos os sistemas do avión, e non unha nin dúas, mais tres veces. E a final chegaron a unha conclusión incríbel: que o avión non tiña ningún problema técnico. Absolutamente ningún. Daquela, por que non decolaba?
Ninguén o sabía. Tampouco ninguén tiña unha proposta. Nin sequera o piloto.
Porén, nun dos computadores da torre de controlo, un que estaba permanentemente ligado, mais que ninguén utilizaba, prendeuse un piloto vermello. Desde sempre, aquel computador estaba naquela sala sen ninguén se ocupar con el, sabían que era un mandado do ministerio, mais ningún operador traballaba con el. Na pantalla daquel computador apareceu unha mensaxe: Guevara 0999876542.
Todos os operadores da torre de controlo fitaron para aquela mensaxe inexplicábel, até que alguén lle dixo:
— E se Guevara fose un apelido e o número que vén a seguir fose o seu número de telemóbil?
Era unha hipótese. O xefe do servizo quitou o seu telemóbil e marcou un número. Soaron tres tons. Despois, unha voz de muller respondeu:
— Doutora Guevara ao aparello.
— Doutora, o seu nome e número apareceron na pantalla de un dos nosos computadores no aeroporto.
— Se callar un avión que non descola?
— Exacto.
— Vou para aló —dixo a doutora.
Unha hora despois, salvando o tránsito infernal de Quito, a doutora Guevara chegaba nun taxi ao aeroporto. Axiña subiu á torre de controlo.
— Cal é o avión en cuestión? —preguntou a doutora así que estivo na sala de controlo.
— Aquel de alí —dixéronlle acenando para o Airbus.
Sen perder máis tempo, a doutora Guevara sentou diante do computador en que aparecera o seu nome xunto co seu teléfono. Comezou a teclear. Inmediatamente se estableceu un batepapo cun locutor descoñecido que respondía ao nome de Petri. Estiveron a bater o papo durante ao menos dez minutos. Na sala non se mexía nin unha pestana, todos estaban pendentes da doutora, sen entenderen como se dedicaba a bater o papo no medio dunha situación tan complicada, mais ninguén ousou pedirlle explicacións.
Cabo duns minutos, a doutora ergueuse da cadeira e falou co xefe da torre.
— O Airbus está deprimido.
Un comentario así tería provocado as gargalladas de calquera, mais coa tensión que se mascaba no ambiente, ningún dos controladores sequera esbozou un sorriso.
— Verá —continuou a explicar a doutora—. Estiven a bater o papo coa computadora de abordo, que se fai chamar Petri. Cóntame que os sensores do avión detectaron un pasaxeiro que choraba porque non quería ir embora. Producía tanta tristeza que o avión se contaxiou dela e está para entrar en depresión...
Aquelas palabras que poderían parecer un chiste tampouco provocaron gargalladas, apenas vontade de ligar para os louqueiros, mais o xefe da torre de controlo non ía permitir que alí acontecese nada, por tanto só preguntou:
— E dígame, doutora, o que se supón que temos de facer?
— Creo que é sinxelo. Desembarquen o pasaxeiro en cuestión e afásteno do aparato, onde as súas vibracións non cheguen aos sensores do avión. Cando iso acontecer, o avión recuperará o seu ton vital normal e poderá descolar.
Todos contemplaban aquela muller coa cabeza chea de caracois que falaba tan seriamente.
Ao cabo, o técnico máis novo da torre, acabado de chegar alí a traballar, atreveuse a quebrar o silencio de todos os seus compañeiros e preguntou á doutora:
— Desculpe a indiscreción.
— Claro, dígame —respondeu a doutora Guevara cun sorriso.
— A señora é enxeñeira aeroespacial?
— Oh, non. De facto soulle PETA.
— PETA? Nunca ouvín falar diso.
— Significa Psicoterapeuta Especializada en Traumas Aeronáuticos.
— Continuo sen entender —dixo o controlador mozo.
— Psicóloga de avións, meu rei, que non pescas nada —explicou o seu xefe—. E agora, fagan o que dixo a doutora. E rapidiño…

© Texto: Frantz Ferentz, 2017
© Ilustración: M. Dolores Valencia, 2017