segunda-feira, novembro 28, 2011

VINTE



Aquel ano, os humanos arrancaran practicamente todos os cugumelos do reino. Os coitados ananos quedaron sen lar onde se abeiraren da chuvia. Por iso, os ananos en asemblea decidiron que aquel ano eles ían facer o mesmo aos humanos: todas as vivendas do reino amañeceron un día sen tellado. Talvez así os humanos comprenderían algo...

© Frantz Ferentz

domingo, novembro 27, 2011

DEZANOVE



Naquel momento a lúa detívose no ceo. Era agoiro dalgunha catástrofe? Caería o ceo sobre a terra. O pánico ía comezar no reino, cando, de repente, un ancián reloxeiro accedeu até a lúa cunhas escadas inmensas e unha chave tamén inmensa. Despois deulle corda con calma e descendeu á terra. Inmediatamente, a lúa volveu a moverse polo ceo.

DEZAOITO



Arcadia era unha bruxa da vella escola. Prohibíranlle voar co vasoiro e obrigárana a viaxar co auto. Mais ela non se daba avezado a aquilo e puña o auto a voar con ela sentada no teito.

DEZASETE




O exército invasor estaba composto de soldados que non temían a nada, ou ao menos iso parecía. Por sorte, descubriuse que os soldados invasores temían os espirros. Por iso, o rei mandou a toda a poboación lanzar para o ar pos de pementa e así todo o país comezou a espirrar até rexeitaren a invasión estranxeira. Achís... Saúde.

DEZASEIS




O bruxo Rudesindo descubriu un sistema infalible para hipnotizar todo o país. Só tiña que pór un anel brillante no rabo dun can e facer que o animal pasease por todo o país a remexer no rabo. Dese xeito, fitando para aquel anel brillante, un tras outro, todos os habitantes do reino caeron hipnotizados.

sábado, novembro 26, 2011

QUINCE


O feiticeiro máis poderoso da Terra Extrema ao Fondo para a Esquerda decidiu renderse cando comprobou que era imposíbel convencer os labregos de que o de seu era maxia poderosa e non bo ilusionismo, como o que facían os feirantes. Mais por acaso, mercou un circo, que non era cuestión de morrer de fame.

CATORCE



Á vista de que non conseguía espantar ninguén nin lles meter medo, o lobo feroz procurou outro oficio. Agora é un magnífico monologuista e a xente, os porquiños e até os chiviños escachan de riso cos seus chistes.

TRECE



A princesa refusou casar co cabaleiro arrogante e aborrecido que quería seu pai, porque ela gustaba dos tipos duros. Por iso, escapou cun bruxo moteiro que coñecera pola internet e que se dedicaba a enfurecer dragóns.

DOCE



O cabaleiro matadragóns Bernaldo Davirulé quedou de pedra cando descubriu que so aquel alcume de «Bailarino Torpe», con quen tantas e tantas horas se pasaba a chatear e interaxir nas redes sociais, escondíase na realidade o seu peor inimigo, o dragón devoracabaleiros Alento Infernal García. 

ONCE



No confín dos tres reinos, os tres exércitos ían baterse en feroz batalla. De repente, caeu unha néboa mesta durante tres días que envolveu os tres exércitos. Todos agardaron que pasase aquela néboa cegadora. Tres días despois, a néboa levantou. Entón, os tres xenerais quixeron retomar a batalla. Os soldados dos tres exércitos negáronse, mais os tres xenerais querían ser vencedores de algo. Porén, só puideron decidir quen era o gañador botando unha carreira de chapas.

sexta-feira, novembro 25, 2011

DEZ



Após a morte do vello rei, consultaron ao oráculo quen habería ser o seguinte rei. O oráculo dixo: «Ha ser un tipo grande, moi grande, sen palabras, que oia ben, cunha man moi longa e que mire a todos desde arriba». O único que atoparon parecido foi un elefante dun circo próximo. Sen hesitar, fixéronlle rei.

NOVE




Ninguén no reino sospeitaba que o cabaleiro matadragóns e o dragón matacabaleiros, despois de loitaren durante o día, ían á noite xuntos tomar unhas cervexas como bos amigos.

OITO



As maldicións da bruxa non espantaron nin un chisquiño os aldeáns, porque a bruxa maldicía en arameo antigo e alí todos falaban búlgaro. De feito pensaban que era unha vendedora de vasoiros escandalosa.

SETE



O temíbel dragón Kilokombo acabou indo ao psiquiatra após perder a autoestima. Cada vez que o dragón atacaba o seu peor inimigo, o cabaleiro Levedoso, este usaba o seu lume tremendo para preparar uns ovos estrelados e zancos de polo á grella. 

SEIS



Naquel reino, todos estaban algo murchos e a suspirar todo o día. E é que o dragón tremebundo estaba namorado da princesa fata; a princesa fata estaba namorada do criador de morcegos; o criador de morcegos estaba namorado da bruxa míope; a bruxa míope estaba namorada dun vendedor de pendentes; o vendedor de pendentes estaba namorado dunha estatua de sal; a estatua de sal estaba namorada do dragón tremebundo. E o cabaleiro andante, que? Ese só podía xogar ás cartas cos ananos do bosque, mais eles sempre lle facían trampas.

quinta-feira, novembro 24, 2011

CINCO



O príncipe herdeiro era tan, tan bruto, que só para lle aprender a asinar documentos coa pluma houberon contratar cinco magos, tres fadas e un trol e case non chegaba a maxia. E para que soubese contar até cincuenta, tiveron que botarlle un feitizo para que tivese vinte e cinco dedos en cada man.

CATRO


Fada madriña ofrécese para servizos máxicos. Experiencia con princesas parvas, durmichonas e con acné. Especializada no uso da variña E-45 e en facer croquetas máxicas de xamón. Correo electrónico: info@fadasporhoras.com. 

TRES













- E que desexades hoxe, princesa?
- Desexo un príncipe azul, de ollos acastañados, amábel, curriño, con bo humor, romántico...
- Princesa, que son a vosa cociñeira, non a vosa fada madriña...

DOUS



O dragón máis sanguinario e cruel do reino, ao serán, puña unha capa con carapucha e, pasando desapercibido, entraba no mercado para mercar lambetadas.

UN











- Maxestade, quedamos sen cabaleiros antidragóns...
- Arre demo, toma dous dobróns e vai até a máquina expendedora da esquina comprar un par deles.

Frantz Ferentz



CONTOS QUE DURAN UN BOCEXO... OU AÍNDA MENOS