quarta-feira, março 10, 2021

O ESCÁNER QUE SABÍA DE MÁIS


 

Personaxes:


  • GARDA 1, cunha barba moi longa e descoidada.

  • GARDA 2, tamén de barba longa e descoidada.

  • XEFE dos gardas, igual que os outros dous.

  • RAPAZA

  • Persoas varias na fila


Lugar: sala dun aeroporto cun arco de seguranza.



ACTO ÚNICO


Arco de seguranza dun aeroporto. Hai dous gardas, un adiante do arco e o outro atrás. O arco vese lateralmente. Diante del hai unha RAPAZA. Por tras dela, esténdese unha fila con varias persoas que esperan pacientemente.

GARDA 1: Pase o seguinte [facendo un aceno para a seguinte persoa na fila].

A RAPAZA comeza a camiñar. Pasa por baixo do arco. Así que pasa, o arco pita.

O GARDA 1 fecha o camiño á RAPAZA. Faille un xesto para retroceder. Ela obedece, pasa novamente por baixo do arco, desta a camiñar de costas. O arco apita.

O GARDA 2 toma unha cesta e colócao diante da RAPAZA.

GARDA 2: Coloque todo canto ten nos bolsos neste cesto. Debeu deixar algo nos bolsos que fai que o escáner apite.

A RAPAZA mete as mans nos bolsos. Quita aínda un mollo de chaves. Colócao na cesta.

GARDA 2: Pase outra vez.

A RAPAZA pasa novamente por baixo do arco. O escáner volve a apitar.

O GARDA 1 repite o xesto para a RAPAZA retroceder. Ela obedece, a camiñar de costas. Novamente apita o escáner.

GARDA 2 [coa cesta na man]: A ver, debeu deixar algo enriba que apita. Unha cadeíña, se cadra?

A RAPAZA leva as mans ao pescozo e quita unha cadeíña cunha medalla e póusaa na cesta.

O GARDA 1 fai un aceno para a RAPAZA repetir o movemento pola terceira vez. Ela faino e novamente o escáner apita.

O GARDA 1, con xestos airados, move as mans diante da RAPAZA para ela retroceder novamente. O escáner torna a apitar.

GARDA 2 [xa nun ton que comeza a soar a enfastío]: Eu xa non sei. A ver, deixe os zapatos na cesta.

Na fila, os pasaxeiros comezan a se impacientar. Óuvense queixas.

PASAXEIRO 1: Todos temos un avión para tomar.

PASAXEIRO 2: Eu teño que ir ao baño, que teño de facer pipí.

PASAXEIRO 3: Non é esta a fila supermercado?

GARDA 2 [en ton moi autoritario]: Xa chega! Calen todos a boca!

Silencio absoluto. A RAPAZA quita os zapatos e colócaos na cesta. A seguir, pasa por baixo do arco. E novamente apita. 

A RAPAZA nen espera polo xesto do GARDA 1 e xa retrocede.

GARDA 2 [ao GARDA 1]: Non entendo. Xa non pode ter nada que apite. Hai que avisar o xefe. El saberá o que facer.

O GARDA 2 toma o seu radioteléfono, que leva suxeito no cinto e chama.

GARDA 2: Xefe, veña, que temos un problema... Non, non é iso. Veña, por favor, porque xa se está a formar unha fila considerábel.

O GARDA 2 fai un aceno á RAPAZA para se pór a un lado. Pasan dous pasaxeiros sen o escáner apitar.

Chega o XEFE dos gardas. Acariña a barba. Camiña con ares de superioridade. Achégase ao GARDA 2.

GARDA 2: Trátase desta pasaxeira. Penso que xa non leva nada de metal, mais aínda así o escáner apita a cada vez que ela pasa por baixo.

O XEFE fai un aceno á RAPAZA para ela pasar por baixo do arco. Ela accede. Como cabe esperar, o escáner apita.

GARDA 1 [ao xefe]: Viu?

XEFE [leva a man para abarbadela, pensativo]: Vin.

O XEFE observa o arco. Axiña larga unha gargallada que espanta os gardas e até a xente da fila, que dan un paso atrás.

XEFE: Ai, parviños, que non se decataron. Como se ve que non estudaron ben os sinais do escáner. Esta máquina ten unha precisión absoluta [fai un aceno ao GARDA 2].

O GARDA 2 pasa o arco, que apita. O XEFE acena para a parte superior do arco. Pregunta ao GARDA 2.

XEFE: Que luz se prendeu?

GARDA 2: A vermella.

XEFE: Moito ben. [Á RAPAZA]. Pase outra vez.

A RAPAZA obedece. Así que atravesa o arco, o escáner apita.

XEFE [aos gardas, tratándoos como se fosen un chisco parvos]: E agora, que luz prendeu?

GARDAS 1 e 2 [A par]: A azul.

XEFE [sempre en ton condescendente]: Exacto. Moi espelidos. E que significa a luz azul?

Os dous gardas encollen os ombros.

XEFE: Significa que quen pasa por ese arco e provoca que a luz azul prenda transporta algo moi, moi perigoso. Ollen para esa rapaza.

Os dous gardas ollan para ela inclinándose. Ela continúa queda de pé.

XEFE: O que notan?

GARDA 1: Que é muller.

GARDA 2: E iso é perigoso, non si?

XEFE: É, mais a luz azul non prende por iso, prende polo que ten na cabeza.

Os dous gardas ollan novamente para a RAPAZA, agora a repararen na cabeza dela, mais non ven nada de estraño.

XEFE: Aínda non descubriron cal é o perigo?

GARDA 1: Non...

GARDA 2: Non.

XEFE [a acenar para a RAPAZA co dedo]: Que ela ten un cerebro que funciona nesa cabeciña.

GARDA 2: Mais todos temos un cerebro, non si?

XEFE: Mais non un cerebro con ideas propias! Ela pensa por si mesma! Iso é un risco. E na nosa patria non admitimos persoas así. Axente [ao GARDA 2], acompañe esta moza de volta para a sala de embarco, que regresará para o seu país no seguinte voo dispoñíbel.

O GARDA 2 achégase da RAPAZA e acénalle coa man o camiño. Ela atravesa o arco que apita novamente e ambos desaparecen polo lateral oposto do arco de seguranza.

Entrementres, o seguinte pasaxeiro da fila atravesa o arco, mais o arco non apita, simplemente, larga unha gargallada.


PANO

© Frantz Ferentz, 2021

Sem comentários: