sexta-feira, janeiro 07, 2022

AO OUTRO LADO DO PATIO

 

 A Xulia tivo que acompañar o pai, importante funcionario encargado de cuestións de inmigración.

Naquel dia, ela levaba un lindo vestido de seda con flores pintadas. Lindo. A Xulia nunca acompañaba o seu pai a aquel local estraño onde el traballaba, porque dicían que era feo e cocho, mais daquela era sábado e a mamá estaba doente, por tanto o papá tivo que levar consigo a nena. Xa a avisara que tería que ficar todo o tempo no seu escritorio, sen saír de alí, que tiña de se comportar como unha boa nena. A rapaza non sabia exactamente cal era o traballo do pai. Tiña ouvido dicir que el era o director da Axencia para o Control da Inmigración. Aquilo parecía moi importante. Ademais, cando as persoas falaban con el, co pai, tratábano con moito respecto. Alén diso, cando ía para o traballo, o pai vestía un bonito uniforme, cunha gorra que tiña no medio un escudo moi curriño. A Xulia gustaba de ter un pai tan importante. E así, naquel dia, a Xulia alí ficou, no escritorio do pai, chea de tedio. O pai apenas lle deixara unhas follas de papel e uns lapis de cores para a rapaza facer debuxos. El dixo que tiña que participar nunha reunión e que volvería despois para levala a xantar. Que pouco a coñecía o pai. E libros, había calquera que lle interesase? A nena deu unha vista de ollos polos andeis, até a altura a que a súa vista alcanzaba. A simple idea de estar alí todo o día comezaba a enfastiala. Xa non sabia para onde ollar e nin tiña vontade de facer debuxos, como se ela fose unha nena de cinco anos. Xa tiña dez! Cando será que o seu pai se decataría diso? E foi daquela que só lle faltaba un punto onde fixar a súa atención: a xanela. Nin podía imaxinar que do outro lado se abría un mundo diferente. Ducias de persoas, case todas de raza preta, camiñaban polo patio a dar voltas, sen rumbo, sen calquera interese, ao sol. A nena notou os seus rostros tristes, por veces famentos. Mais logo encontrou algo que chamou a súa atención: a poucos metros por baixo da xanela, varios rapaces da súa idade brincaban cunha caixa de cartón. Ela non podía ver moito ben que tipo de brinquedo era aquel, unha simple caixa de cartón. E nese instante entrou o pai da Xulia. Viu a filla a ollar pela xanela, mais non achou que aquilo fose algo grave. — O que estás a ver, meu tesouro? — As persoas alá fóra... Por que é que elas están aí, prisioneiras? Algunhas están mesmo moi tristes... O pai non quixo expresar as cousas do punto de vista dun adulto. Ela, a Xulia, era aínda moi miúda para entender certas cousas, mais se cadra era unha óptima ocasión para lle explicar as verdades da vida. — Esas persoas teñen de estar aí porque entraran no noso país sen permiso... Por tanto, fican á espera de ser devolvidas para os seus países, porque as persoas non poden viaxar para onde queren e cando queren. Cada persoa ten o seu país e ten de vivir nel — explicou pacientemente o pai. — Daquela, por que é que o avó di que coñece moitos países de África e da Europa? Por que é que ele pode viaxar e estas persoas non? Demasiado complicado. Bastaba unha resposta simple: — Porque é así... A nena fixou os seus ollos no pai. Non comprendía a lóxica de «as cousas son así por que si». Pola súa banda, o pai non quería usar os argumentos “políticos”, os que dicían que os inmigrantes só viñan ao país para roubar o traballo aos cidadáns dese país. Por iso, utilizou un argumento que el pensou que a nena podería comprender perfectamente. — Olla, filliña. Os inmigrantes son persoas rudas e ignorantes. Eles non saben nada. Son como os animais. A serio, son como os animais da selva, eles son mesmo un pouquiño selvaxes... A Xulia continuou a ollar pela xanela. Selvaxes non parecían, soamente tristes, moi tristes, mesmo cansos. Todos, excepto os meniños ao pé da xanela, que continuaban a brincar coa caixa de cartón. Até sentiu certa envexa deles, porque ela nunca se divertía tanto. O pai colleu un cartafol que tiña vindo buscar e dixo á nena: —Volvo así que poida. Pórtate ben, está ben? E faime un debuxo lindo... Un debuxo lindo. Desde cando o papá se interesaba polos debuxos? El nin mesmo sabia que a Xulia do que realmente gustaba era explorar, si, ela quería ser unha exploradora, se cadra, doutros mundos e descubrir novos planetas. Debuxiños... A rapaza volveu ollar pola xanela. Os risos chegaban até ela moi nitidamente. Abriu a xanela e estricou o corpo para tentar ver mellor o que é que aqueles rapaces facían que tanto os divertía. Por baixo da xanela do escritorio do pai había unha especie de plataforma, como un teito, a unha altura de cerca de tres metros por riba do chan. A Xulia sentía unha curiosidade inmensa por coñecer a razón do divertimento deles, polo cal saltou até ao teito. Alí deitada, puido contemplar a cena que se desenvolvía por baixo dela. Tres rapaces pretos xogaban cunha vella caixa que probabelmente apañaran do lixo da cociña. Atravesaran as paredes da caixa con catro barras que eran totalmente rectas, excepto no medio, onde formaban unha especie de “V”. Encontraran, sabe Deus onde, unha bóla de golf e usábana coa caixa. De facto tiñan construído un futbolín. Era curriño aquel brinquedo. A Xulia estaba a gustar moito del, mais non se atrevía nin a respirar para non ser ouvida por ninguén. Porén, algo aconteceu que fixo que a meniña entrase na cena, mais non foi a mantenta. Nun dos movementos cunha das barras, a bóla gañou un impulso tan grande, que saíu a voar e alcanzou o teito sobre o cal a Xulia observaba a partida. Os rapaces seguiran a traxectoria da bóla por riba das súas cabezas e foi así que descubriran a presenza daquela nena que os observaba de riba. A Xulia apañou a vella bola de golf e despois guindouna para eles. Os rapaces sorrían. Tiñan uns lindos dentes branquísimos. Un deles preguntoulle: — Queres xogar connosco? A Xulia non respondeu. Sabía que non podía baixar soa daquela altura. Mais antes que ela dixese algunha cousa, outro dos rapaciños dixo aos colegas: — Daquela, como ela vai xogar? É unha nena! Non entende de fútbol... Aquelas palabras enfastiaron a Xulia. — Eu sei tanto de fútbol coma ti, ou até máis! —protestou ela. Mais ficou así, de xeonllos sobre o teito sen saber o que facer a seguir, porque non se atrevía a baixar de alí. Porén, o primeiro dos rapaces entendeu moito ben o que pasaba. Sen dicir unha palabra, lanzouse para a tubaxe que baixaba pola parede e comezou a gabear cunha grande axilidade. En poucos segundos estaba ao lado da nena. — Axúdoche a baixar — ofreceu o neno estendéndolle a man. A Xulia aceptou o convite, mais antes preguntoulle o seu nome. — Sarandé. — Eu, Xulia. O rapaz sorriu e a Xulia puido ver outra vez aqueles dentes branquísimos. A nena cruzou os brazos até envolver o peito do neno. Cando ele sentiu as mans dela a cargar sobre o seu peito, volveu para a tubaxe e baixou en cuestión de segundos, tanto que a Xulia nin se decatou que xa estaban no chan. Os outros dous rapaces aproximáronse a eles. O Sarandé presentounos: — Este é o Xicalué e este, o Rufus. E novamente grandes sorrisos branquísimos. O Rufus era quen desafiara a Xulia sobre fútbol, mais non foran necesarias palabras, porque axiña xa estaban os tres nenos e a nena a xogar ao fútbol co futbolín. O vestido de seda bonito da Xulia ficara todo porco, desgastado, como se tivese vivido alí había varias semanas. Así até pasaría desapercibida para os gardas do recinto. Despois de teren xogado dez minutos, un home achegouse aos rapaces. Era tamén africano, movía os pés devagar, a arrastralos. Debía medir case dous metros e tiña os cabelos moi curtos, mais mesmo así se vía que eran brancos. Tiña tamén barba, medio branca, medio preta. Ficou ao lado da Xulia. No seu triste rostro creceu de repente un sorriso tenro mentres dicía: — Nena linda... A Xulia ollou para el, de feito estaba un chisco asustada. — Non teña medo, nena — dixo o home que notaba o medo na nena —. É que eu teño unha filla que debe ter a súa mesma idade. — Teño dez anos... — Ela tamén... — Chámome Xulia. — Lindo nome, como a meniña. A miña filla chámase Samira. — E non está aquí co señor? — Non, está alá lonxe, en África. Hai xa tres anos que non a vexo —dixo cheo de tristeza o home—, mais como me van devolver ao meu país, axiña vou vela outra vez... A Xulia notou unha mestura de tristeza e de alegría na voz daquel home, mais non percibiu a razón daquilo. E sen máis palabras, continuou a súa camiñada ao redor daquel patio onde os inmigrantes ilegais estaban prisioneiros á espera de seren repatriados, devolvidos para o seu país así que o pai da Xulia recibise un mandado, mais iso a nena non o sabía. Despois diso, a Xulia continuou a xogar con os seus tres novos amigos. Nin soubo do tempo que alí pasou. Nunca se esquecería daquela mañá tan intensa. Nin se decatara de que tiña fame. Ela non, mais o seu pai si. E foi precisamente a fame que fixo que ela fose descuberta. Aconteceu que o pai da Xulia foi buscar a filla cando chegou a hora do almorzo. Pensaba levala con el á cantina dos xefes. Entrou no seu escritorio cun gran sorriso, até xa tiña preparado o que ía dicir. Seria: «Miña princesa, imos almorzar», mais dito cun ton xovial, amigábel. Porén, a frase ficou conxelada nos seus labios cando abriu a porta e viu que a filla non estaba no escritorio. O seu primeiro pensamento foi que a rapaza tiña sido secuestrada, pois a xanela estaba aberta. Aqueles criminosos ían pagar caro por aquela atrocidade. Debruzouse pola xanela. E logo sentiu as gargalladas da filla, ali mesmo ao pé do seu escritorio. Como era posíbel. O director da Axencia de Control da Inmigración saíu do seu escritorio como un foguete e polo camiño fixo un sinal a dous gardas para o seguiren. En poucos minutos irromperan no patio. Aquela entrada repentina do propio director do centro, acompañado de dous homes armados, fixo que todas as persoas que estaban ali naquel momento se detivesen, tamén a Xulia, que fitou para o pai. A nena comprendeu axiña o que pasaba. O pai camiñaba contra ela moi de présa. Ela dixo aos tres rapaces: — Marchade! Rápido! Os nenos obedeceron. A Xulia aínda tivo unha ideia: deu un puntapé á caixa de cartón convertida en futbolín e afastouna de alí. Sabia que así os rapaciños poderían continuar a xogar cando ela xa non estivese. E, como era de esperar, o pai agarrou o brazo da filla e arrastrouna para fora de alí sen dicir unha palabra. Despois, moito demorou o pai da Xulia até que falou coa nena. De feito, foi só cando chegaron á casa que o pai comezou por contar á mai doente como a nena desobediente escapara para xunto dos inmigrantes, que son persoas perigosas. A nena era unha inconsciente. Non entendía que a súa vida correra perigo, que lle podían ter feito calquera cousa, porque os inmigrantes son xente que rouba e fai mal. A Xulia ouvía todo aquilo e mordía os beizos. Non tiña coraxe de responder ao pai, porque o pai era un home moi grande e lle metía respecto. Mais ela non acreditaba no que el dicía. De feito, despois de dez minutos sentada ao pé da cama ao lado da mai, sentindo as súas caricias, aínda que estivese doente, a nena deixouse guiar pola súa fantasía e recreou un campionato de futbolíns en caixa de cartón con bolas de golf. Mais a voz do pai, que naquel momento aumentara de volume, tróuxoa de volta á realidade. O pai dixo: — Oi, nena, olla, tes o teu quarto cheo de brinquedos, tes todo o que calquera nena pode desexar. O que é que tiñan aqueles rapaciños para teres ido con eles? Di, porque eu che compro o que queiras... E daquela a Xulia ergueuse da cama ao lado da mai e dixo toda seria ao pai: — Imaxinación. Podes mercarme imaxinación? O pai calou e saíu do cuarto para ir buscar unha cervexa. A Xulia volveu para o lado da mai, que novamente se puxo a acariñarlle a cabeza.

© Frantz Ferentz, 2013

Sem comentários: