terça-feira, março 31, 2020

ÍNGRIDO, CABALEIRO MATADRAGÓNS

Desenho de Cavaleiro com espada e escudo pintado e colorido por ...

Íngrido era un cabaleiro matadragóns.
Gañaba a vida a pór a súa espada ao servizo de reis e nobres que tiñan problemas cos dragóns, os cales lle daban diñeiro por liquidar aqueles bichos que queimaban todo ao seu paso.
Porén, ultimamente o negocio ía algo baixo.
Ficaban poucos dragóns e, por tanto, os reis e nobres non contrataban os servizos de cabaleiros coma el.
Mágoa.
Un día, da que Íngrido tomaba o seu baño semestral (un bo cabaleiro só se baña un par de veces por ano no máximo, porque o fedor fai parte da súas estratexias de caza, o cal é algo que eu non dou entendido, mais en fin...), caeu nas súas mans algo que era o equivalente ao xornal daquela época.
Tratábase dun bando, mais non ía formado polo rei, que é o normal, mais tratábase dun bando asinado por un tal Lupubrún que dicía así:

Procúranse cabaleiros matadragóns
abertos a se enfrontar cun só dragón
de modos alternativos, sen espadas,
escudos, nin todas esas zarapalladas.
Achéguense á cova da Kola-Kola
de preferencia ben cedo á primeira hora.

A cova da Kola-Kola era un lugar sinistro onde nin os máis ousados entraban, porque dicían que estaba embruxado.
Porén, o noso cabaleiro quería mellorar o seu currículo.
Tiña que demostrar que el era quen de ir á cova da Kola-Kola e enfrentarse ao dragón que alí dicía o bando que agardaba por un cabaleiro capaz de se lle enfrentar sen espada nin escudo.
E para aló que foi.
Tivo que atravesar desertos, fragas vizosas, montañas nevadas, ríos... até que alcanzou a illa Simpática, que de simpática só tiña o nome, no medio do lago Fontenteira, cuxas augas eran consideradas venenosas.
E alí, naquela illa, era onde se atopaba a cova da Kola-Kola.
Atravesou as augas do lago despois de pagar unha fortuna ao único barqueiro que ousaba sucar aquela superficie.
Pasou a noite ao pé do esqueleto dunha vella árbore que parecía rañar na lúa.
Tivo que esperar ao amañecer.
De fronte, erguíase no centro da illa o antigo volcán Ukululu.
Na metade da aba abría a entrada.
Íngrido deixou a súa armadura, escudo e espada no chan e comezou a subir.
Durante o camiño pensaba en como sería o desafío: ¿loitar coas mans, kungfú, a ver quen duraba máis aturando a respiración, unha guerra de peidos...?
Cando finalmente chegou á entrada da cova, entrou.
Camiñou uns pasos e axiña atopouse co dragón deitado nun recanto.
Cando o dragón o viu entrar, ergueuse e presentouse:
– Benvido, cabaleiro, eu son Lupubrún.
– Daquela, ti es quen asinou o bando.
– Exacto. Estou á procura dun rival digno de min. Serás ti?
– Probemos –dixo Íngrido.
– Acompáñame.
O cabaleiro seguiu o dragón pola cova até chegaron a unha galeria inmensa. 
No centro había algo oculto cun enorme cobertor. 
O cabaleiro pensou que se trataría dunha pista de fango.
Estaba certo de que, se o fose, vencería o dragón.
Nese momento, o dragón puxo uns anteollos e retirou a coberta.
– Que degorrios é iso? –preguntou Íngrido ao ver unha mesa con figuriñas arrombadas enriba.
– Iso? Iso é un taboleiro de xadrez. Escolle, pretas ou brancas?

© Frantz Ferentz, 2020

Sem comentários: