segunda-feira, novembro 16, 2015

TRAS OS PASOS DO IETI DOS ANDES [+10 anos]



   Cando os membros da equipa de rescate alcanzaron o avión, alí na planicie no medio dos Andes, a case seis metros de altura, entre metros e metros de neve, levaron una sorpresa. Os pasaxeiros do avión estaban en perfecto estado, sobreviviran todos ao impacto, mais todos eles estaban descalzos.
   As investigacións posteriores revelaron que foran descalzados por unha criatura peluda enorme que acudiu até os restos do avións unhas horas despois do impacto. A criatura, que medía por volta de tres metros, non atacou os pasaxeiros, limitouse a ir descalzando os pasaxeiros un tras outro, sen agredilos. Só gruñía por veces, cando o calzado se resistía a saír, o cal aconteceu apenas nun par de ocasións. Feito o cal, a criatura desapareceu. Aínda que as equipas de rescate seguiran as súas pegadas, perdéronas axiña, cando chegaron a unha  zona de rochas onde xa non ficaban restos delas. E o máis estraño de todo foi que os zapatos roubados estaban todos alí, abandonados, mais non os peúgos.
   Os antropólogos tiñan unha hipótese: fora un ieti que acudira onda os pasaxeiro, mais ninguén deu comprendido cal era o seu interese no calzado e menos aínda nos peúgos. Seica o ieti usaba a la dos peúgos para se construír unha cama? Porén, era a primeira noticia que se tiña no Ecuador da presenza dun ieti, pois como é ben sabido estas criaturas só existen no Tibet, embora existan tamén outros seres parecidos na América do Norte, os chamados pés-grandes.
   A noticia foi moi comentada nas noticias. Porén, só alguén sabía que non se trataba dun ieti. Ela era dona Carmela, unha tenra avoa que se dedicara a criar criaturas estrañas durante toda a súa vida na súa casa pequena dos arrabaldes de Quito. En vez de gatos, ela sempre acollera monstriños domésticos. Sabía ben que aquela criatura peluda que moraba nas planicies a 6000 metros entre a neve era Gualdo, o seu monstro dos peúgos, aquel que lle escapara había décadas para as montañas, e que, aparentemente, se convertera nun monstro xigante... dos peúgos. Polos vistos, o frío tiña un efecto dilatador nos monstros dos peúgos, iso e fartarse a comer pelaxe de llamas alpinas, que son a materia prima dos mellores peúgos. Con todo, debía sentirse tan só, aquel pequerrecho... 

Texto: Frantz Ferentz, 2015
Ilustración: Valadouro, 2015

Sem comentários: