sábado, fevereiro 23, 2008

Helena Terremoto [+6 anos].- XFC




                     Á miña filla Elena, porque hai momentos que, embora corra o tempo, fican para sempre

    Cando a Helena lle dan o seu biberon, non lle importa nada do que poida acontecer por aí fóra. Helena só ten uns mesiños, mais cando agarra o biberón, mama, mama, mama e mama até non deixar unha pinga nel.
    Abre os seus ollos escuros e mira para todos os lados, mais, iso si, non deixa perder unha mamadela.
    Un dia vai moito vento. Sopra e sopra na rúa. Mais Helena segue a mamar con fame.
    O airón tórnase en furacán e arrastra até os coches. A xente está espantada. Helena mama e mama con moita fame.
    A casa de Helena comeza a tremer. Caen as portas e abalan as lámpadas no teito. Helena, cos olliños case pechados, mama e mama tranquila.
    Afunde o teito da casa de Helena. O estrondo é terríbel. Mais Helena mama e mama sen se preocupar. Aínda ten fame.
    Daquela na vila hai un pequeno terremoto. Salta todo polos ares. Que catástrofe!! Unha vaca voa, un garda danza nunha antena, un vello senta na traseira do cabalo dun xeneral de bronce nunha estatua. Mais Helena segue caladiña. Que pouco leite lle fica xa!!
    Remata o temporal, sae o sol e a xente vai pasear. A Helena termínaselle o biberón. Seu pai quítallo dos beizos. Pero, coime, a meniña aínda ten fame e, agora, cando xa todo pasou, Helena bota a chorar!!
    Acordan todos no barrio, foxen as pombas dos tellados, abalan as portas de toda a cidade, esnaquizan os cristais todos en mil anacos, póñense en marcha ambulancias, bombeiros, policía... Declaran estado de emerxencia.
    E é que, cando Helena chora, évos o peor terremoto



© Xavier Frías Conde 1992.
All rights reserved worldwide