sábado, fevereiro 15, 2025

A CARROZA MÁXICA



― Papá, quero montar na carroza da princesa ― dixo Agnes ao seu pai en canto pasaban por diante dunha carroza de feira a moedas, no vestíbulo do aeroporto.

Ao pai, que estaba concentrado na súa conversa polo telemóbil, non lle interesaba nada o que lle dicía súa filla, mas é verdade que a miúda foi moi insistente, e até lle turrou das calzas para baixo, que case que o deixa cos calzóns á vista.

― Papá, papá!! ― berraba a Agnes, tanto que toda a xente ao seu redor reparaba na nena e o seu pai.

O pai, embora tentase concentrarse na súa importante conversa de negocios, non puido evitar a vergoňa de ver ducias de ollos espetados nel e na súa filla. Desculpouse, portanto, da conversa e meteu a man no bolso. Remexeu e atopou unhas cantas moedas. Entregounas á filla que as tomou ansiosamente. 

O home sentou nun banco perto da carroza a moedas, e parou de se ocupar coa filla, quen rapidamente meteu unha moeda na raňura e a seguir montou na carroza.

Encanto iso, Agnes sentiu un BUIIIIMP e a carroza apareceu nun reino remoto, onde xa non era unha carroza de moedas, mas unha real, empurrada por catro cabalos brancos. Debruzouse e viu que estaba a correr por unha avenida toda chea de soldados vestidos de gala, a par doutros que facían soar tambores e cornetas de corno de touro. Ademais, ela ía vestida de princesa, toda en rosa, até os zapatos e a coroa. Ela odiaba o rosa.

De repente, a carroza detívose. Deceu coa axuda de dous paxes. Ambos acompaňaron a miúda até a presenza dos reis. Ao seu lado estaba o príncipe herdeiro, que tiňa unha barbiňa rala e até parecía que aínda comía os mucos.

― Benvinda, princesa Agnes ― saudou o rei.

― Benvinda ―dixo a raiňa.

― Hmm ―muxiu o príncipe.

Convidárona a entrar e ofrecéronlle unha cunca de café con bolachas de chocolate. A seguir, a raiňa perguntou:

― Como futura raiňa, heiche perguntar se sabes cociňar, lavar, fregar, educar os fillos...

― Queeeee? ―espaventouse toda a Agnes.

― Xa ouviches.

― E ese inútil de fillo que tendes, sabe polo menos sorber os mucos? Eu souvos unha muller do século XXI. 

― Eeeeh ―dixo o príncipe herdeiro.

E sen mais, a Agnes ergueuse e saíu do palacio deixando os monarcas de boca aberta, incapaces de reaxiren. Montou na carroza e berrou para quen for:

― Lévame con meu pai!

Voltou a soar un BUIIIIIMP. E logo a Agnes estaba de volta na carroza a moedas do aeroporto. Saiu, coas súas roupas normais e achegouse do pai, que continuaba a falar polo telemóbil, alleo a todo canto había en derredor.

― Bla, bla, bla, bla, bla...

― Papá, non sabes que?

― Bla, bla, bla, bla...

― Dásme mais moedas? ―pediu ao pai.

― Bla, bla, bla, bla...

Contodo, o pai meteu a man no bolso mecanicamente e tomou unhas moedas, mais do que antes. Deullas.

― Obrigada ―agradeceu a nena.

E axiňa voltou onde a carroza. Montou nela e inmediatamente soou o BUIIIIIMP das outras veces. Entón viuse vestida outra vez de princesa, desta vez polo menos o vestido era azul celeste. Mas non estaba soa na carroza. Xunto con ela había catro princesas mais, que non paraban de enxergala. 

― De onde saíches tu? ―perguntoulle unha princesa de vermello.

― Tu es unha plebea ―espetoulle outra princesa de verde.

Xa non houbo mais vagar. A carroza detívose e a porta abriu. Uns brazos fixeron xestos para as cinco princesas saíren. Todas as cinco saíron e seguiron un corredor entre flores, ao cabo do cual, dentro dun xardín real, se atopaba, nunha tarimba, un príncipe. Este, polo menos, era formoso e non comía os mucos.

Un personaxe da corte, talvez o visir, dixo ás cinco princesas:

― E agora, princesas, colocádevos en fila, a ollardes para o príncipe e que el escolla unha de vós coma futura esposa.

― Alto aí! ―berrou a Agnes.

Todos os ollos se espetaron nela.

― Eu non vin aquí para que me escollan como quen escolle unha mascota.

Todos ficaron de boca aberta. E antes de calquer un reaxir, recolleu as saias e voltou para a carroza. Montou nela lixeira e dixo:

― Co meu pai outra vez.

BUIIIIIMP! E a carroza voltou ser de moedas, sen cabalos a puxar dela, fixa no aeroporto. A Agnes deceu rapidamente e correu para o banco onde sentara o pai.

Mas o pai non estaba.

Ollou para os paineis dos voos e viu con horror que o avión que ían tomar xa decolara. Mas o pior era que o pai se esquecera dela!! Como podía ser tan desconsiderado! Como podía esquecer a súa propia filla no aeroporto?

Agnes estaba totalmente anoxada. Daría unha lición ao pai. Sabía que cabo dun mes voltaría por aquel aeroporto, porque aquela era unha viaxe que repetía todos os meses. 

Portanto, voltou para a carroza, mas antes de entrar de todo, dixo:

― E agora, non me leves onde che pete a ti. Lévame a algún lugar onde as princesas sexan guerreiras e teňan que salvar os príncipes.

Despois, introduciu a derradeira moeda e axiňa soou un BUIIIIMP!




© Ilustración: Yaga
© Texto: Frantz Ferentz

Sem comentários: