quinta-feira, janeiro 26, 2012

MOTIVOS PARA ACREDITAR (OU NON) NO MONSTRO DOS PEÚGOS [+10]



– É un monstro dos peúgos, estou convencido diso!

Quen iso afirmaba era David Scrumble, de dez anos, propenso a acreditar en toda caste de criaturas máxicas, talvez por motivos familiares, porque na súa familia crían mesmo na existencia dos dragóns, aínda que nos tempos actuais xa adaptados á vida na internet, onde podían pasar desapercibidos afeito.

A señora Mathilde McPhaldras, de sesenta e seis anos, puxo cara de non acreditar nada co vasoiro na man e sen deixar de fitar para aquel rapaz espelido e magro que aínda estaba en pixama. A señora McPhraldas era a avoa do Daniel Goldfield, amigo e compañeiro do David Scrumble, o rapaz que convidara o David a pasar unha semana de ferias na vivenda dos seus avós en Escocia, lonxe de Londres.

– Nunca nesta terra houbo monstro dos peúgos –respondeu a señora moi orgullosa– e non penso que os trouxeses ti, mociño.

– Pois eu dígolle que aquí hai monstros dos peúgos, que na miña familia existe unha tradición de caza de monstros dos peúgos centenaria, que até o meu bisavó foi campión de Cornualles na caza dos monstros dos peúgos doméstico.

– E tes algunha foto diso? –preguntou a avoa do Daniel.

– Non –respondeu todo serio o David–, porque disque os monstros dos peúgos non saen nas fotos. Tórnanse invisibles.

– Xa...

O Daniel acudiu á discusión. Que interesante. Non sabía a quen acreditar, se ao seu amigo e camarada David ou á súa avoa. Na realidade, a avoa non é que non acreditase en criaturas máxicas. Certamente acreditaba no monstro do Lago Ness, mais dicía que non saía por temor aos humanos, cousa ben lóxica.

– E por que estás tan seguro de que se trata do monstro dos peúgos? –preguntou o Daniel ao David da que comía un anaco de pan con manteiga.

– Verás, eu trouxen cinco pares de peúgos para unha semana, pensando que un par deles se poderían lavar aquí...

– Pois claro que se pode, que temos lavadora –interrompeu a avoa moi digna.

– Ben, hoxe quitei da maleta o meu quinto par. Eu pensaba que o resto foran parar ao cesto da roupa sucia, mais na verdade non están alí.

– Correcto, non están alí –confirmou a avoa.

– Daquela, a única opción é que os levase o monstro dos peúgos.

– E non pode ser –preguntou a avoa– que ti sexas un amante do desorde e botes os peúgos por aí cando os quitas de noite?

O David soubo manter as boas maneiras.

– Non, eu sempre deixo os peúgos ao pé da cama e, cando me ergo, xa non están. Pensaba que nalgún momento entraba vostede e levábaos para o cesto.

– Que señorito! exclamou a avoa.

Que interesante misterio. Mais o Daniel pensou que pagaba a pena dedicarlle o día á pescuda do misterio. Por iso, despois da parva, convenceu o seu amigo para pescudaren pola internet sobre o fenómeno dos monstros dos peúgos, mais toda a información que atoparon foi literaria, de contos e cousas así. Ademais, todas as imaxes eran distintas, non había dous autores que imaxinasen os monstros dos peúgos coa mesma forma. Que decepción, madriña. O Daniel xa tiña unha mente moi científica, por iso quixo, antes de decidir se acreditaba nos monstros dos peúgos, atopar probas.

O seguinte paso consistiu en procurar os peúgos. Infelizmente non tiñan un detector de peúgos porcos e tampouco non ían ter tempo de construír un. A única opción era usar o seu can Hannibal. Hannibal era un can de las cun óptimo olfacto. Iríalles ben para seguir o rastro dos peúgos do David. Mais, de onde ían quitar un peúgo do David para facer as pescudas?

– Dáme os teus calzóns –pediu o David ao Daniel.

– Para que os queres?

– Para darllos a ulir ao can. Se non hai peúgos, ten que uliscar algo teu... moi íntimo, e non che me vén á cabeza outra cousa que non sexan os teus calzóns. Pensa que o facemos pola ciencia.

O David, rosmando, deulle ao seu amigos os calzóns. O Daniel deullos a ulir ao can, o cal, inmediatamente, correu cara ao cuarto do David. Os dous rapaces seguiron o can, sorprendidos pola velocidade con que tiña reaccionado o animal. 

O Hannibal meteu a metade do seu corpo baixo a cama do David e axiña saíu cun peúgo sucio na boca, todo cheo de boliñas de po e até algo esfiachado.

Xusto daquela entrou a avoa, alarmada pola barulleira. 

– Que pasa aquí?

Daniel explicoulle que o can atopara aquel peúgo sucio embaixo da cama do David.

A avoa, sen dicir unha palabra, meteu o vasoiro embaixo da cama e comezou a sacar o resto dos peúgos. Aí estaban, sen faltar ningún.

– Con que monstro dos peúgos, eh? –comentou con retranca a avoa–. O que pasa é que cando quitas os peúgos de noite, despois méteos embaixo da cama. En Escocia non hai monstros dos peúgos!!

O David ía protestar, ía dicir que el non facía iso, mais quedou sen palabras. Simplemente calou. Recolleu os peúgos do chan e levounos ao cesto da roupa sucia.

Entrementres, o Daniel acariñaba o seu can por ser tan hábil. E entón decatouse de que entre os dentes do can penduraba un fío azul... Soubo daquela de que o fío pertencía a un dos peúgos do David. Claro, o can era quen levaba os peúgos embaixo da cama. Que brincallón!! Ben, pois daquela, o misterio estaba resolvido.

Asemade, a escasos dous metros do can e do Daniel, unha pequena criatura, de non máis de vinte centímetros, contemplaba a escena desde as trebas baixo a cama e agardaba que a súa estrataxema de ter posto un fío dos peúgos entre os dentes do can lle servise para despistar. Con todo, xurábase a si mesmo que non sería tan glotón e que non volvería a comer máis dun peúgo por semana, e menos aínda que os almacenaría todos embaixo da cama... Mais, cumpría entender que os peúgos daquel rapaz de Londres eran tan deliciosos, que non puido evitar a tentación de levalos todos para o seu buraco.


© Frantz Ferentz, 2012

Sem comentários: