sexta-feira, outubro 20, 2006

Vampiros do mediodía [+8 anos].- Elena Frías Viana


    Toda a xente sabe que os vampiros (se é que existen) dormen pendurados do teito mentres haxa luz solar e se erguen á medianoite para asistiren a importantes xuntanzas organizadas polo Consello de Tiranos do Inframundo (CTI) ou para tomaren un chisco de sangue fresco.
    En todo isto hai unha gralla (por non dicirmos que nada do anteriormente mencinado é certo). Neste interesante documental hei explicar que eses costumes se remontan á época do Conde Drácula (que en paz descanse o tan admirado señor).

    Para comezar, son moitas as mudanzas nos costumes dos vampiros.

ALIMENTACIÓN:

Arestora, os vampiros sentaron a cabeza e refusan sugar sangue de inocentes, que era o tema principal das discusión do CTI, que nestes momentos se dedica a fundar hospitais.

Por esa razón, basearon a súa alimentación no zume de tomate, que é máis san que o sangue, e mais os ovos bulidos, que lles recordan os ollos que tanto adoraban na Idade Media.

HORARIOS:

Canto aos seus horarios, eles érguense ao mediodía, non para faceren un contraste coa medianoite, senón porque adoran bailar na discoteca e deitarse moi tarde á noite. Por iso, precisan durmir un mínimo de dez horas ao día, aínda que iso supoña erguerse á unha do mediodía.

VESTIMENTA:

Os vampiros mudaron as capas pretas por roupa deportiva e camisetas do seu equipo de fútbol favorito.

MASCOTAS:

Enantes non había un retrato dun vampiro completo sen que aparecese ao menos un morcego, ora pendurado do teito, ora do seu ombreiro. Asemade, fartos de que estas “simpáticas” mascotas chupasen máis sangue ca eles, dedidiron substituílos por hámsteres, que non dan tanta guerra, non enchen o teito de excrementos e, o máis importante, non lles fan a concorrencia coma chupasangues.

CONCLUSIÓN:

O que podemos salientar deste folleto informativo é que os vampiros se encontraron en franca minoría perante o resto dos mortais comúns de carne e óso e… mmm, sangue, polo que chegaron á conclusión de que prefiren unirse ao inimigo antes de se veren vencidos por el.

Así e todo, heiche advertir que se algún día ves un individuo con lentes de sol á noite, lisca! Aínda que ti poidas ver o sol, a eles aféctanlles as radiacións e, malia os máis deles seren pacíficos, algúns aínda conservan o seu ancestral instinto asasino…
© Helena Frías Viana
All rights reserved worldwide
(escrito con 10 anos)

Sem comentários: