domingo, julho 11, 2021

SANDRO E A ESTRAÑA CRIATURA


— Mamá, mamá, olla, un dragón en miniatura está a correr pola parede! —berrou o Sandro de súpeto do salón da casa.

A mamá, no principio, non deu ouvidos.

Cousas de cativos... un dragón, seica lanzaba faíscas pola boca?

A mamá continuou a escribir ao computador, até que o Sandro novamente berrou do salón:

— Mamá, ven, que o dragón se mexeu.

O Sandro estaba emocionado, por tanto, a nai decidiu ir ver o bicho, fose o que for.

A Obdulia, a nai do Sandro, contemplou unha nódoa na parede.

Acostouse máis e puido ver unha silueta.

— Mamá, por que non pos as lentes? —preguntou o Sandro—, outramente non verás de que se trata.

A Obdulia puxo as lentes.

E a seguir deu un pulo para atrás.

— É un lagarto!

E nese momento, o bicho saltou pola parede e comeu unha mosca.

ÑAM! ÑAM!

Que boa estaba.

O fillo e a nai ficaron abraiados.

— Afástate, fillo, que pode ser perigoso —dixo a nai—. Isto é unha especie de lagarta talvez extraterrestre comemoscas.

— Non, mamá. Trátase dun minidragón comemoscas, mais aínda non botou lume pola boca.

Ambos fitaban para o bicho.

Parecía simpático.

Tiña escamas e os seus dedos parecían ventosas que se agarraban á parede.

E o bicho ollaba para eles.

Que simpático.

— Déixao estar —dixo a nai—. Se come moscas, é sempre benvido, porque esta casa está toda chea delas.

Mais o Sandro pensou que se alimentar só de moscas debía ser algo triste.

Por un instante pensou en cazar unha mosca e comela, mais probablemente sabería a raios, mellor non probar.

Por tanto, foi á cociña, abriu o frigo e quitou un bocado da torta de cenoria con crema que preparara súa nai.

Estaba tan boa!

Só de pensar nela, na boca do Sandro medráballe auga.

Só colleu un cachiño da torta e deixouna nun moble que estaba embaixo do minidragón extraterrestre comemoscas.

Ao outro día, aconteceu que non ficaba nada da torta de cenoria.

O Sandro pensou para si:

— Entre se alimentar de moscas ou de torta de cenoria, eu tampouco tería dúbidas.

E así foi como todos os días antes de ir para a cama, o Sandro deixaba anacos de torta, de pastel ou doutras cousas doces para o minidragón se alimentar.

E todos os días, ao se erguer, o Sandro vía como non ficaba rastro da comida que deixaba para o minidragón.

Tanta lambetada atraeu a atención de máis minidragóns.

Cabo duns días, a parede encheuse de minidragóns, ben, non tantos, había cinco.

A seguir, a nai do Sandro fixo un comentario:

— Hai un misterio nesta casa. Cada vez hai máis moscas, aínda que pola parede corren polo menos cinco minidragóns.

E entón, a nai descubriu as faragullas dos pasteis e tortas que o Sandro estaba a dar de comer a aqueles bichiños de ollos saltóns.

Ademais, os minidragóns estaban cada vez máis gordos, non estaban a comer equilibradamente, consumían moitos pasteis.

— Estás a alimentar ti estes animaliños con doces?

O Sandro só mexeu a cabeza recoñecéndoo.

— De todos os xeitos —continuou a dicir a Obdulia—, aquí hai cousas que non che me cadran.

A nai tomou unha foto dun dos bichos e consultou na internet, pois non podía tratarse nin dun minidragón, nin dunha criatura extraterrestre; a única certeza que tiña era que se alimentaba de moscas, a menos que houbese torta...

Non demorou moito até que na internet atopou a resposta.

Tratábase dunha osga.

As osgas son pequenos réptiles que trepan polas paredes e se alimentan principalmente de moscas que se ven no verán.

A Obdulia ollou para as faragullas do moble e axiña comprendeu o que acontecera:

— Se continúas a dar doces ás osgas, non van querer cazar moscas e teremos a casa chea delas.

O Sandro asentiu, sabía que súa nai tiña razón.

— Non lles poñas máis doces para comer, ou teremos a casa chea de moscas.

O Sandro ficou un bocadiño triste.

Gustaba das osgas.

Eran tan bonitiñas...

A Obdulia viu a cariña triste do fillo e acariñándolle a cabeza díxolle:

— Está ben, podes darlle torta, mais só aos domingos. Mais no resto da semana, que coman moscas, que son osgas, non gurmés.

E foi así como na casa do Sandro e a Obdulia as osgas, ademais de moscas, alimentábanse de doces, mais o que aconteceu despois con esas dietas e a chegada masiva de máis osgas xa vos é outra historia.


© Frantz Ferentz, 2021