segunda-feira, maio 06, 2013

A DESGRAZA DE SER FEA [+8 anos]




Á María Cristina lle daba a impresión de que a castigaban por fea. Máis ca fea, era monstruosa. Un día tras outro, levaba un castigo. E ela estaba segura de que a mestra non a aturaba por fea.

Mais había recoñecer, en ollándose ao espello, que era fea de verdade. A xente afastábaselle pola rúa. Coitada, é que na verdade puña medo, era un verdadeiro monstro.

Até aquel día en que veu de visita unha tía remota.

Por norma, ninguén ía de visita á súa casa, todos tiñan terror. A tía observou a fealdade de meniña, mais tamén, como a mai, era curta de vista. A culpa da fealdade da nena tíñaa a mai. Precisamente levaba alí uns óculos de máis. Deullos á mai da María Cristina.

Cando a mai os puxo, comprendeu o que significaba a fealdade da filla. E en recuperando a vista, recuperou o olfacto. Porque a María Cristina ademais cheiraba a degorrios.

Meteu a filla dúas veces na lavadora. Botoulle tres litros de colonia. Penteouna cunha forca de tres dentes do avó que usaban para remexer na herba seca. Despois observouna: Parecía outra.

A María Cristina xa non era fea.

Cando volveu á escola, xa non puideron castigala por fea. Castigárona por preguizosa, porque de facto nunca non levaba feitas as tarefas.

Frantz Ferentz, 2013

Sem comentários: