quinta-feira, agosto 31, 2006

O capitán Penadura [+8 anos].- Elena Frías Viana


    O capitán Penadura foi un coñecido pirata da Idade Media que semou o pánico na alma do rei Ricardo Corazón de Xamón.
    Con todo, tras destes atentados á tranquilidade da súa Maxestade, escóndese unha tráxica historia de amor e unha parte de culpa do propio rei.
    O capitán, perseguido pola Italia medieval e coñecido como Penadura (dicían que era un óso duro de roer) ocultaba o seu verdadeiro nome, Pedro, para llo mostrar só á muller que lle roubara o seu corazonciño –porque, aínda que parecese mentira, tíñao.
    Esa muller era Augaclara, a filla do rei Ricardo Corazón de Xamón, gobernante do territorio italiano.
Con ela atopábase todas as noites nun pasadizo secreto do xardín do Palacio Real. Desde alí contemplaban xuntos a beleza dos solpores.
    Unha noite, Augaclara díxolle a Pedro que estaba farta das visitas ás escondidas, que só tiñan emoción ao comezo. Dixo tamén que o que realmente desexaba era esquecer o reino de seu pai e marchar de barco a unha illa remota, onde poderen vivir xuntos, sen temores nin inquedanzas, até a fin dos seus días.
Pedro aceptou –non ousaba contradicir a súa namorada, que tiña un carácter ben acedo– e colleu o seu barco e marcharon ese mesmo día da que a princesa fixo as súas maletas.
    Todo foi perfecto até que o rei soubo que súa filla marchara co pirata que lle roubara o ouro en tantísimas ocasións.
    Foi daquela cando decidiu enviar o seu exército ao mar para rescatar a súa filla e acabar de vez con Penadura.
    Naturalmente, os seus soldados foran instruídos para actuar primeiro e pensar despois, de xeito que non eran esaxeradamente listos, tendo en conta a actuación dun deles, que deseguida usou o canón para facer voar o barco polos ares.
    O pirata morreu. A princesa tamén.
    Cando o rei Ricardo soubo o acontecido, mandou decapitar o soldado. Sumiuse nunha tremenda depresión que o levou á tumba.
    E aquí remata a nosa historia. Non vos podo contar máis, agás que nas praias de Italia aínda de cando en vez dúas sombras prateadas se ven berrando á lúa:  “Nosoutros nada mais queriamos ser felices!”

Fin da historia do Capitán Penadura


    Xa che contei todo o que sei.
    Agora, por favor, manda o teu iate buscarme.
    Que?
    Que non tes iate?
    Pois sabe que esa brincadeira non tivo gracia.

                        Un pobre náufrago perdido

© Elena Frías Viana
All rights reserved worlwide
(escrito con 10 anos)

Sem comentários: