quinta-feira, junho 23, 2011

A unlla máxica [+10 anos].- Frantz Ferentz





      O Antíoco recibiu a noticia da boca da mai:
      — Tes que ir pasar unha semana de vacacións cos avós.
      É que non tiña modo mellor de lle amargar a vida? Como podían obrigar un rapaz de doce anos ir pasar unha semana a unha aldea remota, onde non había máis ninguén da súa idade, só vacas, cabras e, se cadra, algún lobo que pasaba por alí de cando en vez.
      — Compréndeo, filliño —quixo ser condescendente a mai—, mais o teu pai e mais eu precisamos uns días para nós e só podes ficar onda os avós. Ademais, eles andan loucos por te teren uns días con eles, xa vai tempo de máis que non te ven.
      — Pois non —protestou Antioco—, dádeme douscentos euros, a chave da casa e o frigo que queden ben cheo de comida. E resisto un mes aquí eu só. Teño todo o que preciso: computador, tele, telemóbil... todo.
      A mai sorriu, mais ela sabía que era de todo imposíbel. Por iso, dúas horas máis tarde, o Antíoco ía montado no auto dos pais rumo á aldea remota dos avós, cara un espazo e un tempo fóra da realidade actual. Era imposíbel imaxinar como se podía vivir nun lugar así, sen comodidade ningunha, sen contacto coa civilización.



0 0 0



      Os avós saíron os dous a recibir Antíoco e os pais. O rapaz observou os seus avós, porque, na realidade, xa case nin os recordaba. A avoa saltaba áxil coma unha cabra do monte, mentres que o avó tiña dificultades para camiñar, apoiábase nun caxato.
      Parecía que o pé esquerdo do avó lle causaba problemas. Porén, para o Antíoco aquilo era normal, tendo en conta que nin o asfalto chegaba á aldea e que os últimos quilómetros o auto tivo que pasar por unha pista de terra batida, o cal, talvez, podería ser considerado unha autoestrada para cabras, mais non era, precisamente, o solo para rodar autos ao que el estaba acostumado.
      A avoa largou unha forte aperta ao neto. Este notou aquel seu olor penetrante a allo. A avoa era máis ou menos da súa estatura, mais parecía cinco veces máis forte ca el. O avó limitouse a sorrir e apoiouse axiña nunha parede de pedra porque se notaba que lle custaba camiñar.
      Os pais nin ficaron a comer. Despedíronse alí mesmo e partiron a toda a velocidade.
      E tras o silencio deixado polo auto, Antíoco só sentiu o zoar das moscas, os pirlos das andoriñas e mais o cri-cri dos grilos... ou serían as carricantas?



0 0 0



      O Antíoco descubriu con horror que a avoa preparaba toda a comida con moita verdura. Había mesmo verduras que para el eran totalmente descoñecidas. Porén, non ousaba dicir que non comería aquilo, non tiña a coraxe de afastar o prato, como facía na casa. Alí non estaba no seu territorio.
      O avó, polo contrario, andaba todo o tempo cunha expresión tristeira, fusca, como se tivese algún problema. O seu silencio contrastaba coa parola da avoa, que non facía máis do que contar cousas da aldea —non podía o rapaz nin imaxinar que a vida na aldea dese tanto de si— e preguntar ao rapaz pola súa vida ordinaria, mais a avoa só puña cara de fata cada vez que ouvía falar de videoxogos, redes sociais e xogos en liña.
      Así e todo, o Antíoco sentiuse curioso polo avó. Despois da xanta, o vello foi sentar no seu asento preferido, que tiña até a forma do seu corpo por ter el sentado alí durante máis de corenta anos.
      O Antíoco sentou nunha butaca ao lado, mais non se atreveu a crebar o silencio do seu avó; con todo, foi o ancián quen lle preguntou:
      — Queres coñecer o máis grande segredo da familia?




0 0 0




     Aquilo soou inesperado. O Antíoco fitou para o avó como se lle tivese dito que el coñecía o segredo das viaxes interespaciais. O avó continuou a explicar:
      — Como xa tes doce anos, cómpre que saibas o que se transmite cada dúas xeracións na nosa familia. Túa nai non ten coñecemento do segredo porque ela non pasou por el, mais ti valo ter.
      Aínda que ía bo tempo, o avó tiña posto un cobertor por riba das pernas. Nese momento retirouno e Antíoco puido ver que a pantufla dereita tiña un enorme burato á altura da deda gorda.
      Antíoco non dixo nada, esperaba ver algo máis. Por iso, cabo xa de varios segundos de ollar para o simpático burato na pantufla do avó, preguntou:
     — E?
      O avó fitou para aquel burato e comprendeu que o seu neto non percibía a realidade do que lle quería contar. Por iso, quitou a outra pantufla, quitou o peúgo e deixou á vista o seu pé esquerdo.
      Daquela ficou á vista unha unlla, a da deda gorda, que parecía de ouro macizo.




0 0 0




      — Heiche contar esta maldición, porque no fondo é unha maldición —dixo o avó nun ton un chisco misterioso.
      — Conta, logo —comentou o neto, porque, na realidade, aquela fantasía do avó parecía que sería o único interesante que atoparía naquela semana.
      O avó contoulle unha estrañísima historia, segundo a cal, cada dúas xeracións na familia, un membro da mesma nacía cunha unlla de ouro. Era un ouro de escasa calidade, que ademais posuía unha dureza extraordinaria. Só cando a unlla xa medraba máis de medio centímetro, podía ser cortada, mais cunha lima, nin mesmo cunhas tesoiras. Mais ademais daquela estrañeza, acontecía algo máis, que era a segunda parte do misterio. Aínda que a unlla de ouro estaba na deda gorda do pé esquerdo, sempre rompía a punta dos zapatos ou pantuflas do pé dereito, como se a unlla estivese precisamente na deda gorda do pé dereito.
      O Antíoco puido comprobar que o que lle comentaba o seu avó era verdade. Todo o calzado que tiña o ancián levaba un burato á altura da deda gorda do pé dereito, sen excepción, porque a unlla, en aparencia normal, furaba o calzado.
      O rapaz aínda quixo facer un experimento:
      — Avó, proba estes meus tenis, fai o favor.
      O avó, por satisfacer o neto, puxo os tenis. Despois camiñou uns pasos, aínda que fose axudado do caxato. E cabo duns minutos, a punta da unlla da deda dereita comezou a forar o material da zapatilla.
      O Antíoco puido comprobar que, efectivamente, alí había un misterio. Se cadra, as vacacións non ían ser tan ruíns.


0 0 0



      O Antíoco comezou a recoller información. De entrada, soubo que ao seu avó non lle acontecía aquilo desde sempre, máis ben aquela unlla dourada aparecéralle uns dez anos atrás. E polo visto aquel era o patrón de comportamento daquela unlla dourada en todos os familiares dos que tiña constancia. Na familia falárase sempre daquela afección.
      O rapaz quixo saber, ademais, que calidade tiña o ouro que se limaba na unlla. Segundo lle explicou o avó, era un ouro de baixa calidade porque estaba moi mesturado con chumbo. Unha vez levárao a un xoieiro para ser analizado, mais nin sequera o vendeu. De feito, o ouro que limaba ía para unha caixiña de veludo, onde se ía almacenando. Talvez alí, cabo dos anos, houbese ouro de máis para quitar unha pequena fortuna, mais o avó non estaba seguro diso, porque por mor da baixa calidade do metal, talvez non dese máis que para unhas boas vacacións.



0 0 0



      Unha volta recollida a información, tocaba entender o misterio de por que se a unlla da deda gorda esquerda era a que en teoría podía tradear o calzado, na realidade sempre furaba a unlla dereita.
      Iso si que era un verdadeiro misterio. O Antíoco quixo ter un equipo de investigador. Se ao menos tivese alí o seu computador... Faría buscas pola rede, algo habería. Mais, un momento, o telemóbil. O seu telemóbil podía ligarse á internet. Era verdade que os seus pais llo tiña prohibido, mais daquela era un caso de interese familiar, científico e até económico.
Mais había un problema: o campo do telemóbil. Na aldea aparentemente non había campo.
A avoa explicoulle:
     — Cando veñen por aquí os fillos dos veciños de vacacións e queren falar polo telemóbil, soben no alto do campanario. Disque alí chega o sinal, aínda que algo feble...



0 0 0


     Aínda que a aldea fose tan minúscula, tiña unha antiga igrexa cun campanario altísimo. Os sinos ninguén sabía con certeza se aínda soaban, mais chegar até o alto era verdadeiramente un suplicio, porque había unha altura de corenta metros desde a base até os sinos, aos que se accedía por unha angosta escada de caracol de pedra —aínda ben que non era de madeira, porque outramente, se cadra, xa nin existiría.
     Antíoco dedicou as mañás a subir até o campanario, ligarse á internet co telemóbil, tomar notas e despois volver para a hora da xanta. De tarde, despois da sesta, dedicábase a tomar mostras da estraña unlla do avó e facía experimentos, como facerlle probar distintos calzados, pór distintos peúgos, camiñar de diversas maneiras, etc.
     Na verdade, o avó estaba a gozar con todo aquilo, porque crebaba a súa rutina. Quen non estaría moi contenta sería a nai do Antíoco, porque aos poucos non lle quedaría nin calzado nin peúgos en condicións, porque o rapaz usaba o seu propio calzado para o avó o experimentar.


0 0 0



     O tempo voaba. O Antíoco descubriu que a unlla do avó funcionaba dunha maneira moi peculiar. Para demostrar a teoría tería precisado ter un aparello de raios X, mais á vista dos resultados dos experimentos, tiña a certeza de que o que a súa teoría era correcta.
     A unlla do avó era retráctil. Isto quere dicir que cando o calzado premía a punta da unlla de ouro, todo os ósos do avó retraían, de maneira que creaban unha especie de impulso cuxa natureza non podía explicar —o rapaz só tiña doce anos, non daba máis de si!— que facía que os ósos do outro pé e da outra deda estirasen, polo que a unlla da deda gorda dereita salientaba mentres a unlla da deda esquerda dereita estaba retraída. E a unlla dereita, aparentemente normal, tiña unha composición aparentemente de aceiro, polo cal furaba doadamente o calzado.
     Aquela descuberta era sensacional, porque demostraba que o avó non tiña só unha unlla máxica, senón dúas. A segunda podía ser cortada con tesoiras cando xa sobresaía apenas un par de milímetros, polo que o avó nin se decatara da súa verdadeira natureza; apenas notaba que era moi pesada e que tiña unha cor cincenta que o avó atribuía aos fungos.



0 0 0



     Cando Antíoco mal comezara a tomar notas da súa descuberta científica, que subiría ao seu blogue sen demora, chegaron os pais.
     Con todo aquel frenesí, o rapaz nin se decatou de que a semana pasara voando. O Antíoco explicou aos pais como funcionaba aquel estraño fenómeno das unllas do avó, que, ademais, era hereditario. Os pais, contentos dos días de folganza, atribuíron aquela fantasiosa historia ao tedio do rapaz na aldea.
     — Mamá, papá, preciso ficar máis tempo aquí na aldea. Hei facer novas probas ao avó...
     — Meu rei —comentou a nai—, temos xa que volver para a casa, mais xa virás para o ano.
     Os pais tiñan que turrar do rapaz para o auto, porque non quería marchar. Atrás ficaban varios pares de zapatos, zapatillas e peúgos do rapaz furados na altura da deda gorda dereita.
      — Non podo, non podo! —protestaba el.
     — Olla que che veñen manías nesta aldea, eh? —comentou o pai mentres o empurraba para o interior do auto.
     Entrementres, os avós saudaban coa man, despedíndose do neto.
     E, de repente, a avoa estirou o brazo dereito como se fose de goma e introduciuno pola xanela do auto. Aquel brazo estirara até alcanzar, polo menos, un metro e medio. Os pais do Antíoco non viron nada. A avoa fíxolle festas na cabeza, como se quixese consolalo. Foi moi rápido, despois retirou a man.
     Antíoco ficou de pedra. Cando xa o auto arrancou, mal conseguiu dicir aos pais:
     — E que saibades que eu, para o ano, pasarei aquí todo o verán. E tamén quero vir nas vacacións do Nadal, e nas da Semana Santa...
     Os pais miráronse con expresión burlona. Ambos deles pensaron o mesmo: os mozos de arestora non saben o que queren.
     No entanto, o Antíoco miraba para as súas unllas das dedas. Talvez comezaría axiña a ter el tamén esa metamorfose ungular.


© Frantz Ferentz, 2011