quinta-feira, julho 20, 2023

O MONSTRO DESABRAZADOR

 

Era unha vez un monstro desabrazador.

O que é un monstro desabrazador?

É un monstro único, non é dos que abundan no mundo dos monstros.

É peludo, como todos os monstros, mais sen cairos, aínda que con brazos moi longos.

Este concretamente ten un nome, chámase Heliodoro.

E que fai xa que logo un monstro desabrazador?

Como o seu nome di, desabraza.

O que significa desabrazar?

Á primeira vista, non se abraza igual que se desabraza.

A ver, cando o monstro se achega a alguén e abrázao sen o abrazar... En fin, desabrázao.

O monstro desabrazador primeiro abraza e despois desabraza.

Durante o desabrazo, o monstro desabrazador absorbe a enerxía da persoa abrazada, aliméntase dos seus sentimentos ledos e positivos, para a seguir deixalo cunha sensación de tristeza moi grande.

Entón, os monstros como Heliodoro, vanse e deixan as súas vítimas cheos de tristura.

E así ten sido durante centos de anos.

Até ese día.

Foi unha mañá cando Heliodoro acordou con fame.

Fame de desabrazar, xa se entende.

Heliodoro saíu do seu tobo, estricouse, bocexou e explorou o horizonte.

Os desabrazadores non viven en fogares humanos, non, viven en tobos que cavan no chan, mais tamén poden vivir nas pólas das árbores, como os simios.

E así, Heliodoro detectou inmediatamente unha pequena humana que de certo estaría chea de bos sentimentos e soños.

Unha rapaza rubia con dúas trences pasou por diante do nariz do monstro abrazador.

Chamábase Susana e nese momento ía á escola, coa mochila ao lombo, a cantar algo en voz baixa.

Hai un detalle que esquecín mencionar e que é moi importante coñecer.

Os monstros desabrazadores, e Heliodoro non é unha excepción, son invisíbeis a ollo nu, como todos os outros monstros que nos rodean.

Heliodoro foi ao ataque.

Púxose diante de Susana para desabrazala.

Estendeu os seus longos brazos, xa case a tocala.

Mais entón Susana viuno, viu o Heliodoro.

━ Que macaco máis lindo! ━exclamou a nena así que viu o Heliodoro diante dela.

E é que a nena pensou que era un auténtico simio, se cadra un orangután como os que aparecían nos documentais de natureza da televisión.

━ Buscas unha aperta, non? ━preguntou Susana.

E de súpeto, abrazou o Heliodoro.

Foi unha auténtica aperta, intensa, longa.

En realidade era un apapacho, que é unha aperta coa alma.

Heliodoro pechou os ollos, nunca se sentira así.

Sentiu formigas nas súas costas.

E chegoulle cheiro a torta de chocolate, aínda que non había chocolate por aí.

E sorriu.

Si, sorriu, aínda que nunca sorrira na súa vida.

Aconteceu que pola primeira vez na súa vida foi abrazado e puido sentir algo único, algo que só se sente cando te abrazan coa alma e que non se pode explicar con palabras.

━ Es moi curriño ━díxolle Susana e continuou o seu camiño á escola coma se nada pasase.

Heliodoro enxergou como se afastaba, aínda a sorrir, e cun arco da vella nos ollos.

© Texto: Frantz Ferentz, 2023

© Ilustración: Chaimae Hilal, 2023