quinta-feira, julho 26, 2012

MICRO-ONCE


Mario tiña moito medo dos monstros do seu cuarto, mais o único lugar en que estaba tranquilo e podía durmir ben era, curiosamente, no seu propio cuarto. El non sabía o motivo diso, mais o certo é que todas as noites o monstro do armario lle acariñaba a cabeza mentres durmía.

MICRO-DEZ



O monstro Ernestino chegou á casa do Karel. O seu traballo era espantar cativos, mais a aquel non puido mesmo achegarse. O monstro nunca ulira alguén tan cheirento, era horríbel!

Daquela, en lugar de o espantar, durante a noite o monstro levou o neno ao río e comezou a lavalo a fondo con xabón —até por detrás das orellas— e devolveuno á casa todo limpiño. Súa mai non o recoñeceu, porque até recendía, así que o botou da casa.

E desde aquel día, o Karel sempre vai detrás do Ernestino preguntándolle sen parar: “Por que me lavaches e non me deixaches todo cocho? Por que me lavaches e non me deixaches todo cocho?”.

Frantz Ferentz


MICRO-NOVE


No reino de Cafelandia, dous dragóns espantaban a xente. Ningún cabaleiro fora capaz de derrotalos, ningún, e xa un centenar deles se tiñan deixado a vida diante dos dragóns, até que, de repente, chegou un psicólogo escolar, Antón Parábolae, e as cousas mudaron. Contoulle ao primeiro dragón que o segundo dragón sabía espantar mellor; doutra banda, contoulle ao segundo dragón que o primeiro sabía queimar mellor. O resultado foi instantáneo: ambos os dragóns emprenderon unha loita mortal entre eles e acabaron aburados.

Grazas a esa trapa, o reino ten comida gratis para dous ou tres anos e de boa calidade, porque a carne de dragón asada ten un sabor semellante ao polo fritido.

MICRO-OITO



— Papá, estou seguro de que hai un monstro dos pesadelos embaixo da miña cama —dixo o neno—. Podes ollar alí? Teño tanto medo...

O papá amoroso interrompeu a súa cea e foi ollar embaixo da cama. Até colleu unha lanterna. Analizou o sitio atentamente e despois díxolle ao fillo:

— Fillo meu, non hai monstro dos pesadelos embaixo da cama.

— Tes certeza diso, papá? Eu sei que hai alguén alí embaixo.

— Teño, trátase dun Tremebundus Devorator Domesticus, non dun vulgar monstro dos pesadelos, con que non tes nada que temer, porque esta criatura secuestra nenos coma ti e convérteos en espaguetes a cores.

domingo, julho 15, 2012

MICRO-SETE




Sara acostumaba a chorar moitas veces sen saber por que e as súas bágoas caían ao chan. Mais un día, da que seguía o percorrido das lágrimas, descubriu embaixo da súa cama que un monstruíño miúdo recollía todas as súas bágoas do solo e se facía con elas belos colares como de coral.

Sara non dixo nada, mais desde aquel día, cando choraba, xa non lle importaba tanto, porque pensaba que aquel era un monstro dos peúgos e que as súas bágoas lle facían feliz, de xeito que polo menos así se esquecería de roubar peúgos

O que Sara non podía imaxinar é que aquel non era un monstro dos peúgos, senón un monstro dos pesadelos e que a cada noite lle bisbaba historias tristes na orella para ela chorar durante o día. E así, podía despois fabricar colares, vendelos e grazas a iso, tornarse ben rico.


© Frantz Ferentz, 2012

sexta-feira, julho 13, 2012

MICRO-SEIS



A bruxa Alicarda non daba comprendido como conseguira a policía enviarlle unha multa por exceso de velocidade ao seu domicilio. Mais alí estaba ela, na foto, montada no vasoiro a cento cincuenta quilómetros pola autoestrada. Porén, ollando con máis atención, descubriu como conseguira localizala a policía: o seu vasoiro tiña matrícula.

segunda-feira, julho 09, 2012

MICRO-CINCO



O cativo ollaba pola xanela. De repente díxolle á mai:

— Mamá, eu quero un morcego de mascota.

— Fillo meu, os morcegos non son mascotas.

O neno quedou a ollar para o vampiro que acababa de lle sugar o sangue a unha vaca gorda e pensou que talvez a mai non tiña razón, que talvez un animaliño así se podía alimentar con ketchup.

domingo, julho 08, 2012

MICRO-CATRO


A mamá estaba toda anoxada:

— Non comprendo por que a nosa casa está chea de pelos de gato, cando nós non temos gato ningún. Como é posíbel?

A filla pensou daquela que habería de deixar de dar comida de gatos ao monstro de embaixo da súa cama, que xa comezaba a ter os mesmos problemas que os gatos.

© Frantz Ferentz


sábado, julho 07, 2012

MICRO-TRES



O dragón sanguinario foi ao doutor para comprender por que sempre lle doía a barriga despois de comer unha vaca. O doutor, un homiño miúdo mais moi serio, miroulle a boca, os dentes, a lingua e o nariz. ao cabo xa tiña a diagnose:

— O teu problema é que che fixeron crer que es un dragón selvaxe de todo e, por iso, has comer carne, mais na verdade es un dragón herbívoro e isto non cho dixera ninguén. Daquela, desde hoxe has comer só herba.

Así foi. A partir daquel día, o dragón dedicouse a comer herba nos prados ao carón das vacas, e xa non comeu máis ningunha. O que ninguén sabe é se tamén agora o dragón dá leite.

quinta-feira, julho 05, 2012

MICRO-DOUS




Adalberto xa estaba farto de mercar peúgos todas as semanas. 

Estaba certo de que tiña un monstro dos peúgos na casa, mais como estes seres son invisíbeis, non sabía como facer para o botar á rúa.

Por iso, el mesmo comezou a comer nos seus propios peúgos. 

Mercábaos e comía sempre un do par. 

E foi así como conseguiu que o mostro dos peúgos da súa casa marchase, porque ao final estaba a morrer de fame.



quarta-feira, julho 04, 2012

MICRO-UN



 O que pensas desa parvada que cre moita xente de que as rúas se quitan de noite?   pregunta un cidadán a outro.

  Pois iso, parvadas, só parvadas... responde o outro.

E varias horas máis tarde, as rúas da cidade desaparecen, saen voando, cando xa todos os habitantes da cidade están a durmir e ninguén se dá conta, porque ninguén pode imaxinar que as rúas de cidade son de feito corpos de dragón alugados polo alcaide, quen, na realidade, é un bruxo metido a político. 

ONCE MICROCONTOS


Frantz Ferentz

ONCE MICROCONTOS
QUE SON UN PORTENTO
MAIS NON EQUIPA TITULAR
SENÓN SELECCIÓN PARA ENGALAR