quinta-feira, dezembro 28, 2006

Cinco fábulas de Esopo [+8 anos].- Esopo






1. A formiga e a crisálida


    Unha formiga vagaba baixo o sol ardente na procura de comida cando atopou unha crisálida que estaba a piques de se mudar. A crisálida moveu a cola e así atraeu a atención da formiga, quen viu daquela que estaba viva.
    – Coitado animal, digno de lástima –exclamou a formiga con desdén–. Que malfadado destino o teu! Mentres eu podo correr de acó para aló á vontade e, se quero, podo subir á árbore máis alta, ti estás aí presa nesa cuncha e mal podes mover o cabo da túa cola escamosa.
    A crisálida sentiu todo isto, mais non fixo por responder. Uns días despois, cando a formiga volveu pasar por alí mesmo, non ficaba nada agás a cuncha. Preguntándose que fora do dentro, viuse de súpeto envolvida na sombra dunhas ás espléndidas de bolboreta que a abanaban.
    – Contémplame agora –dixo a bolboreta–, eu son aquela túa amiga que che daba mágoa. Presume agora dos teus poderes de correres e gabeares mentres aínda me poidas escoitar.
    E en dicindo así, a bolboreta ascendeu no ar e deixándose mexer pola brisa do Verán, perdeuse da vista da formiga para sempre.
    “As aparencias enganan”


2. A formiga e o saltón


    Durante o Verán, no campo, un saltón ía choutando, cantarexando por mor do seu contento. Ao seu lado pasou unha formiga, cargada até arriba cun gran de millo que levaba para o millo.
    – Por que non vés e falas comigo –preguntoulle o saltón– no canto de cargares e te arrastrares así?
    – Estou a axudar a recoller comida para o inverno –dixo a formiga–, e recoméndoche faceres o mesmo ca min.
    – Por que hei preocuparme polo inverno? –respondeu o saltón–. Hai comida dabondo arestora.
    Mais a formiga seguiu o seu camiño e continuou coa súa xeira.
    Cando chegou o inverno, o saltón non tiña comida e atopouse que ía morrer de fame, mentres que vía que as formigas partillaban o gran e o millo que recolleran durante o Verán.
    Daquela o saltón dixo:
    "Máis vale prever os días de necesidade".


3. O camelo

    Cando o home viu o camelo pola primeira vez, espantouse del por mor do seu tamaño e liscou. Despois dun tempo, cando percibiu que era manso e xentil no seu carácter, reuniu valor para se lle achegar. Pouco despois comprobou que era un animal cun espírito inferior, de maneira que ousou pórlle unha brida na boca e permitir que un meniño o guiase.
    Os costumes serven para superar os medos.


4. O granxeiro e mais os seus fillos


    Un pai estaba a piques de morrer e quixo asegurarse de que os fillos lle prestarían a mesma atención á granxa que el mesmo. Chamounos arredor do leito e díxolles:
    – Fillos, hai un gran tesouro escondido nunha das miñas viñas.
    Os fillos, logo da súa morte, agarraron as eixadas e as pas e escarvaron con moito xeito cada recanto da súa terra. Non deron atopado tesouro ningún, pero as vides agradecéronlles a laboura cunha colleita extraordinaria e abundante.


5. Os galos pelexóns e a aguia


    Dous galos pelexaban todo feros para un deles ser o amo do poleiro. Ao cabo, un deles venceu o outro. O galo vencido retirouse e escondeuse nun recanto tranquilo, mentres que o vencedor gabeou a un alto muro, bateu nas ás e cacarexou exultante con todas as súas forzas. Unha aguia que daquela sucaba o ar reparou nel e deuno agarrado coas súas poutas. O galo vencedor saíu axiña do seu recanto e foi o amo do poleiro sen ninguén llo gurgutar.
..   "O orgullo precede a destrución".

Máis fábulas aquí

© Tradución: Xavier Frías Conde.
All rights reserved worlwide

Sem comentários: