quinta-feira, maio 01, 2025

O HOME QUE CALZABA UN 77

 

Calamir calzaba un 77 de pé. Iso era algo inédito, ninguén calzaba un número tan grande.

Con 35 anos parou de lle medrar o pé, por fin, de maneira que xa puido encarregar que todos os seus zapatos fosen do número 77. Eran zapatos por medida, claro, porque non os vendían en ningunha zapatería. 

Claro, por seren únicos, custáballe moito diňeiro mercar un par de zapatos. Na casa non tiňa máis de tres pares e tiňa de colocalos no sobrado, porque outramente non había lugar onde deixalos. Ademais, o seu gato adoraba aqueles zapatóns tan grandes e pasaba o tempo a durmir sonecas neles. O problema é que deixaba os zapatos cheos de pelos. E non só o gato do Calamir, tamén outros gatos do barrio, amigos do de Calamir, pasaban a noite naqueles zapatos.

E claro, a xente toda pensaba que o Calamir vestía zapatos de pallaso todo o tempo, por tanto, non o tomaban a serio. Mais, onde máis sufría o coitado do Calamir era no tranvía. Se había pouca xente, a cousa ía ben, mais se o tomaba nas horas de punta, xa era outra cousa. As persoas non facían outro que lle pisar os pés. Non o facía de propósito, simplemente é que non o vían, coitado. El queixábase, e até choraba, mais as persoas pensaban que estaba moi triste e tiňa que desafogar. Como ían imaxinar?

Tamén é doado imaxinar como fora a mocidade e a infancia do Calamir. Todos rían del por aqueles pés, mais salvou a situación xogando coma gardarredes na equipa de futbol do colexio. Grazas aos seus pés xigantes, non había bóla que entrase na portaría.

E tamén era a envexa dos compaňeiros da turma cando podía escorregar pola neve como se tivese esquís, mais usaba simplemente os seus zapatos. 

Probabelmente preguntádesvos como gaňaba a vida con aqueles zapatóns. De certo, algúns de vós imaxinastes que o Calamir traballase de pallaso nun circo, sen necesidade de colocar zapatos xigantes. E na verdade, probou a traballar así, mais tiňa moi pouca graza, o pobriňo. Tivo que deixalo.

Porén, atopou un traballo axeitado para el. Foi contratado por unha adega de viños que precisaban de persoal para pisar a uva co gallo de espremer o mosto. O Calamir facía el só o traballo de sete persoas, de maneira que na adega estaban encantados con el. E nen só pisaba uvas, tamén amoras, maracuxá e até chirimoias. Dese xeito, descubriu que a súa capacidade de pisar froitas era a súa mellor hipótese de ter traballo.

Montou un negocio de zumes que el mesmo pisaba. E comezou a experimentar coas mesturas: morango con aspárragos, beterraba con pementos, e até laranxa con tinta de lulas.

Mais xa non viaxa co tranvía, non pode aturar a dor que lle causa que lle pisen os pés todo o tempo. Por iso, colocou unhas rodiñas aos zapatos e patina con eles pola cidade. Inventou as zapatinetas, moi úteis para a cidade.

Oxalá un día consiga colocar uns freos aos zapatinetas, de certo que evitará ter que parar batendo contra os farois da rúa.

© Frantz Ferentz, 2025