sábado, dezembro 16, 2006

O LIBRO MÁXICO



    A Marta era unha nena abondo travesa, ben, era o colmo da travesura. Sempre estaba a montar liortas na casa ou fóra dela. De feito, era o pesadelo dos pais. Non había día que non recibisen unha queixa da escola, dos veciños ou até do concello. Era un verdadeiro terremoto.
    Un día, cando a nai estaba xa farta de tanta falcatrúa, mandou a nena para o patio, para xogar ela alí soa un bocadiño.
    A Marta saíu toda contenta ao xardín da casa. Adoraba pasar alí horas e horas a procurar insectos, pero naquela altura do ano non os había, porque era outono.
    Comezou a remexer entre as follas, á procura dalgún insecto especial, seica un con dúas ou tres cabeza, do tamaño dunha bóla, pero o que atopou foi algo ben distinto.
    Atopou un libro.
    – Boh, un libro –exclamou a Marta­ desencantada.
    Pero para a súa sorpresa, do chan xurdiu unha voz anoxada que dixo:
    – Como que “boh, un libro”?
    A Marta case que cae do susto que levara.
    – Que estraño ser dixo iso? –preguntou chea de medo, esperando que por alí aparecese algún gnomo guitarrista, algún anano verde ou seica algún dragón en miniatura.
    – Pois eu, é que non me ves? –dixo a mesma voz.
    – Pero, quen es ti?
    – Pois o libro.
    A Marta non daba creto aos seus ollos. Un libro que falaba.
    – Pero é que ti es máxico?
    – E logo, ti que pensas?
    – Pero os libros máxicos non existen.
    – Iso dilo ti… Podes lerme canto queiras.
    – Aiou, ler, que bobada...
    – Iso é porque nunca tiveches un libro máxico.
    A Marta perdeu o medo e recolleu o libro.
    Máis ca un libro, parecía unha caixa. Tiña unhas capas moi grosas, nomeadamente a de embaixo.
    A nena entrou na casa moi silandeiramente, sen facer ruído para a nai non a sentir. Entrou no seu cuarto e choeuse nel. Deitouse na cama e puxo o libro diante dela. Despois abriu o libro e esperou.
    Axiña unha luz saíu do seu interior e comezou a contarlle historias fantásticas, sobre todo tipo de seres.
    E a cousa continuou así durante unha semana. A nena estaba fascinada con aquel seu libro máxico, que sempre escondía embaixo da almofada cando ía para a escola. E pouco a pouco, alén de escoitar os contos, comezou a ler neles.
    Certamente non todos os nenos atopaban un libro máxico no xardín todos os días.
    De feito, todas as noites a Marta adormecía na cama, co libro aberto ao seu lado.
    E todas as noites, a mamá da Marta subía ao seu cuarto, collía o libro máxico, dáballe a volta, e premía nun pequeno botón que estaba moi ben disimulado, ao lado do cal había unha placa minúscula que era case imposíbel de ler e que dicía: “Libros Máxicos Electrónicos, S.A.”.
    A mamá da Marta pagara unha fortuna por aquel brinquedo, mais pagara a pena.
© Frantz Ferentz
All rights reserved worldwide

Sem comentários: