sexta-feira, dezembro 30, 2016

AS ÁRBORES EN GREVE


Resultado de imagen de angry trees

Personaxes

Árbore
Xardineira
Rexedor
Home de negocios 1
Home de negocios 2
Paseante 1
Paseante 2
Paseante 3
Paseante 4

O palco mostra un decorado de árbores sen follas ao fondo. No centro do palco, mais algo para tras, aparece unha árbore soa, quen de vez en cando se mexerá como empurrado polo vento. O chan, en contraste, está todo cuberto con follas de árbores.

Unha xardineira vai varrendo as follas do chan, como se  abrise camiño. Achégase da árbore solitaria. Fita para ela, dá unha volta en derredor, fica a observala. Despois quita o seu telemóbil e fai unha chamada.

XARDINEIRA: Avoa, poderías vir un instante? Aquí acontece algo estraño. As árbores amañeceron sen follas de onte para hoxe, están todas polo chan... Que dis que queres que poña o telemóbil ao carón da árbore? Para ouvires o murmurio do vento ao rozar contra as xotas? Está ben.

A xardineira fai o que a avoa lle pide. Coloca o telemóbil xunto a unha xota, na realidade o brazo do actor. Deixa alí un bocadiño o teléfono. Despois fala de novo.

XARDINEIRA: O que dis, avoíña? Que a árbore che falou? E o que che dixo? A serio? Uf, iso é moi grave. Espera, que vou chamar o rexedor.

A xardineira pendura e a seguir marca outro número. Axiña comeza a falar:

XARDINEIRA: Señor rexedor, son a Catarina, a xardineira municipal. Ten que vir inmediatamente ao bosque da Alameda, porque aconteceu algo moi estraño. Verá, hoxe de mañá, cando cheguei, todas as árbores estaban sen follas, o cal, como xa entenderá, non é normal... Ademais, falei coa miña avoa, que entende a linguaxe das árbores cando as roza o vento e...

Así que a xardineira comezou a falar, o rexedor váiselle achegando desde atrás, aparecendo por un lateral do palco. Leva o telemóbil na man e vai acompañado de dous homes de negocios, con bo bandullo e lentes de sol. Todos tres levan traxes con garabata.

REXEDOR: Bo día.

A Catarina dá un puliño e vírase. Ambos deles encerran os seus telemóbeis.

XARDINEIRA: Señor rexedor, como é que anda por aquí?

REXEDOR: Andaba por aquí a mostrar a estes señores estes terreos. Interésanlles moito, non sabe?

HOME DE NEGOCIOS 1: Si, si, un terreíño fabuloso para construír un aeródromo, tres casino e dúas autoestradas e media.

HOME DE NEGOCIOS 2: Ben, ben, e convén non esquecermos tres hoteis de luxo, dous campos de golfe e tres rañaceos.

       O rexedor e mais os dous homes de negocios rin satisfeitos.

XARDINEIRA: Señor rexedor, di a miña avoa que acontece coas árbores é que están en greve.

       O rexedor e os dous homes de negocios rompen a rir ás gargalladas. A xardineira fica inmóbil ao seu carón, a observalos.

XARDINEIRA: Élle así, señor rexedor. Ela coñece esa linguaxe. Di que as árbores fartaron de seren cortadas, queimadas e que por riba degrademos todo ao seu redor, deixando toneladas de lixo aos seus pés. Por iso, puxéronse en greve e deixaron de crear oxíxeno para respirarmos. Dixeron que non limparán mais a atmosfera mentres non as respectemos.

     Os dous homes e o rexedor rin novamente, mais afástanse, saen do palco. Entre tanto, catro paseantes entran no palco, dous por cada lado. Da que tocan o palco, murmuran entre eles acenando para o chan. A xardineira, entrementres, continúa a varrer sen vontade. Os catro paseantes acaban reuníndose coa xardineira no centro do palco.

PASEANTE 1: Bo día, xardineira. O que é que aconteceu aquí? Que fan todas esas follas polo chan? Están as árbores doentes?

XARDINEIRA: Pois non, élle que as árbores están en greve de oxíxeno.

PASEANTE 2: Greve de oxíxeno?

PASEANTE 3: Eu acredito iso. O meu avó tamén me dixo que ouvira as árbores lamentárense entre elas polo mal que son tratadas por nós.

PASEANTE 4: E como as entende o seu avó?

PASEANTE 3: El sabe interpretar o rumor que fai o vento ao rozar nas árbores, con follas ou sen elas.

PASEANTES 1, 2 y 4: Aaahhhh

XARDINEIRA: A mesma cousa dicía a miña avoa. Coido que deberíamos facer algo, certo?

PASEANTE 2: Mais o que?

XARDINEIRA: Acontece que o rexedor quere serrar todas as árbores e permitir que constrúan non sei cantas cousas no espazo desta fraga.

PASEANTE 2: Que bárbaro, mais non será para tanto.

PASEANTE 2: Pois eu penso que si, que isto é unha cousa ben seria.

     De súpeto, as cinco persoas que están no palco rompen a tusir. Levan a man á gorxa. Fican sentadas no chan, respiran con dificultade. A xardineira aínda fai un esforzo, érguese, quita o telemóbil e pono ao carón da árbore que está no centro do palco ao fondo.

ÁRBORE: Señor rexedor, volva inmediatamente para a entrada da fraga.

       A xardineira déixase caer no chan e fica deitada. Os catro paseantes xa están deitados no chan, respiran con moita dificultade, arfan.

       Enseguida chega o rexedor cos dous homes de negocios. Entran polo mesmo lateral por que saíran. Frean bruscamente ao ver aquela xente deitada no chan.

REXEDOR: Que pasa aquí?

       A xardineira aínda fai un esforzo e consegue falar.

XARDINEIRA: Non queda oxíxeno.

REXEDOR: Árbore, ordénoche devolveres o oxíxeno.

ÁRBORE: E logo? O que fixeches ti por min? Desprotexerme, encherme de lixo, acabar cos animais que viven aos meus pés, permitir que me queimen?

REXEDOR: Daquela, ti es o líder desta revolta, eh? Heite queimar... cof, cof, cof (o rexedor sente que lle comeza a faltar o ar).

ÁRBORE: O lume precisa de oxíxeno para arder. E ti precisas de oxíxeno para respirar.

XARDINEIRA: Árbore, tes toda a razón. Por favor, perdóanos.

ÁRBORE: E quen me garante que non faredes a mesma cousa no futuro?

XARDINEIRA: Vou falar con todos os veciños. Imos elixir outro rexedor, un rexedor que nos apoie no respecto á natureza.

ÁRBORE: Non me fío.

       Os catro paseantes axeónllanse e falan.

PASEANTES: Nós concordamos con ela. Iremos agora mesmo para a vila e faremos unha asemblea. Traeremos aquí toda a xente. Ti mesmo poderás falar con todos.

ÁRBORE: Sexa.

Todos os personaxes respiran normalmente outra vez. Érguense do chan. A árbore volve a se cubrir de follas.

JARDINERA: Graciñas, árbore.

ÁRBORE: Non haberá outra oportunidade. Cumpride a vosa palabra.

REXEDOR:   É que toleastes? Non vedes que todos na vila podemos ser ricos.

XARDINERA: Señor rexedor, dígame, de que lle servirá tanto diñeiro se está morto?

Os catro paseantes abandonan o palco, mentres o rexedor e mais os dous homes de negocios fican sós no palco. A obra conclúe co riso da árbore, que soa coma o sopro da brisa.

TELÓN

© Frantz Ferentz, 2016


Sem comentários: