quarta-feira, junho 27, 2012

O MONSTRO FEDORENTO E DONA PERIFRÁSTICA GARCÍA [+8 anos]


Unha das criaturas que poboan os lares é o monstro fedorento. O monstro fedorento, como todos os monstros domésticos, é invisible ao ollo humano, polo menos ao ollo nu, agás que el queira manifestarse, o cal acontece moi poucas veces. O monstro fedorento dedícase a se pasear pola casa a producir un fedor inaturable que causa desesperación nos seus moradores. É capaz de producir os fedores máis incribles, aínda que normalmente cada monstro fedorento –cuxa descrición non vos podo fornecer porque nunca non vin un deles– se especializa nun certo tipo de cheiros. Precisamente o monstro de que imos falar aquí, Heliótropo, é un deses. A súa especialidade era o fedor de pés.

Si, Heliótropo. Escollera desde había tres meses o lar da familia García para se pasear e deixar aquilo feito un desastre, cubrindo de fedor todo o apartamento. Os García eran o pai, a nai, o fillo maior e a filla menor. Con todo, os García tiñan un problema do cal o coitado do Heliótropo non se decatara naqueles tres meses. Os García non tiñan sentido ningún do olfacto, eran incapaces de ulir, nada de nada, toda a familia. Por iso, as roldas nocturnas e diúrnas do monstro non causaban efecto ningún nos narices da familia, porque non lles chegaba aquela peste a pés que el tan maxistralmente producía. E sabedes por que? Porque os catro membros da familia xa eran inmunes ao fedor de pés por causa do pai e do fillo, que o producían en cantidades industriais. Por tanto, o monstro non era quen de superar aquel cheiro que pai e fillo producían xuntos, aínda que si era capaz de esparexelo por fóra da vivenda da familia García.

Con todo, as cousas non eran tan sinxelas. Tanto era o afán do Heliótropo de producir cheiros que estes xa eran tan poderosos que saían do apartamento e chegaban a invadir o resto do predio de tres andares. E loxicamente viñeron as queixas dos veciños, que non entendían como podía feder tanto na casa dos García, aínda que eles aseguraban que os catro membros da familia facían limpeza total do apartamento unha vez por semana.

E Heliótropo seguía a se pasear producindo aquel cheiro a pés podres, insoportable, tan sumamente desagradable.

Até o día en que apareceu por alí dona Perifrástica. Tratábase de dona Perifrástica García, tía do pai dos García. A boa señora, á diferenza dos seus sobriños e sobriños netos, tiña un olfacto moi agudo. E un día, da que veu de visita, axiña notou aquel fedor.

– Como podedes vivir nunha casa que fede así? –preguntoulles–. É que non sabedes limpar ben e desinfectar?

Os García explicáronlle que non se trataba diso, senón que había algo que causaba aquel fedor a pés que invadía todo o predio, mais que saía do propio apartamento.

Dona Perifrástica decidiu que aquilo era unha tarefa para ela, descubrir cal era a fonte daqueles terribles cheiros e dedicouse a percorrer a casa centímetro a centímetro na procura da fonte dos cheiros. Como era de esperar, non había unha fonte fixa, porque Heliótropo se movía pola vivenda sempre a desprender aquel fedor a pés podres (e sen lavar desde había tres meses despois de suar e suar). De feito, aquilo tornouse unha persecución da boa señora tras do monstro. Aínda que ela non o podía ver, notaba como a fonte dos cheiros se movía pola casa. E foi así como decidiu pórlle unha trapa.

Calquera criatura con boca sería incapaz de se resistir ao seu pastel de amorodos con nata. Por iso, preparou un delicioso, colocouno no chan da cociña e preparou unha trapa arredor.

E foi aí onde atrapou o inxenuo do Heliótropo. Sería fedorento, mais intelixencia tíñavos pouca. Caeu na trapa, que consistía nunha campá de vidro. Alí quedou atrapado o pequeno mostro dos maos cheiros.

Mais dona Perifrástica non era unha muller cruel nin desexaba magoar calquera criatura. Simplemente quería liberar a súa familia daquela peste no apartamento. Por iso, no día seguinte meteu a campá de vidro nunha caixa de cartón e emprendeu unha longa viaxe até o outro extremo do país. Saíra á alba da casa dos sobriños sen avisar, sen dicir que marchaba e menos aínda que levaba consigo a fonte dos fedores do apartamento.
            
Despois de toda unha xornada de viaxe, chegou á fábrica de queixos da familia, que rexentaba o seu propio irmán, Hercúleo García. O negocio levaba algún tempo en caída porque os seus célebres queixos “pé de cabra” ía tempo que xa non gozaban do favor público. Perifrástica chantouse diante do seu irmán coa campá de vidro baleira e díxolle:
           
 – Irmán, confía en min. Os nosos queixos volverán a ter días de gloria.
            
Despois, abriu a campá dentro da fábrica e deixou que Heliótropo saíse. O monstro axiña comezou a percorrer as instalacións difundindo un penetrante cheiro a pés podres, dunha intensidade aínda maior que a que conseguira na casa dos García.
           
– Notas o cheiro? –preguntou Perifrástica.
           
– Noto, noto, irmanciña. O noso queixo volve a cheirar.
            
E foi así como os até daquela chamados queixos “pé de cabra” pasaron a se chamar “pé de monstro” e triunfaron no mercado de queixos aromáticos artesáns.

© texto: Frantz Ferentz
© ilustración: Enrique Carballeira



2 comentários:

Reis Quarteu disse...

Que grande imaginação tens! Adorei também esta história! :-)

Hugo disse...

Está muito giro, Xavier!