quarta-feira, maio 25, 2022

ACONTECEU EN PUNGULOMA

 

O señor Smith guiaba o seu auto de aluguer por aquela estreita estrada da provincia de Tungurahua no Ecuador. 

Cada vez que se atopaba cun auto tiña que moverse cara a un lado, mais en máis dunha ocasión case caíu para o río, que despois de tanta choiva estaba moi alto.

Entón, alcanzou un autobús que ía lentamente por aquela estrada de Ambato a Punguloma. 

Imposíbel ultrapasalo, a estrada estaba chea de curvas.

Segundo o navegador do auto, quedaban 35 km, mais a esa velocidade e co autobús por diante podían significar dúas horas.

Foi entón cando lle volveu a conversación que mantivo había cinco días en Washington cun dos responsables da organización en que traballaba, chamada Anvil.

Aquel xefe, chamado Mr. Booth (probabelmente ese non era o seu verdadeiro nome, mais así o coñecían todos) díxolle do andar corenta e cinco dun rañaceos do centro.

— Smith, confiamos en vostede cegamente. É o noso mellor activo, sobre todo sen faltas detrás del. Por iso, precisamos de vostede. A nosa organización quere poñer un pé en Ecuador, comezando polas comunidades humildes da Serra. Cómpre que a xente máis humilde se sume á nosa causa e a partir de aí espandérmonos por todo o país. Por este motivo, organizamos todo para que vaia como profesor substituto a unha comunidade de Tungurahua, no Ecuador.

—E que pasou co profesor? —preguntou o señor Smith.

— Nada ruín, non se preocupe. Ofrecémoslle unha viaxe a Disneylandia para el e a súa familia. Despois negociamos co Ministerio da Educación para que vostede o substitúa.

Certamente, pensou o señor Smith, Anvil non reparaba en despesas. O feito de confiaren nel era normal, porque ninguén tiña o seu rexistro de gañar a confianza de comunidades enteiras para a causa, sobre todo cando se trataba de persoas humildes en lugares remotos do planeta.

Así foi que, poucos días despois, o señor Smith, que da noite para a mañá virara mestre de primaria, ía camiño de Punguloma.

Conseguiu perder de vista o autobús ao virar pola estrada secundaria que subía á cidade. Mais se antes se queixara das curvas, agora había máis, moitas máis, moitas máis. Ademais, tiña que evitar a xente que camiñaba pola estrada con burros.

Non fixo máis que subir. A estrada que deixara atrás estaba a 2.500 metros sobre o nivel do mar, mais Punguloma estaba a case 3.300. A suba foi selvaxe, cunha estrada que zigzagueaba até provocar náuseas aos pouco afeitos.

Mais o peor de todo foi que, pasado un momento determinado, o sinal do telemóbil desapareceu. E con el o navegador. Ficou sen saber moi ben para onde ir. Todo o monte estaba cheo de casas que parecían querer formar aldeas, mais era imposíbel adiviñar onde estaba Pungulomba. Ademais, a estrada non só andaba en zigzague, senón que había cruzamentos e saídas laterais por todas partes. 

Isto obrigou o señor Smith a se deter de cando en vez para preguntar onde estaba Punguloma. Que malleira. Mais a xente era moi amábel, case sempre lle dicían sinalando para diante:

— Continúe, continúe.

De todos os xeitos, despois de máis de catro horas de saír de Ambato, chegou á praza de Punguloma, onde había unha serie de pequenos predios, en realidade salas de aulas, que compuñan a escola. Non era, por tanto, un só edificio o que formaba a escola, senón salas de aula independentes. No centro da praza había un campo de fútbol, ​​onde os rapaces maiores xogaban unha partida.

Mal estacionou o auto, un home con bigote apareceu e dirixiuse apresuradamente ao señor Smith.

— Bo día, meu señor. Son Alejandro Buri, o director do colexio. Vostede debe ser o señor Smith.

— Si, son eu.

Os dous déronse a man. Mais entón o director Buri comentou nun ton non tan amigábel:

— Señor Smith, a nosa hora de inicio das clases é ás 7. Vai tres horas tarde. A estrada de Ambato está a unha hora co auto... Xa sabe a que me refiro.

Ese comentario non gustou nada ao señor Smith. Mais cando toda a cidade caese baixo o control de Anvil, ese tipo ía saber quen era el. Porque, de certo, chegaría a ser o novo director, ben, o amo da aldea, porque el sería o encargado de pór orde, mais, polo momento, tería que aguantar que aquel tipo lle largase aquelas impertinencias.

— Veña, voulle presentar a profesora Miño —dixo despois o director Buri.

Os dous homes camiñaron cara a un dos edificios. O director abriu a porta sen máis, non se molestou mesmo en chamar.

Dentro, un grupo de quince alumnos seguía unha aula coa profesora Miño. A visión da muller chamou a atención do señor Smith. Era unha miúda, vestida cun vestido cincento inocuo e gastado. Tiña o cabelo curto e lentes redondos.

A profesora Miño debía estar bastante afeita ás interrupcións do director, así que só sorriu tímidamente ao director mentres lle dixo:

— Si...

— Profesora Miño, este é o novo profesor, o señor Smith.

Ela tendeu unha man que parecía un peixe morto. O señor Smith sacudiu lixeiramente a man.

A mestra fixo un aceno aos nenos que saudaron ao unísono:

— Bo día, señor profesor, que Deus o bendiga, benvido a Punguloma e que Deus guíe todos os seus pasos.

O señor Smith non esperaba tal benvida, mais encaixaba cos plans de Anvil, e esa profesora coa man dun peixe morto podería serlle de utilidade.

O director Buri díxolle entón:

— Os seus alumnos de oitavo están no campo a xogaren fútbol.

Ambos saíron da sala de aula da profesora Miño, que retomou a súa lección coma se nada pasase.

Fóra, os rapaces de oitavo xogaban fútbol, ​​mentres as nenas conversaban á sombra dunha árbore.

— Ese é o seu grupo —sinalou o director Buri.

O director bateu as mans e chamou polos rapaces, que cesaron as súas actividades e achegáronse ao centro do campo, onde xa se colocaran os dous profesores.

— Rapaces, este é o voso novo profesor, o señor Smith.

Os nenos e nenas fitaban para aquel tipo alto de cabelo e ollos claros.

— Ben, agora xa todo depende de vostede —espetou o profesor Buri de súpeto e volveu ao seu gabinete

Cando o señor Smith ficou só con aquel grupo de rapaces, decidiu que era o momento de pór en práctica as tácticas de Anvil para gañar a confianza daquel grupo de estudantes, con que comezaría toda a súa misión en Punguloma.

— Rapaces, vexo que estabades a xogar unha partida de fútbol. Podo unirme a vós?

O señor Smith non se decatou daquela, mais un sorriso cómplice estendeuse polos rostros dos rapaces. Na cara das rapazas, non, porque o novo mestre non reparou nelas en absoluto.

Así, comezaron a partida de fútbol. Os rapaces fixeron correr o señor Smith polo campo. Non pasaron máis de dez minutos até que o home case se arrastrase polo chan. Os 3.300 metros de altitude da vila quitaron o alento ao novo mestre.

Mais aquilo apenas era o comezo.

De súpeto, unha bóla voadora non identificada golpeou o señor Smith nas costas, o que provocou que el aterrase no chan, mais non só iso, a bóla, ao rebote, saíu do campo de xogo a toda velocidade. Rebotou até o bordo, de alí saltou á rúa de abaixo, bateu contra unha carriña que lle deu aínda máis impulso e acabou caendo, costa abaixo, cara ao río, medio quilómetro máis abaixo.

Todos os rapaces soltaron un triste "oooohhhh".

—Mestre, ficamos sen bóla —dixo un rapaz.

O señor Smith case non tivo enerxía para responder.

—¿Sabe unha cousa? Quen bate na pelota, vai por ela —dixo un segundo alumno.

—Élle mesmo así —confirmou un terceiro.

O señor Smith non quería ser duro, tiña que gañar aqueles cativos, era fundamental que Anvil conquistase a vontade desa comunidade, empezando polos nenos e nenas.

— Entendido, vou por ela.

Quitou as chaves do auto do peto, mais antes de dar un paso, outro alumno díxolle:

— Profesor, xa non pode mover o auto. Está en pico e placa.

Pico e placa? Que é iso?

— O sistema polo cal cada auto non pode circular un día á semana. O seu ten a placa rematada en 1. Os autos rematados en 0 e 1 non circulan nas segundas feiras.E hoxe é segunda feira. Non pode mover o auto até esta noite.

— Mais non é un sistema que funciona en Quito?

— E aquí tamén. Non pode imaxinar canto tránsito pode haber por aquí ás veces. Non se pode camiñar polas rúas.

O señor Smith non ía protestar. Probabelmente fose mentira, mais a causa era o máis importante. Encheu os pulmóns coma se necesitase todo o oxíxeno dispoñíbel e seguiu o camiño da bóla. Esperaba que non acabase máis de cincuenta metros abaixo.

Baixou da praza até a rúa baixa e mirou o bordo. A bóla estaba nun prado. Ben, despois de todo, non era tan grave. Esvarou polo terraplén como puido e chegou á bóla. Estaba a piques de recollela cando algo lle tocou a coxa. Virouse. Era unha llama. Non a vira antes. Realmente é difícil non ver unha llama co grande que é. Esta, en concreto, tiña unha expresión malhumorada, como se estivese sempre anoxada. Ademais, os seus dous dentes inferiores sobresaían ameazantes. 

O señor Smith deu dous pasos atrás. A llama, pola súa banda, deu as costas á pelota e deulle un couce típico dun cabalo de dous metros de altura que é puro músculo.

A bóla volveu rodar polo monte. Rodou coma se a perseguise un monstro, mais só foi unha cuestión de física, a lei da gravidade, que a empurraba cara abaixo, até que aterrou noutro campo.

Nese campo non había llama ningunha. O señor Smith asegurouse diso. Estaba case 100 metros máis abaixo. Volveu esvarar polo terraplén. Daba vergoña ver as súas elegantes roupas feitas farrapos. A súa pel e o seu cabelo estaban cincentos polo po que estaba a levantar.

Non había llama naquel eido. Llama, non, mais si había unha labrega. Tratábase dunha vella miúda, mais con cara de poucos amigos. A bóla, na súa caída, arrancara varias tomateiras. Isto non lle gustou á muller, que da que viu o señor Smith agacharse para coller a pelota, comezou a berrarlle en quichua. O home non entendía o que lle dicían, mais intuía que non era nada agradábel.

Porén, non colleu a bóla, porque a muller, amosando unha gran axilidade, golpeouno co mango da aixada que pasou por debaixo das pernas do señor Smith e mandouna rolar aínda pola ladeira.

Aínda máis para abaixo!

Ao señor Smith non lle importaba xa como ía acabar a súa roupa, caeu pola ladeira entre o po. Puido ver a pelota botar e botar, até que se detivo, non noutro campo ou nun prado, senón na parte traseira dunha carriña. Así, a bóla desapareceu na dirección a Ambato.

O señor Smith xa non chegou esvarando até o río, senón rodando. Foi un milagre que non rompese ningún óso, mais a súa roupa de certo iría directamente para o lixo. Máis que mágoa, daba medo velo.

Porén, non todo ía ser unha má noticia. Ao chegar ao val, volveu ter sinal no seu telemóbil. Tamén tivo sorte que o teléfono só acabou coa pantalla rachada, mais aínda así funcionaba. Con todo, máis que ver, tivo que adiviñar os números. Pediu un taxi para que o recollese na intersección das estradas de Ambato e Punguloma.

Cinco horas despois, o señor Smith estaba de volta en Punguloma vestido con roupa nova —aínda que non da calidade a que el estaba afeito— e limpo. Levaba unha pelota nova, moito mellor que a que perdera, e apareceu na praza onde estaban as salas de aula da escola.

Acababa de escurecer e a xente xa estaba nas súas casas. Non había rastro dos rapaces. Só un can veu a saudalo, mais en realidade o animaliño achegouse atraído polo cheiro a naftalina que emanaba da roupa que levaba posta.

Mentres o señor Smith enxergaba as luces das casas circundantes, o director Buri achegouse por atrás del.

— Señor Smith.

Deu a volta.

— O seu primeiro día como profesor pasouno fóra —reprochoulle o director—, así que sinto dicirlle que non volva mañá. Perdeu o seu traballo. Non sabe como é esta profesión.

O Sr. Smith quería chamar o Sr. Booth para recibir instrucións, mais non había campo. Oficialmente fracasara na súa misión. E esa era unha nódoa moi gorda no seu currículo.

O director Buri virouse e desapareceu entre as sombras, mentres o señor Smith enveredaba para o seu auto, sospeitando que decenas de ollos desde atrás das xanelas o vían camiñar derrotado. 

E todo por crer que era superior a calquera. O que máis lle doía, porén, era o seu orgullo. Pobre señor Smith, se el soubese... 


© Frantz Ferentz, 2022

Sem comentários: