domingo, dezembro 02, 2007

Mellor que nos video-xogos [+14 anos].- XFC


    O Vassili xogara con todos os video-xogos de mercenarios do mercado. Fora quen de pasalos todos coa mellor puntuación. Era un experto en guerra de guerrillas, tanto que nin o Rambo nos seus mellores momentos podería obter resultados máis positivos (e brutais). El só, en máis dunha ocasión, fora quen de destruír acampamentos de talibáns, guerrilleiros colombianos e até invasores venusianos.-
    Xunto a esa actividade "video-xóguica", o Vassili pasaba horas e horas de ximnasio a fortalecer os seus músculos. Era unha auténtica máquina. Os seus bíceps e os seus pectorais salientaban por baixo da súa camiseta exaxeradamente. O Vassili sentíase todo contento cando as mulleres se fixaban nel._
    Daquela decidiu que para completar a súa formación había aprender a disparar, a usar as armas. Fixo un curso de guerrilleiro de fin de semana, onde aprendeu a usar armas de fogo de toda caste e a lanzar granadas, aínda que a primeira que lanzara case que lle estalara nos pés, porque a aventara moi para arriba, mais deu caído case no mesmo sitio onde o Vassili estaba co instrutor. Un desastre, xa me entendedes._
    Pero o Vassili, despois do seu adestramento informático, ximnástico e militar, estaba pronto para se converter nun mercenario. Pola internet xa lera que a xente coma el podía gañar moreas de diñeiro. E co seu adestramento, podería entrar nunha aldea ocupada por douscentos soldados e deixala limpa en vinte minutos. E el só, sen axuda. Até, se cadra, podería crearse unha lenda arredor do seu valor. Inclusivamente algún roteirista de cinema de Hollywood podería recoller a súa historia e levala ás pantallas. E por que non ía el ser un actor de sona como o Schwarzenegger, que mesmo acabou de político?_
    For como for, o Vassili, todo preparado, contactou cun pequeno grupo guerrilleiro de América do Sul que se mostraron interesados nel, nomeadamente porque era da Europa Oriental e iso dáballes publicidade. Ofrecéronlle pouco diñeiro no inicio, mais el comprendeu que era cuestión de ir gañando a súa confianza. Precisaba de tempo para gañar en fama._
    Apañou un avión e voou até unha a capital do país. Desde alí foi de autobús até unha cidade ao bordo da selva. A calor, algo con que non contaba o Vassili, comezou a afectalo. E a comida, non estaba afeito a ela. Tivo un par de diarreas, mais como era un tipo duro, non se queixou e pasounas como puido, apenas obrigando o condutor do autobús a parar aos poucos coa desculpa de que sospeitaba que o inimigo os espiaba e que había facer roldas de vixiancia. Mais o único que facía era descargar os intestinos tras dunhas bouzas._
    Malia todos os problemas, deu chegado á cidade ao bordo da foresta. Alí foi contactado polos guerrilleiros, que rapidamente o conduciron ao interior da serra. O Vassili lamentou non ter tempo de se duchar, pero aquilo, xeralmente, non era unha cuestión que aparecese nos vídeo-xogos, porque os mercenarios neles nin sequera se despeitean._
    O Vassili foi cordialmente recibido polo comandante do acampamento, o compañeiro Ribeira. Todos contemplaron os músculos fornidos do Vassili, o cal fixo que o recén estreado mercenario se sentise todo adulado. Gostábanlle os comentarios._
    Pero a selva na realidade non é como nos video-xogos. O comandante Ribeira explicoulle ao Vassili que debían ir deitar cedo porque para o outro día planeaban atacar un acampamento dos militares, aos que querían devolver unha visita deles anterior.
    – E a miña tenda? -preguntou o Vassili._
    – Non temos tendas aquí –explicou o comandante–. Durmimos no chan, baixo as estrelas.
    Que fastidio para o Vassili. Calou, porque era un tipo duro, mais non deu cerrado o ollo en toda a noite. E amais, os mosquitos fritírono a picadas. De mañá, cando o comandante, ao raiar o sol, chamou os seus homes, o Vassili non puido moverse. O comandante, como xa era parte da súa tropa foi erguelo de más maneiras, mesmo deulle un puntapé. Pero o Vassili non reaxía._
    – Isto non é un acampamento de vacacións!! Arriba!!_
    Un dos guerrilleiros, que fixera dous meses de enfermaría, púxolle a man na testa e dixo: _
    – Ten febre, camarada comandante. Eu penso que agarrou a malaria..._
    Efectivamente, como confirmaron na aldea máis próxima dous días despois, o Vassili apañara a malaria por mor dos mosquitos. A iso uniuselle unha nova diarrea e mais unha infección por fungos que o tivo na cama un par de meses._
    Se vos preguntades como foi que rematou a peripecia guerrilleira do Vassili, pódovos asegurar que non foi na selva. Agora traballa para unha multinacional do seu país que se dedica á fabricación de accesorios para o baño que valen o mesmo para guerrilleiros da foresta coma para marquesas.

© Xavier Frías Conde
All rights reserved worldwide