quinta-feira, março 09, 2017

O ATAQUE DO MONSTRO BOLACHEIRO

Resultado de imagen para ginger cookie shrek
Todos na cidade quixeron esquecer aquel tremendo episodio. Se hoxe preguntades a alguén polo que alí aconteceu naquela altura, ninguén recoñecerá que se lembra, embora si se lembren. E non me estraña, pois aquel episodio, aínda que breve, ameazou con destruír toda a cidade.

Vou parar de dar rodeos e vouvos contar os factos tal como acenteceron. Os inicios desta estoria non son moi claros, pois ninguén sabe exactamente como se xerou aquela criatura. Tampouco ninguén sabe de onde vén o Godzila do Xapón, mais aí está e dá para facer moitos filmes. Porén, ninguén querería facer un filme sobre unha bolacha de xenxibre xigante, mais esa é a criatura de que vos vou falar. Canto ás súas orixes, como digo, continúan a ser un misterio, mais eu teño a miña propia teoría. Coido que polo lugar onde apareceu o monstro, ao lado dunha escola, e a poucos metros dunha fábrica de produtos químicos, o monstro naceu pola manía de moitos nenos de botaren os restos das súas bolachas de xenxibre a un vello pozo abandonado ao pé da escola. Non sei de onde lles vén a manía (e a min tamén, hei confesalo, porque as manías son contaxiosas, coma as modas). De certo, todos os rapaces, da que saíamos da escola, tíñamos o costume de botar os restos das bolachas de xenxibre que nos daban para a sobremesa nese pozo, porque, hai que ser sinceros, eran unhas bolachas ben ruíns. Durante moitos anos, todos os estudantes da escola tiñan participado dese ritual. E penso eu que, no fondo dese pozo, había líquidos mortíferos que a fábrica de produtos químicos vertía para alí ilegalmente, sen coñecemento das autoridades.

Sexa como for, un bo día, da que amañecía, o tránsito todo ao lado da escola foi interrompido. Da boca do pozo xurdiu unha criatura que medía por volta de dez metros. Axiña a xente entrou en pánico. As primeiras imaxes da televisión mostraban un monstro feito de xenxibre, con forma humanoide, coma as bolachas, que camiñaba pola rúa esmagando todo ao seu paso. Tamén coma as bolachas, na cabeza tiña dous ollos brancos e unha boca inmensa, con só algúns dentes. Era pavoroso. Segundo camiñaba, esmagaba autos, daba couces aos autobuses, levaba por diante os cabos da luz e parecía que a electricidade apenas lle facía cóxegas. Tremendo. Enseguida acudiron as forzas de seguridade. Primeiro tentaron capturalo cunha rede, mais rompeu nela cunha facilidade pasmosa. Despois, xa decidiron que tiñan que facer coma no Xapón, disparar contra a criatura até derrubala, para evitar que esmagase a cidade, porque en media hora xa tiña deixado o barrio ao redor da miña escola case todo el en ruínas. Era unha devastación.

Dado que eu son curioso demais, ficara a unha certa distancia a contemplar aquela cena. Pillárame indo para escola e para un día que indo para aló vía algo interesante, decidín quedar. Con todo, decateime que de todos os edificios do barrio, o único que non sufrira danos fora a escola. "Por que?", pregunteime. Debía haber algo nela que mantivese afastada aquela criatura. Non podía ser nada relacionado coa sabedoría, nin sequera os libros. Non, debía ser outra cousa moi diferente, mais o que? 

A miña cabeza xiraba a toda a velocidade. O problema da bolacha xigante de xenxibre xurdira na escola e nela tiña que estar a solución. E entón un pensamento acudiume. Claro, por iso o monstro xenxibreiro evitaba a escola. Se a miña teoría era correcta, aquela cousa na parte traseira do patio acabaría coa bolacha destrutora.

Porén, primeiro tiña que chamar a súa atención. Como xa non había nin policías perto del, só uns helicópteros lle seguían a pista a boa distancia, eu era o único ser humano na zona. Se conseguía que reparase en min, sería doado que me seguise até onde eu quería. Ademais, até sabía como provocar a súa furia.

Corrín para el. Detivenme cando estaba a só uns cen metros. Despois gritei para atraer a súa atención:

— Eh, monstro xenxibreiro, olla o que fago.

Tiven que chamar por el tres veces, mais non me sentiu. Entón quitei aquilo do peto e trabei na pasta. O ranxer daquela bolacha ao ser partida polos meus dentes si fixo que o monstro atendese para min. Si, o seu ouvido bolacheiro sentiu como eu trababa nunha criatura da súa especie, unha bolacha de xenxibre normal e corrente. 

A partir de aí, todo se precipitou. Eu corrín para a escola, co monstro por tras de min a me pisar nos calcañares. Acelerei todo canto puiden, atravesei a cancela da escola que, loxicamente estaba aberta e non era de esperar que me esperase o bedel para me recriminar que chegaba tarde. Non, ademais, case que podía sentir o alento do monstro na miña caluga. Se me pillase, o que é que faría comigo, engulirme? 

Conseguín abrir a porta do caseto da traseira do patio e fiquei á espera. E tal como esperaba, o monstro bolacheiro varreu o teito dun golpe e saltou para dentro. O meu plano funcionara. O pesadelo rematara.

Cando un bocadiño despois acudiu a policía e os xornalistas, ninguén podía entender o que acontecera. Eu tiven que lles explicar:

— Lembreime que o único que destrúe as bolachas de xenxibre que nos dan na escola é o leite. Por iso, pensei que a única maneira de destruír un monstro bolacheiro de xenxibre era igualmente facéndoo caer no leite. E iso fixen, atraín o monstro até o depósito de leite que hai na traseira da escola e tendinlle unha trampa para que caese no depósito. Así conseguín acabar con el.

Eu estaba feliz polo resultado, mais non demorei moito até me arrepender. O director da escola decidiu que aquela cantidade enorme de bolacha de xenxibre non se podía desaproveitar, embora tivese pertencido a un monstro bolacheiro. Durante os seguintes seis meses, tivemos leite con bolacha de xenxibre para a sobremesa todos os días. O bo diso foi que máis ninguén voltou a botar os restos das bolachas de xenxibre ao pozo despois das aulas.

Frantz Ferentz, 2017