sexta-feira, janeiro 14, 2011

A folga dos peregrinos [+8 anos].- XFC



1


Durante séculos, o camiño de Santiago pasara por aquela aldea, atravesándoa en liña recta.

Os camiñantes podían acubillarse brevemente baixo as follas das súas árbores nos meses de verán para así teren un chisco de frescor.

Porén, aquilo ía mudar.

Ía mudar porque o rexedor da aldea ía construír, xusto por onde pasaba o camiño de Santiago, un precioso centro comercial.

Fixeran unha oferta tentadora, tanto que foi imposíbel dicir que non.


Á xente da aldea sorprendeu aquela decisión e axiña preguntaron:

– Por onde pasará entón o Camiño?

Mais iso o rexedor xa o tiña planificado.

O camiño daría un rodeo dun par de quilómetros, arredor da aldea.

E para os peregrinos estaren contentos, mandou colocar unha área de descanso con hamacas, fontes e até aparellos de ximnasia.

Mellor imposíbel.

Aproveitando os meses de inverno, cando os peregrinos non facían o camiño, o centro comercial estivo alzado en cuestión dun mes.

Ficaba tan bonito.

Xa virían os da capital até a aldea e o negocio correría óptimo.


2




Chegou o bo tempo.

Era o momento de os peregrinos retomaren o camiño.

As primeiras ondas deles pasaron os Pireneos e comezaron a marchar polo planalto castelán despois de abandonaren Navarra.

Até que chegaron a aquela aldea.

Alí o camiño, despois de séculos, estaba cortado.

Embora houbese cartaces que indicaban o desvío e mesmo que convidaban os peregrinos a tomaren un refresco a escoller (de limón, de laranxa ou de maracuxá), todos os camiñantes paraban perante o centro comercial.

Ninguén tomaba o desvío.

Como era posíbel?

Día tras día, íase acumulando xente diante do centro comercial.

Ninguén seguía a rota marcada polo Concello, o desvío.

O rexedor, ademais dos refrescos, chegou a ofrecer a quen tomase o desvío, autocolantes luminosos, transistores en forma de vieiras e até paseos en camelo (os camelos faríaos vir do zoo da capital se era preciso).

Todo foi en van.

Cabo dunha semana, xa douscentos peregrinos estaban acampados ás portas do centro comercial que cortaba o paso do Camiño de Santiago.


3





A situación comezaba a ser insostíbel.

Os habitantes da aldea queixáronse ao rexedor, que xa non sabía o que facer.

Se cadra chamaría á policía e acusaría os peregrinos de alteraren a vida normal da aldea.

Si, iso faría. Os peregrinos non tiñan dereito ningún de incomodaren os habitantes da aldea.

En cuestión de horas chegarían os policías para disolveren os peregrinos.

O alcalde mesmo avisou das súas intencións.

Foi aínda en van.

E entrementres, outros cincuenta peregrinos uníronse ao campamento.

Había tanta xente que xa nin cabían.

Parecía un globo cheo de auga que non paraba de medrar, só que, en vez de auga, se trataba de xente.

E como un globo, estoupou.

Estoupou empurrando a xente cara ao centro comercial.

Os peregrinos caeron a cachón sobre o centro comercial.

E polo centro do centro comercial abriuse novamente o camiño.

Xa con calma, os peregrinos foron botando a camiñar para adiante.

O Camiño de Santiago estaba, finalmente, reaberto.

O centro comercial estaba, infelizmente, inservíbel.

O rexedor estaba, loxicamente, desesperado.

Por iso, desde aquela, o rexedor emigrou e dedicouse a organizar carreiras de sapoconchos en Nova Celandia, onde ninguén o coñecía.


© Texto: Xavier Frías Conde, 2011


 

Sem comentários: