domingo, julho 09, 2006

A PROFA DORMENTE



   
    A boa de dona Alexandra levaba toda a vida a traballar e lle faltaba pouco para a súa xubilación.
    Á muller doíanlle os pés cando estaba moito tempo de pé, a ela prestáballe aprenderlles cantigas e facer xogos nas aulas.
    Non paraba nunca quieta.
    No fondo era unha nena de case setenta anos.
    Aquel día, dona Alexandra sentou na cadeira do profesor. Estaba moi cansa despois dun intre longo de xogar aos contos.
    Eran as tres e media da tarde, facía algo de calor e os rapaces estaban calmos a ler contos.
    A mestra ben merecía un pouco de repouso.
   Notaba que lle entraba unha galbá enorme, pouco a pouco íanlle pesando máis e máis as pálpebras... adormecía sentada na súa cadeira.
    Mal tivo vagar de loitar contra o sono que a invadía.
    Sucumbiu axiña. Adormeceu de todo e a barbadela caeulle sobre o peito.
    Dona Alexandra durmía placidamente. Semellaba un anxo de cabelos brancos.
    Os seus alumnos decatáronse deseguida de que a súa mestra durmía moi serena.
   Daba gusto ollala. Entre murmurios correu a voz de que dona Alexandra estaba tan leda no país dos soños.
    Todos ergueron os ollos dos seus libros para os dirixir cara a ela.
    Sen que ninguén o dixese, os nenos e mais as nenas da aula mantiveron un grande silencio.
   Non querían que a mestra acordase. Non temían que a mestra os rifase, senón que entendían que a pobriña estaba esgotada despois de tanto movemento como había naquela clase.
    Seguiron a ler en silencio, tendo mesmo coidado de non alentar moi alto para non faceren ruído.
Todo tería ido moito ben se naquel momento Lorena non se tivese erguido do seu sitio e ido para o moble que facía de biblioteca.
    Quería devolver alí o libro que tiña, mais o xarrón chinés que había alí enriba abalou e caeu.
    Lorena, quen se decatou axiña do que acontecía, tivo o tempo xusto de estender as maos cara ao xarrón.
Logrou evitar que caese ao chan, mais non o suxeitou e, por un estraño impulso, saíu rebotado cara á primeira fila.
    O xarrón podía escachar sobre a mesa de Uxío, mais este xa prevía o que podía acontecer (abofé toda a clase estaba atenta ás evolucións do xarrón).
    Uxío só puido pór o seu libro de Sociais -era o máis groso de todos e ademais o forro érao tamén- e facelo rebotar enriba.
    Mais o xarrón semellaba ter outros planos ou seica estaba embruxado. Saíu logo despedido para a segunda ringleira e alí Carmo nada máis puido pór o seu bocata de queixo coma colchón -o pan e mais o queixo, é mester dicilo, estaban moi moles-, sen poder evitar, non obstante, que o xarrón aínda rebotase por terceira vez.
    Se caía ao chan escacharía e o ruído acordaría dona Alexandra.
    Que faceren logo?
    Afortunadamente o xarrón chegoulle a Xurxo. El era o porteiro do equipo de fútbol da turma, un gardarredes do mellor do mundo... bo, alomenos da súa aula.
    Xurxo, atento á traxectoria do xarrón, bloqueouno antes de acadar os seus pés.
    Toda a clase tería aplaudido a excelente parada, mais se o facían, dona Alexandra acordaría.
    Deixaron os parabéns para logo.
    A mestra puido, logo, seguir a soñar placidamente. Tiña un sorriso de anxo nos beizos e as súas mans entrelazábanse sobre o seu colo.
    Petaba botar unha soneca na compaña de dona Alexandra.
    Mais un novo perigo espreitaba.
    A pobre mestra podería espertar repentinamente!
    Por tras dos vidros das xanelas do corredor deu en pasar unha silueta ben coñecida dos rapaces e rapazas todos.
    Era o limpavidros, o encargado de pasar a baeta a cotío. Tratábase dun home moi puntual, sempre aparecía á mesma hora sen un minuto de demora.
    Movía o aparello de limpar cunha habilidade abraiante, deixando os vidros tan limpos que parecían ter desaparecido. Mesmo un tiña a impresión de que se estiraba a man para o corredor, podería tocar a cabeza de alguén que pasase por alí.
    Mais o perigo para dona Alexandra estaba en que ao limpar os vidros, o paisano faría moito ruído en fregando e a mestra daría aberto os ollos.
    Había que o impedir axiña!
    Xa estaba a piques de comezar a espallar o xabón pola primeira vidreira cando de súpeto tres alumnos saíron da aula a procuraren non deixar a porta ruxir.
    Achegáronse ao paisano sobre das puntas das dedas ata o limpavidros e faláronlle en murmurios:
    –  Boa tarde -saudaron eles.
    – Boa tarde – respondeu el tamén en murmurios estrañadísimo polo comportamento fóra do normal dos nenos.
    – Verá – comezou a explicar unha nena de cabelo roxo e trenzas chamada Verónica– , mándannos para lle pedirmos que hoxe non limpe as nosas fiestras.
    – Ah, non! E logo?
    – Élle unha longa historia, mais se vostede as limpa, rompería o estado de concentración da nosa mestra e a pobriña. Eu lin algures que... bo, bo, mais non lle vou aburrir...
    O limpavidros ollou por riba da vidreira e viu a mestra na súa durmida.
    – Pois eu máis ben vos diría que está a botar unha sestiña -comentou o home.
    –  Non se engane, que non é o que parece -retrucoulle Verónica.
    – Non, non -apoiaron os outros dous compañeiros da nena.
    Entre os tres empuxárono agarrándoo da man deica a seguinte aula para que seguise alí o seu labor.
    Ao volveren para a clase, os compañeiros recibíronos con aclamacións e vivas, mais non se escoitaba nada porque o facían en silencio.
    Todos queríano celebrar.
    Unha volta tranquilos, entre alento e alento de dona Alexandra, alguén lembrouse de algo.
    – Deica pouco soará a serea que anuncia a mudanza de clase nas aulas dos maiores.
    Aquelas palabras soaran moi baixiñas, sen que soasen fortes, só o xusto para que o escoitasen todos alí.
    Era un verdadeiro problema. A serea ficaba un pouco por riba e á dereita das xanelas exteriores da aula.
    O seu sinal soaba ben forte, máis do ca un coro de elefantes ledos en plena esmorga na selva.
    De seguro dona Alexandra acordaría con tal rebumbio.
    Axiña abrocharon os murmurios:
    – Que podemos facer?
    –  Non estará seica a serea algo rouca?
    –  Quen podería convencer o conserxe para que non soe a campá?
    –  Convidamos a serea a un refresco se non soa?
    Raúl púxose en pé. Da que todos discutían, el dirixiuse á ventá máis á dereita.
    Asomouse.
    Viu que a campá lle quedaba moi preto, só lle abondaba con estirar a man para a tocar.
    O rapaz moveu as mans axitándoas tolamente para atraer a atención dos seus compañeiros sen facer o menor ruído.
    Por sorte para el, os compañeiros foron dirixíndolle as súas miradas.
    Cando todos xa estiveron ben atentos, escribiu no encerado:
    Dádeme os vosos xerseis todos e mailas vosas chaquetas, que as preciso para facer un gran vurullo.
    Ninguén entendía ren, mais non tiñan intención de gurgutar. Raúl sabería o que se facía, que era o que mellores notas tiña sempre.
    Entre todos fixeron unha gran morea coa roupa a carón da xanela.
    Raúl foi envurullando a campá en xerseis e chaquetas que amarraba polas mangas.
    Resultaba moi divertido ver aquela serea toda arroupadiña, como se quixesen evitar que amormase.
    Raúl, xusto despois de colocar a derradeira prenda, deixou a xanela ben pechada e todos botáronse para atrás para seguiren coa súa lectura.
    De seguida chegou o momento esperado. Os reloxos dixitais dos rapaces anunciaron tamén a hora fatal, mais a cadansúa hora, coma unha orquestra de grilos.
    O plano de Raúl funcionou. A serea non ruxiu, senón que soou coma unha abella rouca.
    Todos deron os seus parabéns ao neno pola súa boísima idea. Estreitáronlle a man e mesmo Sandra deulle un bico na meixela, polo que Raúl rubiu coma o mollo de tomate.
    Quizais na hora seguinte xa poderían acougar e chegaren á fin da clase sen que a mestra acordase.
    Quizais... mais non sería así.
    Un novo perigo íase abater sobre do repouso de dona Alexandra a penas quince minutos despois.
    Ana saíra ao baño. Non pedira permiso a ninguén porque para iso debería ter espertado a dona Alexandra, cousa que nin tola faría.
    Por tanto saíu soa da aula e foi dereita ao baño.
    Á saída sentiu a voz do director que viña comentando con alguén da que subía:
    – Imos botar unha olladiña ás aulas polas vidreiras. Así vostede poderá ver por si mesmo o clima de traballo que hai neste centro.
    A porta do baño estaba nun extremo do corredor, xusto ao lado das escaleiras.
    A situación púñase de certo ben difícil, diso Ana era moi consciente.
    A nena saíu ás carreiras para a súa aula, mais procurando correr sobre da punta das dedas co gallo de non facer ruído.
    Cando estivo dentro, repetiu a mesma operación que o seu compañeiro Raúl antes.
    Con moitos xestos foi a atraer a atención da clase. Todos puideron ler no encerado:
    «Urxente:
    O director vén para acó ollando a través das vidreiras.
    Que facemos?»

    Foi un momento moi angustioso. Ninguén tiña unha idea do que facer.
    Bo, ninguén non, porque María saíu coma un lóstrego do seu sitio e comezou a escribir no encerado:
    «Poñámonos algúns de nós arredor da mestra en círculo, como se ela nos explicase algo. Habemos tapala para que non se lle vexa. O resto que fique onde está a leren os libros.»
    Todos actuaron axiña como indicaba María. Non había ningunha outra proposta.
    Cabo de cinco segundos todos estaban a representar a escena. Da mestra só se vía o seu cabelo branco salientar por entre as cabezas dos rapaces.
    Cabo de sete segundos o director apareceu por detrás da vidreira xunto co seu acompañante e foise movendo moi de vagar, sen se decataren de que María contaba cadanseu paso.
    Cabo de quince segundos o director e maila compaña remataron a súa inspección.
Xusto entón houbo un suspiro de alivio en toda a aula, mais moi baixiño para non acordaren a mestra, a cal seguía cunha expresión de paz envexable.
    Segundo o reloxo, faltaban quince minutos para a saída. Entre os rapaces e mailas rapazas, polo baixo, xurdiu a pregunta:
    –  E se cando soe a serea a mestra está aínda durmida, o que facemos?
    Eles non querían acordala, mais tamén non querían que ela seguise durmida despois da hora da saída. Alén, a serea continuaba envolta en roupa, de xeito que non soaría.
    Raúl, pola súa banda, non quería levar un castigo.
    Con moito coidado foi quitando as chaquetas e mailos xerseis para ilos aventando para o medio da aula, onde os seus donos recollían cadansúa prenda.
    Logo sentaron todos resignados.
Sentíanse desilusionados porque os seus esforzos de toda a tarde non terían valido para nada.
    Que mágoa...
    O reloxo marcaba que só faltaban cinco minutos para a saída.
    Dona Alexandra abriu os ollos de sotaque.
    Os rapaces, que a fitaban, disimularon e dirixiron as súas miradas para os contos de enriba da mesa.
    Mario, como non tiña conto ningún, ollaba pola xanela ás nubes.
    A mestra pensou cando deu aberto os ollos:
    –  «Oxalá non se teñan decatado de que fiquei durmida... Non, coido que non».
    A mestra ergueuse da cadeira. Xa non lle doían os pés.
    Mandou os nenos recolleren os seus libros e mailos fardeis e aos poucos soou a serea anunciando a saída.
    Todos, absolutamente todos, foron dereitos ao patio e, unha vez alí, soltaron en coro:
    –  Vivaaaa!
    Logo continuaron soltando todos os berros que contiveran durante a tarde.
    Os mestres, pais e resto dos compañeiros ollaban a escena sen comprenderen nada.
    Mais era mellor así.
    Foi por sempre un segredo ben gardado aquel da profa dormente.
© Frantz Ferentz
All rights reserved worldwide

Sem comentários: