quarta-feira, dezembro 29, 2021

OS BERROS DO TÍO CAMERÓN CHEGABAN AO XAPÓN


O tío Camerón era grande coma un camión.

Ninguén sabía realmente como se chamaba na realidade, mais todos o coñecían na vila como o tío Camerón. 

Gustaba de levar grandes barbas, vestir roupa folgada que aboiaba polo seu corpo e ollaba para as persoas por riba dos seus anteollos.

O tío Camerón era libreiro. 

Posuía unha máquina grande chamada librificador

Era unha caixa longa cunha porta na dianteira e outra na traseira. 

Se se metía unha persoa nela, cando saía non tiña memoria.

A máquina apoderábase dela e escribía un libro co que valía a pena. 

Quince ou vinte copias do libro saían por un lateral.

Mais a xente da vila ignoraba iso. 

Con todo, todos os vilegos tíñanlle medo. 

Non porque os agredise cos puños, mais simplemente que, se se deixaba caer enriba de alguén, esmagábao e deixábao plano coma unha folla de leituga.

Até aquel día.

Naquel día, o tío Camerón amañeceu cunha dor na boca inaturábel. 

Tanto que comezou a berrar por mor daquela dor, que emabana dunha moa, se espallaba para o resto da boca e paralizaba a metade da súa cara.

Como o tío Camerón era moi grande, os seus gritos eran ouvidos en toda a vila. 

A xente asustouse toda con aqueles berros descomunais do tío Camerón.

Pouco a pouco, os veciños curiosos foron conglomerándose á porta da casa do tío Camerón.

“Mordeulle unha carrapata xigante”, especulou un.

“Caeulle unha bosta nos ollos abertos”, comentou outro.

“Confundiu as lentellas con formigas asasinas e agora córrenlle pola tripa”, afirmou un terceiro.

“Peor aínda, esqueceu onde garda os cartos”, dixo un cuarto.

Mais aqueles berros continuaron durante máis dunha semana. sen os veciños poderen durmir, montar o mercado das pulgas, coidar do gado (que estaba todo estresado), recoller as ceifas (murchaban nos campos antes de ser recollidas), de maneira que os veciños decidiron chamar a feiticeira da bisbarra.

A feiticeira era coñecida como a tía Afonía, porque sempre falaba moi baixo, como se estivese sempre afónica. 

Era unha muller vella, de guedellas horríbeis, cuberta de verrugas, mais que normalmente sabía tratar as doenzas. 

Camiñaba coa axuda dun caxato máis alto ca ela, que parecía máis ben un cetro.

Pagáranlle entre todos os veciños da aldea e ela entrou na cabana do tío Camerón, que, como sempre, estaba deitado a gritar, coa man posta sobre a súa meixela. 

Axiña saíu e dixo aos veciños curiosos:

“O tío Camerón ten un inmenso flegmón”.

“E ademais de conter rima, iso é contaxioso?”, preguntou alguén.

“Non”, respondeu a feiticeira, “mais se non cura axiña, rebéntalle a cara”.

Por un instante, todos imaxinaron que non só a cara, senón a cabeza, ou quen sabe, até o corpo do tío Camerón estoupase.

Habería cachos del por toda a vila. 

Que noxo. 

E iso atraería aínda máis moscas. 

Non, non, era mellor sandalo. 

Non ían collelo e levalo para fóra da vila, porque pesaba coma unha balea. 

Definitivamente, terían que sandalo.

A tía Afónica deulles unhas herbas que dixo que servían para facer infusións.

“Mais non lle botedes azucre, porque o tío Camerón aínda engordará máis”, avisou a feiticeira. “E daquela estoupará, non polo flegmón, mais pola graxa que acumula”.

Os veciños, en quendas, foron dando as herbas ao tío Camerón, até que, cabo dunha semana, desapareceu o flegmón. E coa fin do flegmón, chegou tamén a fin dos berros.

O tío Camerón podería volver ao seu negocio de libreiro. 

Mais despois de tanto tempo ausente, non gañara cartos, porque non fixera libros. 

Por iso, o tío Camerón optou por casa por casa visitando os veciños.

“E ti non me prestarías vinte pesos? Olla que non puiden traballar durante tantos meses e agora estou na ruína”.

E así foi largando o mesmo discurso por todas e cada unha das moradas da vila. 

E non só unha ou dúas veces, mais todas as semanas facía as visitas.

No inicio, a xente deulle cartos. 

Mais claro, tamén fartaron. 

Parecía que o tío Camerón ía vivir á súa costa, sen traballar nin nada. 

Con todo, a xente da vila fartou e dixéronlle:

“Traballa coma toda a xente, para de pedir cartos”.

“É apenas un préstito”, tratou de se xustificar el.

“Traballa!”, insistíronlle.

Mais o tío Camerón collera moito gusto a pedir diñeiro e non traballar. 

Daquela pensou que tiña que ameazar os vilegos para que continuasen a mantelo sen el traballar.

Convocou os veciños todos e dixo en ton ameazante:

“Ollade o que vos vou facer se non me axudades”.

Mostrou o librificador na praza maior. 

E trouxera un peregrino perdido. 

Meteuno no librificador e aos poucos saíu o paisano coa memoria limpa de todo. 

E despois dun cacho, apareceu un libro intitulado Memorias dun peregrino que era un tipo fino.

Finalmente os vilegos ficaron a saber cal era o negocio do tío Camerón. 

Sentiron medo, terror, pavor, pánico. 

Por iso, durante unha semana ninguén lle negou unhas moedas cada vez que as pedía, pois non querían converterse en libros. 

Daquela, a xente toda, preocupada, foi falar novamente coa tía Afonía.

“Que queredes queeee....?”, exclamou ela cando os veciños lle contaron o que pretendían. “Vaivos custar caro, ten un prezo elevado”.

“Sempre será mellor pagarche a ti polo que che pedimos do que nos arruíne o tío Camerón”.

Así, unha noite, varios veciños da aldea penetraron silentes na cabana do tío Camerón. 

Aproveitaron que, mentres bufaba, tomaba ar, para lle largar na boca os pos que preparara a feiticeira.

De mañá, cando acordou, notou que lle volvera a dor horríbel da boca. 

Regresara o flegmón. 

Como lle doía a maldita moa!

Foi para a porta da cabana, mais en vez de saír para a rúa, meteuse nun espazo escuro.

Non se vía nada. 

Comezou a notar que alguén o peiteaba. 

Despois recibía unha masaxe nas tempas. 

Máis tarde recibía unha descarga eléctrica. 

E por fin unha porta abriu.

Saíu. 

Estaba fóra. 

Mais non se lembraba de quen era. 

Caera na armadilla dos veciños que o fixeran pasar a través do seu propio librificador.

E como consecuencia diso, continuaba co maldito flegmón a lle doer un mundo.

Mais tamén todos os habitantes da vila levaron de graza un libro de rimas intitulado: Cando ao tío Camerón lle doe un flegmón.


© Frantz Ferentz, 2021