━ Mamá, cóntame un conto.
Era sempre a primeira tentativa de Moue. Como normalmente non funcionaba, ía á segunda:
━ Papá, cóntame un conto.
Mais era inútil, Nin o pai nin a nai querían contar contos a Moue á noite.
━ Non es grande de máis para quereres un conto todas as noites? ━preguntábanlle indiferentes o pai ou a nai, pois ningún deles estaba pronto a perder quince minutos a contar contos.
━ Mais eu teño medo. Se non me contades un conto e esperades até eu adormecer, non farei outro que pensar no monstro dos pesadelos, que mora embaixo da miña cama.
Era sempre a mesma cantiga. Moue sempre choramicaba no cuarto até que adormecía.
Os pais de Moue ouvían todo, mais non facían nada, continuaban a ollar a televisión estricados no sofá. Non lles interesaba moito aquela crianza que tiñan. Xa podía chorar até fartar. Ben podía colocar uns audífonos e escoitar contos gravados.
Mais todo mudou de repente, unha noite, cando, en vez de saloucos, os pais de Moue comezaron a ouvir risos. E logo?
Como non se interesaban moito por Moue, non foron ver por que ría, mais visto que os risos se repetían todas as noites até Moue adormecer, comezaron a estar curiosos.
Aínda que os choros de Moue non os incomodasen, os risos, por algunha estraña razón, si. Daquela, finalmente unha noite os pais xa non puideron resistir a curiosidade. Non era normal que unha crianza tan choramiqueira parase de chorar e comezase a rir todas as noites antes de adormecer.
E cal foi a súa sorpresa cando, ao abriren a porta, atoparon que Moue estaba enriba da cama e ao seu pé había unha criatura peluda, moi peluda, cun conto no colo, que lía a historia en voz alta, mentres Moue ría moi contento.
Ao entraren os pais, o monstro parou de ler e saltou embaixo da cama. Moue ollou para os pais con ar desgustado e díxolles:
━ E logo, agora si queredes contarme un conto?
━ Que era esa cousa? ━preguntou o pai.
━ É o monstro dos pesadelos, o monstro de embaixo da cama. Tornámonos moi amigos. Un día veu para aquí riba porque dicía que non aturaba ouvirme chorar. E desde aquela, vén todas as noites para me contar un conto...
© Frantz Ferentz, 2023
Sem comentários:
Enviar um comentário