1
O impetuoso cabaleiro Florocardo era o tipo máis admirado de todo o reino.
A princesa herdeira, Claudina, unha rapariga nova que soñaba con casar con alguén que fose todo músculo, andaba louca por el. Cada vez que vía aquela masa de bíceps, tríceps e cuádriceps pasar por diante da corte, suspiraba vinte e cinco veces por segundo.
Adorábao.
O pai da princesa, o rei Pande Sandes III "O Mol", tiña que botar man daquel saco de músculo constantemente.
Precisábao para resolver ducias e ducias de problemas que lle xurdían no reino.
Xa se sabe que naquelas épocas medievais, os reis precisaban a cotío da
axuda dos cabaleiros para resolveren cuestións que cun exército enteiro eran imposíbeis de solucionar.
E xustamente aquela era unha desas ocasións.
De feito, era a situación máis perigosa que podía afrontar o reino de Pande Sandes III "O Mol".
Tratábase da visita inesperada dun dragón perigosísimo ás terras do seu reino.
Un dragón que espantaba primeiro polo seu fedor e despois polo lume que botaba polo nariz.
E despois ría de todos, porque era un dragón fanfarrón.
Cando atravesaba un territorio, mesmo sen queimar nada, o dragón remataba coa vida que medraba ao seu redor, plantas, animais, carriza, recadadores de impostos...
Nada resistía o seu paso. Aquel fedor remataba con todo xermolo de vida.
Cinco ou seis anos a atravesar o país do rei Pande Sandes III "O Mol" e xa non ficaría nada, só un deserto.
Por iso, o rei tivo que pedir axuda ao cabaleiro Flordocardo.
Ía depositar nel todas as súas esperanzas de rematar con aquela praga...
2
O rei estaba pronto a chamar directamente o cabaleiro Florocardo para lle encargar a tarefa de loitar contra o dragón fedorento.
Porén, sabía que non podía facelo así, porque o Consello do Reino, que era un órgano de goberno moi democrático —segundo eles había que votar mesmo de que cor era a cor do papel hixiénico dos escusados reais—, estalaría en iras.
Por iso, o monarca convocou primeiro o Consello, onde lles expuxo cal era a delicada situación que habían afrontar inmediatamente.
E como era o rei, propuxo contrataren o cabaleiro Flordocardo, cuxo currículo amosaba aos presentes en catro pergameos espallados polo chan, como un tapete real que cubría media sala.
Nel figuraban todos os dragóns que xa liquidara aquel bravo cabaleiro, naquel reino e mesmo nos veciños, porque é ben sabido que os cabaleiros eran poucos e moi cobizados naqueles tempos medievais.
O rei estaba a observar a cara de pampos que puñan os conselleiros ao contemplar o impresionante currículo do cabaleiro Florocardo.
Estaba case seguro que todos aceptarían a súa proposta.
Case seguro.
Bo, xa estaba a ouvir as voces dos conselleiros a aclamaren o Florocardo.
Mais o único se sentiu na sala foi a voz do conselleiro Micronofón, que con voz potente dixo:
— O cabaleiro Florocardo? Ese tipo é só un charlatán. Eu opóñome a que el sexa o escollido para defender o reino. De feito, estou seguro de que se el nos defende, adeus reino... mesmo antes de que o dragón acabe con el.
Aquelas palabras deixaron o rei cravado no seu asento.
E o resto dos conselleiros tamén.
Entón o conselleiro Micronofón preguntou aos presentes:
— Temos, xa que logo, algún outro candidato?
3
Si había outro candidato.
E sorprendentemente, tratábase dunha anciá que camiñaba cun caxato.
Cando fixo a súa aparición no salón do Consello do Reino, os conselleiros non sabían se rir ou se chorar. No inicio todos pensaron que se trataba dunha brincadeira, que era algo preparado polo conselleiro Micronofón.
A anciá fixo a súa entrada moi devagar, apoiándose no caxato e vacilando nos seus pasos. Unha vez chegada ao centro do salón, falou aos conselleiros:
— Señores, eu podo acabar con ese dragón fanfarrón.
E entón si, entón os conselleiros estalaron en gargalladas. Aqueles risos resoaron en todo o palacio real e duraron polo menos cinco minutos. Os conselleiros non riran así desde había décadas, porque na verdade eran xente demasiado seria.
A princesa herdeira, que era testemuña de todo o que se cocía no salón a través dun cadro que representaba un egrexio rei do pasado ao cal lle perforaran dous buratos á altura dos ollos, ficou toda espantada. Non podía entender como aquela vella se presentaba para loitar contra un dragón cando o seu adorado cabaleiro Florocardo podía dar vencido aquela besta inmunda.
A anciá parecía moi encreque, mais falou aos conselleiros cunha voz rexa:
— Señores conselleiros, señora princesa herdeira, que sei que anda por aí escondida... Non se fíen da miña aparencia fráxil. Eu podo acabar co dragón fedorento e fanfarrón. De facto, eu pretendo domealo.
Os conselleiros puideron rir, mais na realidade o ton de voz daquela anciá soaba tan convincente que ninguén gurgutou. Parecían apegados aos seus asentos.
O rei só puido dicir a única cousa que era "democrática" naquel momento:
— Pois ben, que os dous candidatos se enfronten ao dragón e boa sorte...
4
O cabaleiro Florocardo emprendeu a súa titánica loita contra o dragón.
O máis importante nas batallas de cabaleiro contra dragón (e non de dragón contra cabaleiro, porque sempre vos son os cabaleiros quen atacan os dragóns e non ao contrario, sendo este un misterio aínda non resolvido) é a estratexia, isto é, coñecer cales son os puntos fortes, os puntos febles e os puntos coxegueiros dun dragón, se por acaso os tiver.
Escondido entre uns pelouros, Florocardo espreitou o dragón durante unha semana completa, anotando todo o que o animal facía.
Realmente, o dragón fedorento non facía nada case todo o día, estaba deitado na palla a tomar o sol.
Porén, cumpría manter unha prudente distancia por mor do fedor que emanaba aquela besta mesmo cando estaba toda calmiña alí deitada. Para iso, o bravo cabaleiro provírase dunha máscara rudimentaria que, polo menos, lle protexía o nariz.
De cando en vez, o dragón alzaba o voo e dedicábase a percorrer as terras veciñas arrasando por puro gusto —era ruín de coidado— e roubando algo de gado que empregaba para se alimentar.
Mais mercé ás súas observacións, o cabaleiro Florocardo deu descuberto o punto débil daquela besta panzuda. Tratábase, precisamente, da súa barriga. No centro tiña un embigo onde unha persoa podería tomar baño.
O cabaleiro soubo que, se atacaba alí, o dragón caería fulminado.
Infelizmente, cando o dragón estaba deitado, sempre o facía boca arriba, de maneira que alcanzar aquel embigo sería complicado de máis, precisaría mesmo unha escada de man para agatuñar até alí enriba, co cal o dragón notaría perfectamente que alguén lle subía ao bandullo.
Non, tería que procurar algún plan que lle permitise acceder até o barriga da besta para lle espetar a espada naquel embigo profundo.
5
E entrementres, o que facía a anciá que se presentou xunto co Florocardo para acabar co dragón?
Durante un tempo, foi pasar uns días de descanso a un balneario das montañas para se tratar a reúma, porque a coitada dela tiña problemas coas articulacións.
A vella sabía perfectamente que Florocardo estaría a vixiar o dragón durante varios días, a procurar o seu punto débil, por tanto podería, entrementres, darse uns baños de augas termais que lle axudarían a sobrelevar aquelas dores.
E como sabía todo iso a anciá? Seica era maga? Ou pasteleira?
Ese é un misterio que aínda non pode ser desvelado.
Mais sigamos coa nosa historia.
Chegados a esta altura, xa correra máis dunha semana desde que os conselleiros adxudicaran a tarefa de rematar co dragón a Florocardo e á anciá, cuxo nome era aínda descoñecido para todos.
Unha boa mañá, a vella partiu do balneario onde tomaba baños quentes e dirixiuse para o lugar onde adoitaba estar o dragón e tamén o cabaleiro que o espreitaba.
Xa se sentindo mellor, decidiu que era o momento de pór fin a aquel pesadelo que consternaba o reino de vez.
E para aló foi montada nunha burra que camiñaba ao seu paso, sen présa, dando tempo a gozar da paisaxe.
6
E que dicir de Florocardo?
Nunha daquelas sesións inacabábeis de vixía recibiu a visita da Claudina, que ás escondidas acudiu a visitar o seu namorado, disfrazada de quincalleiro, cunha carapucha que lle cubría toda a cabeza e ulindo a vino barato (iso era parte da caracterización da personaxe).
Cando o cabaleiro descubriu aquel quincalleiro acostándose a el, entrou en cólera.
Quixo previr ao tan irresponsábel mercadeiro do risco que corría, mais antes de que lle fose posíbel, o quincalleiro lanzouse nos brazos de Florocardo e díxolle:
— Cabaleiro, eu perténzovos. Ámovos desde o primeiro día.
O cabaleiro aínda non se decatara de que era a princesa disfrazada, porque ademais o mostacho da mesma non era ficticio, mais completamente real.
— Quite, quite!
A princesa quitou a capa e a carapucha e descubriuse.
O cabaleiro largou un berro.
Foi un berro agudo que atravesou toda aquela val.
Fixo as aves erguer o voo entres as árbores.
Fixo saír os aniamis terrestres dos seus cubís.
Fixo madurecer de golpe a froita das árbores.
Mais principalmente, fixo acordar o dragón, que espertou dun humor moi, moi ruín.
E o dragón axiña dirixiu a cabeza cara ao punto de onde xurdira aquel berro espantoso, todo decidido a asar o ousado que tivese a pouca cabeza de acordalo daquela maneira...
7
O dragón dirixiuse todo enfurecido cara o lugar onde estaban o cabaleiro Florocardo e mais a princesa Claudina.
Correu coa intención de fulminalos co seu alento.
Os seus pasos facían retumbar o chan como se fose unha corrida de vinte cinco mil setecentos trinta e catro elefantes, todos a manteren o paso perfectamente.
O cabaleiro axustou os seus bíceps, tríceps e cuádriceps esperando así que lle viñese algunha idea de como saír daquela situación.
A princesa agarrouse ao seu bíceps esquerdo notando aquel aceiro, talvez inoxidábel, que lle daba tanta seguridade... Coitada ela.
A siseira do cabaleiro non daba funcionado. O dragón caería enriba deles nuns segundos... Mais entón, veulle unha idea disparatada á mente.
Sen dicir unha palabra, agatuñou á árbore máis alta que había nos arredores, coa princesa agarrada ao seu bíceps, mais el nin se decatara diso.
Apañara ademais unha póla afiada que pretendía usar como lanza e espetala, desde as alturas, no embigo do dragón, para así alcanzar o seu punto débil.
O dragón seguía a súa carreira tola.
O cabaleiro espreitaba entre as follas, coa lanza improvisada xa preparada.
A princesa penduraba do bíceps do cabaleiro aterrorizada mais sen dicir unha palabra, como unha pulseira xigante.
Faltaban cen metros para o encontro.
Faltaban cincuenta metros para o encontro.
Faltaban vinte e cinco metros para o encontro.
Faltaban dez metros para o encontro.
Faltaban tres metros e corenta e catro centímetros para encontro, cando...
8
O dragón deu cos fociños no chan.
Levara un golpe que lle causou sangue nos morros.
E despois, o máis incríbel de todo, comezou a chorar coma un neno.
Claro, mancara o coitado.
Quen o ía dicir, o dragón levara un bo golpe e doíase.
Até tiña o seu corazonciño.
E que aconteceu co cabaleiro Florocardo e mais a princesa Claudina, que aínda lle penduraba do bíceps?
Simplemente, que como o dragón caera uns metros antes de ficar á altura da árbore onde se escondía o cabaleiro, este, ao saltar, voou polos ares sen alcanzar o embigo do dragón, até caer nunha poza chea de lama.
A lanza ficou espetada, mais o cabaleiro comezou a esvarar, esvarar, esvarar, até caer na lama.
Xoof
Daba noxo.
Fedía a degorrios... El e mais a princesa, porque alí seguía ela agarrada ao bíceps do cabaleiro.
A escena era terríbel.
Dunha banda o dragón a chorar por mor da dor.
Da outra, o cabaleiro e a princesa a el agarrada cubertos de lama e fedendo a degorrios.
E entón apareceu a anciá tras dunha pedra.
Ela puxera a cambadela ao dragón coa súa caxata para que tropezase e caese de morros
Contemplou a escena en silencio, remexendo a cabeza da esquerda para a dereita, desaprobando aquel enleo.
9
A anciá acougou o dragón facéndolle cóxegas na planta dos pés.
O monstro baixou a cabeza e a vella aplicoulle unhas herbas medicinais que axudaron a cicatrizar as feridas.
Despois, deulle para comer uns caramelos de menta que suavizaron enormemente o alento do dragón.
O cabaleiro Florocardo e a princesa Claudina, aínda agarrada ao bíceps, contemplaban a escena sen poder dicir unha palabra. Porén, a vella díxolles tapando os narices:
— E vostedes, váianse lavar ao río, queren?
Sen gurgutar, o príncipe enveredou para o regueiro máis próximo, sempre coa princesa a pendurar do seu bíceps.
A seguir, a vella destapou un frasco. Estaba baleiro. Despois chiscou os dedos e o dragón, ao instante, tornouse un sapo de ollos grandes, de tamaño normal.
A anciá recolleuno do chan e meteuno no frasco.
Cando o becho estivo dentro, con voz de avoa anoxada díxolle:
— Ferdinando, que sexa a derradeira vez que te dedicas a probar as miñas beberaxes máxicas. Se tes fame, esperas que sexa a hora de xantar e basta. A próxima vez non te vou salvar e deixarei que algún cabaleiro cretino coide que de verdade es un dragón e te atravese cunha lanza, ouviches?
O sapo baixou a cabeza como en sinal de arrepentemento, mais a vella sabía perfectamente que o sapo tiña unha natureza inqueda e que, tarde ou cedo, volvería a probar outra beberaxe da muller, aínda que daquela, talvez, podería converterse en mamute bailarino, rato asaltador de camiños ou canguro conselleiro real, que arranxaría os debates aos couces.
A anciá quitou unha vasoira pregábel que gardaba na faltriqueira, estendeuna, montou nela e marchou de alí polos ares sen ninguén a ver.
Cando o príncipe regresou, xa algo máis limpo mais coa princesa sempre a lle pendurar do bíceps —o coitado comezaba a cansar—, non atopou rastro nin do dragón nin da vella.
Porén, ficou contento porque así podería contar ao rei o que quixese... e que de paso lle quitase aquela filla pesada do brazo!!
10
Perante o Consello Real, despois de se botar dez litros de colonia, compareceu o cabaleiro Florocardo para dar conta de que vencera o dragón coas súas propias armas. A princesa, todo cómpre dicilo, seguía alí pendurada, mais non se sabe por que, se por propia vontade ou se porque xa non había xeito de despendurala.
O cabaleiro fixo este relato dos feitos:
— Tras semanas á espreita do dragón, descubrín que o seu punto débil era o embigo. Por iso, preparei un plano consistente en atacar o dragón cunha lanza que eu habería espetarlle no embigo. E así o fixen. Subín ao outeiro máis alto do reino e desde alí saltei, desde unha altura de seiscentos metros, sobre o bandullo do dragón, onde con puntaría certeira, espetei a lanza. E a seguir, o dragón desinflou, como unha bóla, até ficar só unha pelella que nin sequera valía a pena traer, porque daba noxo.
Os conselleiros escoitaban cheos de admiración, tamén o rei. Mais entón o monarca preguntou á súa filla:
— Filla miña, e que fas aí pendurada?
— Pai, eu amo este home. Ou casa comigo, ou eu non me desprendo del.
— Cabaleiro, xa escoitaches os desexos da miña filla.
— Xa, mais é que o seu bigote...
— Que dicides do meu bigote? —preguntou alarmada a princesa.
— Nada, nada, —tratou de se defender o cabaleiro— que é o máis suave que nunca vin... Mais eu non podo casar convosco, o meu corazón pertence a outra dama.
— Como?
A verdade é que a muller á que pertencía o corazón do Florocardo era súa mai maiciña, mais non quixo recoñecelo en público, porque quedaba moi mal que todo un cabaleiro da súa sona aínda vivise con súa nai e que ela lle fixese a comidiña que a el tanto lle gustaba, baixa en calorías, iso si.
A princesa quixo soltarse nese momento do bíceps do cabaleiro, mais xa non puido, tiña os dedos desartellados. Aquilo ía causar un problema de Estado, ía causar unha traxedia no reino. Por iso, o rei pediu en público concurso un alquimista, un compoñedor ou un ferreiro que puidese abrir os dedos da súa filla para así separala do bíceps daquel xa lendario cabaleiro.
Mais o que despois aconteceu évos xa outra historia que talvez, se nos encontramos de novo, vos hei contar.
Até a próxima!
© Xavier Frías Conde
All rights reserved worldwide
2 comentários:
Dius mos dé buonos dies
Cun tiempo yé benirei porqui más bezes:
http://baglina.blogspot.com/
Abraço
Alcides Meirinhos
Carai que até la risa se me saliu an bózios. Nun fura l sapo spirulho i arganeiro ...
... bruxas.
Enviar um comentário