1
Vilacarola era unha viliña bastante pobre; ás veces, no inverno, as súas rúas cubríanse de xeo e no verán non se podía camiñar por riba do asfalto porque se puña coma a lava dos volcáns.
A xente de Vilacarola sabía ben poucas cousas e mesmo a televisión víase moi mal. As súas imaxes chegaban con media hora de demora. Daquela, cada vez que un forasteiro chegaba á viliña, facíanlle unha chea de preguntas para saberen o que estaba a suceder no resto do mundo.
Un día, nos comezos de setembro, un auto de cor limón chegou a Vilacarola. En cada recanto da rúa facía soar a súa buguina. Toda a xente de Vilacarola, os vilacarolinos, saían á rúa para ver qué era aquel rebumbio infernal que espantaba as pitas e facía chorar as vacas.
O auto de cor limón andou ata a escola que era coma un fraga de árbores. Cando deu chegado, do auto descendeu un paisano todo vestido de coiro preto cuns lentes de sol, que se puxo a bailar seguindo a música que saía do seu propio auto.
Varios rapaces achegáronse ata el a modiño. O home contemplounos desde detrás dos seus lentes mouros, mentres lles cantaba:
– Que sucede, cativos,
son o profe novo,
cantade comigo
con música de ovo
O paisano cantáralles con ritmo de rap.
A noticia voou coma a pólvora. Cabo de media hora, a escola estaba chea de alumnos que querían escoitar aquel mestre chegado de non se sabía ónde.
O mestre novo estaba feliz con aquel público. Quitou os lentes de sol e seguiu a falar con ritmo de rap:
-Saúde, amiguiños,
estou neste pobo,
seivos ben as cousas,
porque son moi probo.
Como xa comigo
non vos han ensinar,
vinde a esta vosa casa,
a xornada imos comezar.
Organizouse un bo alboroto.
E foi tal, que os outros cinco mestres da escola perderon os seus alumnos.
Un dos cativos, querendo imitar o mestre novo, preguntoulle tamén a ritmo de rap:
– Diga “vosté”
xenio cun enxeño
o seu nome cale é
para pórmolo no medio.
Ao mestre isto gustoulle e dixo:
-Podédesme chamar
Calisto o máis listo.
Todos os cativos atolaron. Estaban felices de teren aquel novo mestre, que lles facía cousas novas.
Mais non todo era así de bonito. Co paso do tempo, os estudantes de Vilacarola –a súa escola chamábase A vaca danzarina– comezaron a esquecer o pouco que sabían, que era realmente pouco, e deixaron de aprender cousas como cál é a capital de Turquía, cantos quilos caben nunha tonelada ou para que serve a propiedade conmutativa da suma.
Os cativos saían das aulas bailando, mais era un xeito novo de facelo. Un rapaz sentiu que lle saía a perna e outro sentiu un “crac” moi curioso na espiñela porque as vértebras lle bailaban soas.
2
Un mes despois da chegada do novo mestre, toda a xente da vila comprendera que os rapaces aprendían menos cousas cada día.
Mais eles sempre se movían con ritmo e pintaban grafitis nas paredes de toda a cidade.
Calisto era o centro de todo. Organizaba concursos nas súas aulas e os alumnos inventaban canetas que mudaban a cor da tinta cada dúas letras, goma de mascar que cantaban mentres aínda estaba doce, e cousas así.
Ademais, o mestre semellaba un xornal con pernas. Contaba para toda a vila todas as novidades que pensaba realizar.:
– Quero organizar unha carreira de vermes de seda... –dixo un día.
– Mañá daremos un paseo polo tellado da igrexa –dixo outro.
– Tiven a idea de nos vestir de punkis cun pico de galo de plástico, ha, ha, ha... –engadiu unha semana despois.
Toda a xente en Vilacarola sabía o que pensaba facer Calisto cunha semana de antelación, porque ademais repetíao dúas ou tres veces. Daquela, os estudantes empezaron a pensar que o seu mestre era coma un xornal en movemento vestido de coiro.
Mais Calisto quería que os outros cinco mestres da escola ficasen do seu lado. Para conseguir convencelos, pensou en falar con cada un deles.
A idea que Calisto tiña sobre os seus compañeiros era que eles eran demasiado serios, mais esta era nada máis a súa opinión; o feito era que eles non se parecían a el e basta.
Primeiro, falou con Xoán, que daquela estaba no seu gabinete a preparar uns mapas.
– Ola, Xoán. Como van as túas aulas cos teus alumnos?
– Moi ben, e ti? Parece que están moi contentos contigo.
Sabino tiña gana de lle responder: “claro, vós sodes aborrecidos e eu, en troque, divírtoos”. Mais non dixo o que pensaba. Non obstante dixo:
– É certo...
E despois atacou coa súa táctica favorita:
– Estás casado?
– Estou...
– Tes fillos?
– Non
– Traballa a túa dona?
– Ás veces...
– E onde?
– Nunha fábrica de muíños de papel...
– Ah, muíños de papel –exclamou Calisto, que non vira un en toda a súa vida, mais que quería demostrar que el sabía de todo–. Os muíños de papel deben manter unha orientación cara ao norte, non sabes? É para aproveitar os ventos húmidos e mais as influencias do horóscopo...
Calisto seguiu a contar zarapalladas sobre os muíños de papel durante máis de media hora. Xoán quixo calalo, mais deixouno falar porque era moi ben educado e houbo escoitalo pacientemente ata a fin.
– E iso –deu dito–, non o esquezas e dillo á túa dona, porque é unha técnica que eu aprendín en Transilvania.
O mestre non quitou os lentes de sol, pero estirou a chaqueta de coiro e mirouse as botas procurando un chisco de po. Ao final camiñou cara ao seu auto de cor limón, sobre o cal un paxaro maleducado, desde o ar, fixera as súas necesidades.
3
Calisto acudía puntual á escola todos os días. Antes de os seus alumnos saudáreno, el xa empezara as aulas, mais non facía máis a ritmo de rap.
– Bo día. Abride os vosos libros na páxina trinta e nove, porque seguimos a falar da presencia dos romanos na nosa terra, no século primeiro antes de Cristo...
Ás veces quería semellar simpático e dicía cousas como que a Santa Catarina os seus amigos lle chamaban Santa Caratina, mais os coitados rapaces vilacarolinos non se daban conta de nada.
Daquela, pouco e pouco, os cativos comezaron a cansar do seu mestre vestido con roupa de coiro, mais el non se decataba, porque tiña unha idea de si moi peculiar, como alguén extraordinario que sabía todo sobre todo.
Entrementres, seguiu co seu plano de se achegar aos seus compañeiros, que o ollaban pondo unha cara estraña, mais ao mestre importáballe un allo.
Un día viu na sala dos profesores unha súa compañeira chamada Paula. Ela ollaba uns cantos prospectos turísticos de Londres. Calisto viu aí unha ocasión excelente para comezar a súa parola:
– Vas de ferias?
– Si, axiña vou...
– Vas a Londres?
– Vou...
– E con quen?
– Cun meu amigo...
– O teu mozo?
– Eeeh... Éche un amigo...
– Mais como de amigo?
– Pero a ti que che importa?
Calisto pasou á segunda parte do seu plano:
– Eu –dixo– teño estado catro veces en Londres. Coñezo Picadilly, o Palacio de Buckingham, a Torre e mais o Madison Square Garden...
– O Madison está en Nova Iorque, non en Londres corrixiuno Paula.
– É verdade, foi unha falla pequena, porque tamén teño estado en Nova Iorque. O que quería dicir é que coñezo o Merry Christmas Garden –dixo inventando o primeiro nome que lle veu á cabeza. E despois seguiu coa súa parola–. Eu pódoche indicar ónde podes ler xornais en papiamento, onde podes comer cos pés e onde podes comprar algodón con sabor a amorodo para lavares as orellas...
Así, Calisto contou unha manchea de baballadas, ata que quixo impresionar a súa compañeira dicíndolle unha frase en inglés, algo que aprendera nunha guía de conversa. Ela respondeulle:
– Oh, wonderful! At least you can get along in English, so we may have a talk from time to time...
Calisto non comprendeu nada. Ficou coa boca aberta e só puido dicir:
– Yes, yes, yes...
Paula díxolle:
– Leváronme a Londres cando tiña dous anos e fiquei alí ata os dezaoito.
Sabino calou atordado, mais o seu silencio durou ben pouco, porque logo seguiu:
– Pero que me dis de Vigo, coas súas tabernas e...
Seguiu a falar durante outra media hora, mudando de tema a cada pouco. Paula tiña xaqueca e non o aturaba máis, así que marchou para á rúa silandeiramente.
Calisto seguiu a súa conversa outros vinte minutos antes de se decatar que estaba só, mais non lle importou moito porque a súa voz lle soaba bela e harmoniosa...
4
As cousas mudaran moito na escola de A vaca danzarina de Vilacarola. Calisto era a persoa máis pesada da vila, aínda que ás veces aínda falase a ritmo de rap ao seus estudantes:
– E agora pequenallos
me habedes escoitar,
acendo o casete
e todos a brincar!
Mais era inútil, porque os alumnos xa non rían. E ademais, o mestre falaba e falaba...
– A música do Renacemento significa unha mudanza enorme respecto da música da época anterior, cunha grande influencia da Escolástica...
Era horrible.
Era desesperante.
E ademais Calisto xa non pretendía ser simpático e amable cos seus compañeiros. Por que? Porque eles non o comprendían. Xente xenial coma el atopábase moi pouca.
Mais el non podía seguir daquela maneira.
Todo comezou un venres á primeira hora da mañá. Aquel día facía xusto dous meses que Calisto chegara á escola de Vilacarola. Ía festexalo cunha clase aborrecidísima sobre o suxeito e o predicado. Os alumnos non podían manter abertos os ollos, as pálpebras caían soas...
Tareixa, unha alumna, reparara nun botón da manga da camisa de Calisto (porque xa estaba tan aborrecida a pobre dela...). Da que o mestre falaba da grande importancia dos artigos como acompañantes do nome, ela pensou que se cadra aquel botón era como os das máquinas das películas norteamericanas. Estaba segura de que se o premía, acontecería algo especial.
Silandeiramente, Tareixa foi ata onde estaba o mestre que seguía a falar. Ela tocou o botón, virándoo para a esquerda e entón ocorreu todo...
Xuuuf!
O mestre brincou e dos seus ollos comezou a saír unha luz branca. Despois, os brazos, as pernas e a cabeza ficaron engulidas na chaqueta e mesmo os pantalóns. A chaqueta de coiro converteuse nunha caixa negra e logo tomou a forma dun libro antigo moi grande. Sobre a cobertura, apareceu escrito:
CÓNTOCHE O QUE QUEIRAS
Todos os alumnos correron cara ao libro que quedara enriba da mesa. Algún ousou abrilo. A luz saíu para arriba. Había centos de historias, movéndose, falando, mellor ca no cinema. Aquelas eran historias nunca contadas, esperando polos cativos para as escribiren ou as contaren.
E todos escoitaron, con atención, as historias do libro máxico.
Despois, a campaíña que marcaba a fin das aulas soou.
Do libro parou de saír luz e pechou só.
Os estudantes volveron a cadanseu sitio. Todo o proceso polo cal Calisto se convertera en libro tense desfeito e Calisto volveu a aparecer sentado enriba da mesa, como se de repente acordase.
Cando o mestre se viu así, preguntou:
– O que fago eu aquí?
Mais os alumnos non contestaron nada. Despois volveu preguntar:
– E hoxe que fixemos?
– Contamos contos –respondéronlle.
– Contar contos? Eu non fago esas cousas.
– Pois hoxe fixéchelas.
Calisto non comprendía un ris. Baixouse da mesa, axustou os lentes de sol e dos seus pantalóns caeron unhas letras, mais el non se decatou.
Ao cabo dixo:
– Pode ser...
Todos os alumnos saíron ás carreiras para fóra, satisfeitos por teren descuberto o segredo de Calisto o máis listo.
E desde aquela, cando as aulas ían aborrecidas, eles xa sabían o que facer...
© Xafrico (1994)
All rights reserved worldwide
Sem comentários:
Enviar um comentário