terça-feira, outubro 07, 2014

A PRINCESA SAPO [+10 anos]

     A princesa Clodina, acabada de maquillar, moi guapiña ela, achegouse á pucharca e comezou a botar unha ollada ás ras que había en derredor. Procuraba unha grande e gorda, a meirande de toda a pucharca. Ao cabo atopouna a tomar o sol tranquilamente nunha rocha na beira.
    — Ola, ra. Hoxe teño que facer unha boa acción. Díxomo o meu conselleiro espiritual. Dixo que vivo como unha princesa... hi, hi, hi, hi... —e aí riu polo baixo—, mais o parvo del non se debeu dar de conta que son unha princesa...
    A ra gorda ollaba para ela mentres mexía no papo arriba e abaixo, que é o que fan as ras cando están a tomar o sol, sempre inmóbil.
    — Por tanto —proseguiu a princesa Clodina—, eu díxenme que o meu conselleiro espiritual tiña razón, que teño que me preocupar máis do resto das criaturas, mais como no palacio ninguén quere que lle axude, todos me ignoran, din que son fata, pois decidín dar un bico a unha ra para convertela en príncipe. Disque as princesas temos ese don. Eu nunca o experimentei, mais penso que si, hi, hi, hi, hi...
    A ra continuaba inmóbil a ollar para a princesa, sen sequera mover unha pálpebra, como se escoitase as sandeces da princesa atentamente. Se dalgunha maneira tiña capacidade de entender, a ra pensaría que a coitada da princesa era verdadeiramente parva.
    — Daquela, vou bicarte para te converteres nun príncipe!
    E chantou os seus beizos acabados de pintar, todo vermellos, nos beizos da ra, quen, efectivamente, ante os marabillados ollos da princesa, se converteu, previo paso por unha nubiña de fume, nun ser humano... mais non nun príncipe, senón noutra princesa.
    — Arre demo! —exclamou a princesa Clodina—. Ti non es un príncipe.
    E a princesa ra dixo:
    — Efectivamente. É que como non miraches nada, bicaches un sapo fémea, porque son unha fémea. E nin sequera son unha ra, son un sapo...
    — Puagh, que noxo.
    — Noxo o que me deu a min que ti me bicases.
    — Ai, non —alporizouse a princesa Corina, toda ferida no seu orgullo—, a min ninguén me fala así, porque mando cortárenlle a cabeza...
    — A ver, a ver — insistiu a princesa sapo—. Eu quero recuperar a miña forma normal, con que vai pensando en como me devolver a miña forma de sapo, que eu vivía moi feliz na miña pucharca.
    — Que desconsiderada es! —protestou a Corina—. Vou chamar os gardas para te decapitaren! Gardas, gardas, a min!
    Axiña correron catro gardas armados.
    — Decapitade esa princesa!
    Os gardas quedaron paralizados.
    — Princesa Clodina, estades certa? —preguntou o capitán dos gardas— Se parece que sodes vós mesma.
    — Si, decapitádea.
    Era certo, a princesa sapo, ao se converter en humana, parecía unha irmá ximelga da princesa Clodina. 
    — Ela é a impostora —dixo daquela a princesa sapo.
    A princesa sapo sorriu, puxo cariña de meniña boa, achegouse deles e chantou un bico a cada un dos gardas nos beizos. De seguida, os catro homes quedaron convertidos en sapos e correron para a pucharca na procura de moscas, porque lles estaba a entrar fame.
    — Mais o que fixeches?
    — Xa o viches —respondeu a princesa sapo—. Oi, sabes o que? Estou a gustar disto. Non vou volver á pucharca, vou quedar de princesa.
    — Ai, non, aquí a única princesa sonche eu! Vou chamar por máis gardas...
    — Vou convertelos en sapos tamén. Mais antes vou facer algo por ti...
    E sen máis, a princesa sapo chantou un bico nos beizos da princesa Clodina, a cal se converteu nunha preciosa sapiña, mantivo toda a súa realeza mesmo convertida en sapo, de maneira que todos os sapos machos da pucharca caeron rendidos aos seus pés. E a princesa quedou contenta, porque como sapa lle facían máis caso ca como humana.
    E pola súa banda, a princesa sapo abandonou os xardíns e dirixiuse ao palacio para ir tomar o almorzo. Por algunha estraña razón, tiña capricho de pastel de moscas...

Frantz Ferentz, 2014

Sem comentários: