segunda-feira, maio 29, 2006

Benxamín, o can máis estraño [+10 anos].- XFC

    Érase unha vez un can. E até aquí nada de novo nin de estraño, porque cans hainos a ducias, milleiros, mesmo millóns no mundo.
    – Ben, daquela, que ten de particular este can?
    – Pois o que che ten de particular é que este can non sabía ladrar.
    – Que non sabía ladrar?
    – Tes razón, non é iso, é que ladraba "raro".
    – A ver, a ver, cóntame esa historia porque soa un chisco estraña. – Está ben, comeza así...

    Érase uha vez un can, como xa dixemos. E este can comprouno unha rapaciña chamada Inés.
    Ben, na realidade non o comprara ela, comprárao súa mai. E o can era dunha aparencia moi estraña. Era todo calvo. Querse dicir, non tiña pelos, ou sedas, polo corpo. Ben, algo de pelos si tiña. Tíñaos nalgúns puntos do seu corpo, como oasis no medio do ermo. E tamén tiña unha madeixa de cabelos na cabeza. Un can así non se ve todos os días. Cando a nena recibiu o can como agasallo, no día do seu aniversario, decidiu axiña como o chamaría:
    – Benxamín, como o meu compañeiro da escola, que está tamén todo peladiño.
    Como Benxamín non tiña pelos, cando lle daba o sol abondo tempo, tostábaselle a pel, como lle acontece tamén á xente. Era moi prestoso, porque despois lles tiñan que botar crema na pel para que non lle pruíse. A Inés chegou mesmo a pensar en lle mercar uns lentes de sol, porque aquel animaliño era moi delicado.
    E así, o Benxamín foi medrando medrando, todo contento, a comer de todo o que lle daban, enchendo o bandullo como se aquilo non tivese fin. Cando chegou a hora de que o can comezase a ladrar, entón foi a grande sorpresa. O can non fixo "guau", que é como fan os cans todos. Non, o que fixo foi "haf". E non o fixo nin unha nin dúas veces. Fíxoo sempre así.
    Figurádevos que sorpresa foi para todos sentir o Benxamín facer "haf-haf" no canto de "guau-guau". Aquel incidente estendeuse polo barrio. E, como sucede nestes casos, os veciños opinaron sobre a cuestión. Para uns, era cuestión de deixar o can medrar, que seica non sentira os cans veciños ladrar e portanto non tiña modelo de onde copiar. Por iso, Inés levou o can ao parque para que aprendese a ladrar. Mais o Benxamín, malia ser pequenallo, espantou a todos os cans do parque, que estaban mortos de medo ao veren aquel can calvo.

    Nada que facer por aí. Outro veciño dixo que o problema do can era que aquel non era en realidade un can, que seguramente se trataba de algo asemellado a un vampiro, unha mestura de rato voador e can. Tamén é verdade que o Benxamín, co seu fociño alongado, tiña un aquel de vampiro. Pero case que o botan a puntapés da casa por dicir aquilo.
    Como quedou triste a Inés despois de escoitar aquel señor insultar así o seu canciño.
    Un can vampiro...
    Con todo, algúns veciños acreditaron de verdade que se trataba dun vampiro e de noite pechaban sempre as ventás e as portas con dous ferrollos, para se evitaren sustos. Mais por moito que a xente opinou e por moito que probaron a aprenderlle ao can a facer "guau-guau", o Benxamín sempre dicía, ou máis ben facía, "haf-haf". Era un misterio. Mais á Inés tanto lle tiña. Era o seu can e era ben bonito.
    E así podía ter rematado esta historia, mais ao cabo, un día, despois de moito tempo, a Inés soubo a razón de por que o seu can non ladraba como todos os cans. Foi precisamente no parque onde todos os cans se espantaban co Benxamín. Xusto alí a Inés viu outro can como o seu, ben, de feito non era UN can, era UNHA cadela. Xa vos podedes imaxinar o contento que estaba o Benxamín. E a cadela tiña tamén unha propietaria. Chamábase Xulia... a propietaria, non a cadela. O animal chamábase Lasca.
    Xulia explicoulle á Inés a historia de Benxamín, de Lasca e todos os cans calvos. Non se trataba de cans extraterrestres, como afirmaba o veciño do sexto andar. Nin de pesadelos feitos realidade, como dicía a veciña do terceiro. Tampouco se trataba dun can analfabeto, como afirmaba o carteiro, que de selos entendía moito, mais de animais ben pouco.
    – O teu Benxamín, como a miña Lasca, son cans que veñen da América, mais estes naceron na Europa Central, en Chequia.
    – É verdade. Na cesta onde mo trouxeron cuando cativo, puña que viña de Praga.
    – Ves? Pois alí os cans non ladran "guau-guau", senón "haf-haf".
    – Daquela, o meu can non ladra en galego?
    – Non, o teu can, como a miña cadela, ladra en checo.
    E esta é a razón de por que o Benxamín, amais de ser calvo, fai "haf-haf". De feito pouco tempo despois de coñecer a razón deste fenómeno, a Inés descubriu un can no parque que facía "wang-wang".
    Era un deses que chaman pequineses. E é que viña da... China, onde, como toda a xente sabe, os cans fan "wong-wong"


© XFC, 2006.
All rights reserved worldwide

_______________________
Se queres sabes como fan os cans do mundo, visita
http://en.wikipedia.org/wiki/Bark_(dog)

Sem comentários: