terça-feira, agosto 25, 2020

O CHEIRO A PAÍS

 Wicca Magia: Teiniaguá – Princesa Moura




Dramatis Personae

Samir, o pai
Leila, a filla
Axente da alfándega



ACTO 1


No palco aparecen Leila e mais o seu pai Samir no seu lar. Están no salón, decorado con estilo árabe. No centro do palco hai unha mesa baixo, cunha teteira. Hai un vello sofá e unha alcatifa no chan. O pai e a filla toman unha cunca de té, ambos sentados no sofá, de cara ao público.

SAMIR (deixando a cunca de té na mesa): Filla, teño que che dicir algo.

Leila deixa a cunca na mesa tamén. Fita para o pai.

SAMIR: Teño que viaxar a Marrocos. Teño que asinar a venda da casa familiar.

Hai uns segundos de silencio. Despois, Leila achégase do pai e abrázao. Mantéñense así uns segundos. A seguir, a nena sepárase e comenta co pai.

LEILA: Teño algúns aforros. Heichos dar para a viaxe.

O pai sorrí  tristemente. Acaríñalle os cabelos.

SAMIR: Agradézocho, ya Leila, mais eu tamén teño algo aforrado. 

O pai toma de novo a cunca e dá un sorbo ao té.

SAMIR: Queres que che traia algo de Marruecos?

Leila quédase pensativa uns instantes. Logo, pensa en voz alta.

LEILA: Hai tantas cousas de que teño saudades da miña infancia... Acórdome sobre todo dos cheiros (ponse en pé e pasea pola estancia, ensimesmada). Acórdome do cheiro do argán cando o vendían na rúa para os turistas. Acórdome do peixe fresco que levaban á poxa. Acórdome dos produtos de coiro que venden no zoco. Acórdome do cheiro da flor da laranxeira... Non sei, son centos de cheiros.

Samir fita para ela. Faille un xesto para que volva a sentar. Ela faino.

SAMIR: Entón, que queres que che traia?

Leila volve a ficar pensativa un instante. Logo di ao seu pai.

LEILA: Sabes o que realmente quero?

SAMIR: Non...

LEILA: Quero que me traias o cheiro a Marrocos.

Vai a escuro


ACTO 2


Control de equipaxes na alfándega do aeroporto. Un axente da lei pide a Samir que se achegue a el segundo vai camiñando coa mala para a saída.

AXENTE (a Samir): Bo día, de onde vén?

SAMIR: De Marrocos.

AXENTE: Moi ben, póñame a mala aquí enriba e ábrama, por favor.

Samir fai o que lle piden. O axente pon luvas de goma. Logo, comeza a remexer en todo. Extrae un frasco cun contido acastañado. O axente o destapa e cheira. Pon cara de noxo.

AXENTE: Que é isto?

SAMIR: Aceite de argán.

AXENTE: Argán? Que animal é ese?

SAMIR: É unha planta. Ten propiedades curativas.

O axente mira o frasco contra a luz.

AXENTE: En calquera caso, non pode pasar isto porque non vén na súa embalaxe orixinal (follea unhas follas que tiña á beira). Non atopo eu este aceite de sagán na lista de produtos... Así que non o pode pasar.

Lanza o frasco a un lixeiro que hai á beira. Logo continúa a remexer na mala. Até que atopa unha caixa de cartón. Sácaa da mala e ábrea.

AXENTE: E isto? (apalpa)

SAMIR: Son dátiles.

AXENTE: Que pegañento...

SAMIR: Son moi doces.

AXENTE: Tampouco vén na embalaxe adecuada.

O axente toma a caixa, péchaa e lánzaa tamén ao lixeiro. Logo volve remexer na mala. Extrae un frasquito cun tapón. Ten un líquido dentro.

AXENTE: E isto? (móstrallo)

Samir hesita.

SAMIR: Este...

AXENTE (en ton desagradábel): Que que degorrios é isto.

SAMIR: Unha amostra de ouriña. É da miña avoa. Tráioa para ser analizada no laboratorio.

O axente larga un gritiño de noxo e deixa caer o frasco na mala.

AXENTE (aínda en ton desagradábel): Peche a mala e váiase.

Samir fai o que lle din. Logo pon a mala no chan e vaise. Só queda no palco o axente.

AXENTE: Seguinte!

Vai a escuro


ACTO 3


Novamente na casa de Samir e Leila. Palco baleiro.

Óuvense unhas chaves que abren a porta. Ao instante entra Samir cunha mala con rodas. Chega até a mesa central. Deixa a mala á beira do sofá. Senta, resopra, descansa abrindo os brazos. Logo incorpórase. Olla para un lateral e chama con voz potente.

SAMIR: Leiliña! Estás na casa?

Óuvese a voz de Leila de lonxe.

LEILA: Si, papá, xa regresei da casa da tía Karima.

Óuvense uns pasos. Leila entra no salón polo lado oposto que entrara Samir. O pai ponse en pé. Pai e filla abrázanse.

LEILA: Que bo que volviches.

SAMIR: Si, xa morría de ganas de ver a miña pequena.

Déixanse de abrazar e sentan no sofá.

LEILA: Que tal a viaxe?

SAMIR: A viaxe, ben. Visitei a familia e percorrín todo Tánxer. Como me gustaría que viñeses comigo.

LEILA: E a min, papá, e a min.

SAMIR: Outra vez será, non?

LEILA: Pois si (breve pausa). E trouxéchesme algo de Marrocos? (en ton mimoso)

Samir pasa man pola fazula e suspira.

SAMIR: Cariño, na alfándega quitáronme case todo. Comprárache aceite de argán e dátiles, que sei como gustas dos da nosa terra. Mais non mos deixaron introducir no país porque non estaban embalados como eles queren.

LEILA: Queda descansado, papá. O importante é que visitaches Tánxer e regresaches san e salvo.

SAMIR; Bo, díxenche que me quitaron case todo, mais non todo.

Samir érguese, pon a mala na mesa e ábrea. Remexe un pouco até que quita o frasco que contiña, segundo dixo ao garda do aeroporto, unha amostra de ouriña. Entrega o frasco á súa filla.

SAMIR: Toma.

Leila recolle o frasco. Óllao.

LEILA: Que é? Perfume?

SAMIR: Ao garda da alfándega díxenlle que era unha amostra de ouriña.

Leila fai un xesto de noxo e deixa o frasco na mesa. Samir ri. Logo recolle o frasco.

SAMIR: O certo é que non é ningunha mostra de ouriña. É auga do Atlántico tomada na praia de Tánxer.

Samir volve entregar o frasco á súa filla.

SAMIR: Que me pediches que che trouxese de Tánxer?

LEILA: O cheiro de Marrocos.

SAMIR: Pois cumprín a miña palabra.

LEILA (sorprendida): Como?

Samir tende a man para Leila. A moza érguese. Samir abre o frasco. Ergue a manga da camisa de Leila e despois verte un pouco de auga sobre a súa pel.

SAMIR: A que cheira?

Leila achega o nariz ao seu brazo e cheira.

LEILA: Cheira... ao meu mar. E o mar sobre a miña pel, cheira... a Marrocos.

Leila abraza o seu pai.

LEILA (emocionada): šukran, xa baba, šukran (=obrigada, papá, obrigada)

Continúan abrazados.

PANO


© Frantz Ferentz, 2020

Sem comentários: